Caterina Varela “Levar dez anos cun proxecto como as Residencias Paraíso é toda unha conquista”
Asegura que cada vez “pensa, máis que baila, a danza”, mais a Caterina bailarina resiste, permanece. A danza sempre está, aínda que non sempre sexa o seu propio corpo o suxeito activo. Artista, comisaria, creadora, xestora cultural e curadora... Ser bailarina e ter unha compañía de danza son cousas ben distintas. Sábeo desde os 25, cando levaba xa anos bailando de forma profesional e fundou a compañía La Macana, xunto co seu compañeiro Alexis Fernández. Caterina Varela dirixe tamén o colectivo RPM, que vén de celebrar os seus 10 anos de Residencias e Encontros Paraíso, todo un éxito e “unha auténtica conquista”, segundo explica a artista.