Capítulo 4: "Primeiras impresións"

© Pepa Prieto Puy

A aparición de Talía causa notable desconcerto entre os rapaces do curso de teatro. As comparacións con Mónica son inevitables, do mesmo xeito que a curiosidade por saber máis desa muller misteriosa.
 

—Que tía tan rara! —berrou Xela coas mans na cabeza.

—Está coma unha cabra! —aplaudiu Hugo, que se esmendrellaba no seu pupitre—. Vistes que mirada de tola? E vaia chapa que nos soltou!

—E por que fala tan baixo?

—Parecía tímida —apuntou Ana timidamente.

—Nunca vin ninguén con menos pinta de ser actriz ca esta muller. De onde a sacarían?

—De Conxo?

—Non sei, pero estamos fodidos. Imos botar a Mónica moito de menos. Con ela xa estabamos facendo exercicios dende o primeiro día, esta en cambio aburre ás ovellas! Cando vin que entrou co proxector case me dá algo.

—Si. É raro —concordou Brais—. De todos os xeitos, o que falou pareceume interesante. 

—Interésache moito o teatro grego?

—Non sabía demasiado sobre o tema. Entroume curiosidade por ler algunha cousa. 

—Daquela estás de noraboa, tes lectura abonda! —espetou Xela amosándolle o feixe de fotocopias de letra miúda e concentrada que Talía lles repartira antes de marchar—. E o que che queda: teatro romano, autos sacramentais, Século de Ouro, Shakespeare, Molière, Ibsen, Chéjov... Obra de teatro non sei se faremos, pero estudar imos estudar abondo.

—Que esaxerada es! Tampouco está mal un pouco de contexto! Dixo que nos ocupariamos durante este mes en repasar textos fundamentais e que despois xa traballariamos no aspecto actoral.

—A min non me desgustou a parte teorica... —moumeou Ana.

—Ei, mirade!

Hugo espiaba dende unha das fiestras que daba ao aparcamento do instituto. Un home duns corenta anos en traxe e garabata, guapo e elegante inda que algo turbio no fondo da mirada, agardaba por Talía apoiado no seu coche, un monovolume familiar escuro cos vidros lixeiramente tintados. Deulle un bico familiar na boca e abriulle a porta do acompañante.

—Quen será ese? —preguntou Xela—. O seu 'maromo'?

—Iso parece —respondeu Brais.

—Pois non está nada mal. Mira ti para a miñaxoia!

 

Corinna Marx

Corinna Marx

Corinna Marx (Stuttgart, 1983) é un nome novo nas letras galegas, mais ten unha ampla traxectoria no seu país, Alemaña, como autora de novela romántica e guionista de telefilmes. Desde hai dez anos veranea no Grove e por fin se animou a escribir unha ficción en galego con referencias ademais moi claras ao mundo do teatro actual. 

En capítulos anteriores

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.