Corinna Marx (Stuttgart, 1983) é un nome novo nas letras galegas, mais ten unha ampla traxectoria no seu país, Alemaña, como autora de novela romántica e guionista de telefilmes. Desde hai dez anos veranea no Grove e por fin se animou a escribir unha ficción en galego con referencias ademais moi claras ao mundo do teatro actual. A partir do 3 de agosto poderemos ler por entregas en VINTE “Escándalo no CDG”.
Que nos podes contar do teu traballo de escritora e cal é a túa relación con Galicia?
Sempre devecín por contar historias. A comezos dos 2000 encargáronme o meu primeiro guión nunha das principais produtoras de ficción alemás: a Frankfurter Filmproduktion. A película chamábase Herbstromantik, que supoño que se pode traducir como Romance Outonizo? Funcionou moi ben, grazas sobre todo ao seu protagonista masculino, Mannfred Schwarz. Dende entón, entrei en plantilla e xa non sei cantos guions de telefilms fixen ata hoxe, máis de medio cento tal vez, e moitos deles sen asinar. O sistema de produción era un pouco coma a Volkswagen. Ás veces véxoos na tele de aquí, bótanos segudo e... non sei, creo que sinto algo de vergonza! (ri). Máis adiante comecei a escribir tamén novela romántica. Adquirín bastante popularidade no meu país (e en Austria e en Suíza) coas historias de Ulrike Scholl, unha especie de Bridget Jones bávara obsesionada polos pretzel e polos homes pouco recomendables. Eu tamén namorei naquela altura dun home pouco recomendable; era executivo dunha empresa portuguesa e fun vivir con el a Lisboa. O amor por aquel home durou o que un pretzel nunha Oktoberfest, pero o amor por Lisboa aínda permanece.
Canto á relación con Galicia… remóntase a 2010, cando vivindo en Lisboa aluguei unha casiña para veranear nunha vila galega moi fermosa que se chama O Grove. Fiquei tan encantada que xa non veraneo en ningún outro lugar. Actualmente, paso tres meses ao ano en Galicia.
Escándalo no CDG é a túa primeira incursión na narrativa en galego?
É. Estou moi nerviosa por iso, debo recoñecelo. Debo agradecer o cariño de moitas amigas e amigos que me animaron a dar o paso e se prestaron a corrixir o meu galego, que é moi aportuguesado, inda que tamén ten cousas de alemán. O outro día dixéronme que no dicionario da Academia Galega aparece a palabra 'weltanschaaung'! (ri).
Por que escolliches o CDG para situar unha historia de amor prohibido coma esta?
Ti que cres? Eu tamén teño unha historia de amor prohibido cunha persoa do teatro galego… (ri pícara). É broma, inda que é certo que teño unha relación sentimental con alguén relacionado con ese mundo, por iso o coñezo bastante ben (non é un amor prohibido, é un amor marabilloso. Oxalá dure). Por outro lado, se algo aprendín na miña experiencia nos telefilmes é que, á hora de contar historias ambientadas nun lugar, hai que buscar referentes coñecidos nese lugar, e cando preguntei aos meus amigos cal sería a culminación dunha carreira teatral en Galicia todo o mundo me falou do Centro Dramático Galego.
Na novela hai referencias á historia de Emmanuel e Brigitte Macron. Inspirácheste nela para armar o romance entre os protagonistas?
Pois si, por que negalo. Fascíname esa relación que naceu tamén a partir dunhas clases de teatro. A diferencia de idade entre Brigitte e Emmanuel, de feito, é moito maior que a dos meus protagonistas. E mira, vense tan ben! Unha relación desas características xera inevitablemente escándalo e rexeitamento social. Pero o escándalo é a materia principal dunha boa historia, así que… foi inspirador.
Vemos como desfilan personaxes reais do mundo da escena galega, como Quico Cadaval, Víctor Mosqueira, Mónica García, Goldi… Como che deu por integralos?
Porque son moi ‘curriños’ e me gustaba incluílos a xeito de homenaxe. Son persoas que coñezo e aprezo persoal e profesionalmente.
Para iso hai que coñecer ademais de perto esa escena. Cal é a túa relación co teatro en Galicia?
Unha relación moi íntima. Xa che digo que teño unha relación sentimental cunha persoa moi viculada a ese mundiño. Por certo, é abraiante o nivel de calidade do teatro galego. Poderían traballar no mundo dos telefilmes alemáns sen dubidalo.
"Se algo aprendín na miña experiencia nos telefilmes é que, á hora de contar historias ambientadas nun lugar, hai que buscar referentes coñecidos nese lugar, e cando preguntei aos meus amigos cal sería a culminación dunha carreira teatral en Galicia todo o mundo me falou do Centro Dramático Galego"
De onde vén o teu interese pola cultura galega?
Por fortuna, dende que cheguei ao Grove coñecín moita xente moi interesante que me amosou o que se fai aquí, e tiven oportunidade de coñecer persoalmente a moitas desas persoas. Son fan, a verdade, de case todo o que se fai aquí: literatura, música, teatro, cinema. Tamén tedes uns restaurantes de primeirísimo nivel, uns viños brancos que me fan tolear e as mellores praias de Europa.
Non es a primeira autora de orixe alemá que se incorpora ao noso sistema literario. Como se ve desde fóra a nosa cultura?
Non son a primeira? Pois alégrome, e espero que se sumen moitas máis. Sinto unha fascinación inmensa polo que se fai aquí, como che dixen antes. Visto dende fóra, imaxino que a cuestión do idioma é problemática. Para min, a inmersión no galego é moi natural, porque cheguei dende o portugués, pero percibo que hai moitos galegos que viven á marxe do seu idioma e da súa cultura, e iso dáme moita pena porque creo que non hai maior tesouro ca unha cultura propia. Tamén che digo que para un alemán que ve unha película galega, ou que le un libro galego, o idioma non é importante. A última vez que estiven en Francfort, uns amigos faláronme da película O que Arde, de Óliver Laxe. Estaban fascinados, pero cando lles expliquei que estaba rodada en galego alucinaron porque non tiñan nin idea. Nin sequera sabían que o galego existía. Agora xa o saben. Ese é o valor da cultura.
‘Escándalo no CDG’ é unha novela lixeira, de paixón adolescente, case un folletín. Por que che interesa este xénero?
Encántame que me lea o maior número de xente posible, que a xente ría ou chore, que se excite ou se indigne cando le as miñas historias. Non creo no elitismo da cultura. Unha boa historia pode conmover a todo o mundo se está ben feita. Canto aos adolescentes, encántame esa idade porque é o momento en que as persoas nos enfrontamos á vida por primeira vez pero sen ningún tipo de experiencia previa: é a vida en estado puro, salvaxe, violenta, cruel e apaixonante, por iso me encanta narrar historias de persoas desa idade.
A novela vaise publicar en VINTE por entregas, a un capítulo por día durante o mes de agosto. Que rutina recomendas (hora, lugar, situación…) para que a gocemos ao máximo as lectoras e lectores?
Relax e goce. Unha boa bañeira, a praia, unha hamaca cun cóctel ao lado… e que a cabeza voe libremente. E se hai escenas un pouco subidas de ton, que unhas persoas llas lean a outras, que xoguen, que imaxinen… É verán. Toca vivir a vida!