'Escándalo no CDG'. A novela por entregas que poderás ler este agosto en VINTE

Portada de 'Escándalo no CDG' para o libro de futura publicación que inaugurará a colección Biblioteca de paixóns. © Pepa Prieto Puy

Xa tes un serial ao que engancharte este verán e non precisas Netflix nin telenovelas turcas. Unha historia tórrida de paixón adolescente e amores mal vistos escrita por Corinna Marx, que é unha autora descoñecida ata agora en Galicia, mais veterana escribindo guións de telefilmes alemáns. 


No mes de agosto as nosas lectoras e lectores van poder coñecer a prosa de Corinna Marx, unha escritora alemá con vínculo galego e que debuta na narrativa na nosa lingua con esta proposta por entregas. Escándalo no CDG é a historia dunha paixón adolescente e dun amor prohibido, inspirada vagamente na relación entre Emmanuel e Brigitte Macron e co mundo do teatro galego como telón de fondo, nunca mellor dito. 

A novela publicarase por entregas entre os días 3 e 30 de agosto. Será este vindeiro luns cando empecemos a coñecer a tórrida historia entre personaxes como Brais, Xela, Talía, Ana ou Eliseo, conectados con personaxes de base real como Quico Cadaval, Víctor Mosqueira e moitos outros nomes da escena galega. De fondo unha función teatral, que non podía ser outra que O soño dunha noite de verán, de Shakespeare. 

A ilustración que acompaña esta novela é da debuxante compostelá Pepa Prieto Puy, e será a portada do libro nunha futura edición impresa que inaugurará a colección “Biblioteca de paixóns”, da que se agardan máis títulos nun futuro próximo. 

Corinna Marx é unha autora alemá coñecida no seu país como autora de novela romántica e guionista de telefilmes. Desde hai dez anos pasa os veráns no Grove e esta é a súa primeira incusión na narrativa en galego. 


 

Todos os capítulos publicados

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.