A pandeireteira e mestra Margó Gayoso, en Saiáns. CC-BY-SA Vanesa Vázquez/VINTE
Primeiro foi o baile, con apenas cinco anos, no cole como actividade extraescolar. Despois chegaría a gaita, o acordeón, a pandeireta, a percusión doméstica coas cunchas, tixolas, sachos ou latas de pemento … e o canto, claro, porque todo está relacionado.
Margo Gayoso é unha rapaza de Saiáns (parroquia de Vigo con moita entidade de seu) e unha recoñecida tocadora e mestra de pandeireta e canto. Hoxe en día mantén a súa actividade como docente en Saiáns, mais tamén imparte aulas no Fiadeiro de Vigo, en Moaña ou en Coruxo, onde tamén forma parte do histórico grupo de pandeireteiras A Buxaina. A súa traxectoria inclúe tres discos gravados coas Tanxedoras e numerosas recollidas para se formar e poder ensinar a música tradicional galega con toda a súa riqueza e espontaneidade.

“Eu viña dunha escola influenciada pola Sección Feminina. Era o que había daquela. Pero cando vin o que facían no Fiadeiro quedei abraiada. O folclore era moito máis. Había moitas maneiras de tocar e cantar”, lembra Margó Gayoso.
A tocadora e mestra de pandeireta e canto explica que cando ela comezaba, o baile estaba moi estandarizado e teatralizado: recreaban escenas como as das patelas ou do espantallo e non había moito espazo para a improvisación. Mais cando coñeceu unha rapaza do Fiadeiro e foi á súa primeira recollida a Liñares, no concello de Avión, a mediados dos 90. todo cambiou. “Foi moi revelador. A nosa tradición estaba nesas señoras. Estaba viva. Iso é a nosa cultura”, subliña. Gayoso detalla como quedou impresionada por como tocaban e bailaban, coa súa forza e intención. Era “un baile espontáneo pero cos ritmos que sabían como a xota ou a muiñeira”, asegura.
Cando foi á súa primeira recollida a Liñares, no concello de Avión, a mediados dos 90 todo cambiou. “Foi moi revelador. A nosa tradición estaba nesas señoras. Estaba viva. Iso é a nosa cultura”, subliña
Gayoso estudaba a técnica da gaita, o acordeón ao tempo que seguía coas recollidas por distintos puntos de Galicia. Escoitou o son das pandeiretas e das gorxas das mulleres de Barcia de Mera (Covelo), Cortellas (Soutomaior), A Ermida ou Sequeiros (Pazos de Borbén), Laxoso (Ponte Caldelas), Fumaces (Riós), Cabaleiros (Tordoia) ou Arcos (en Mazaricos). E de todas aprendeu.
Nese traballo de campo foi descubrindo distintas formas de tocar, trazos dialectais ou léxico que trata de conservar e transmitir ao seu alumnado, integrado por arredor dun cento de persoas na actualidade, a súa meirande parte, mulleres. Nas súas aulas Margó Gayoso afánase en transmitir tamén a cultura e non só unha forma de tocar ou cantar. E explica por exemplo a normalidade do "e paragóxico" (o de cantare e bailare) ou como hai lugares onde botan un aturuxo, mais noutros chámanlle arrulo. “Para min é moito máis que aprender pandeireta e canto; hai unha cultura e unha lingua e non as podes separar”, refire.
“Para min é moito máis que aprender pandeireta e canto; hai unha cultura e unha lingua e non as podes separar”, refire
A mestra confesa que este ano “está feliz” porque ten xente nova nas aulas. E concretamente, no Crac de Coruxo está cun grupo de 10 nenas de entre 6 e 11 anos que tocan a pandeireta e falan galego, e iso é "algo marabilloso", segundo comenta.

O recoñecemento das Letras Galegas para as cantareiras neste ano supuxo tamén un revulsivo para a aprendizaxe do baile ou os instrumentos tradicionais. “Notamos moito interese e houbo varios coles que xa preguntaron e van poñer pandeireta e baile como actividade extraescolar”, explica. Para ela foi un acerto a elección das homexeadas deste ano, que serviu para dar a coñecer o mundo da pandeireta a máis xente e, en definitiva, achegar a nosa cultura.
Co gallo das letras as Tanxedoras reuniron a formación orixinal para agasallar cunha canción, a “Xota de Mens” e mesmo un videoclip onde as protagonistas son as súas voces e as pandeiretas. Non fai falta máis.
Margó toca a gaita, que aprendeu na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo co mestre Xaquín Xesteira ou con Luís Correa ‘O Caruncho’; toca o acordeón, o tamboril, o pandeiro e a pandeira, considerada a antecesora da pandeireta, que se conserva na zona dos Ancares. Saca música das cunchas ou sachos e de onde faga falta pero confesa que o que máis lle presta é cantar e tocar coas compañeiras. “O que máis me gusta é o canto colectivo. Ao tocar e cantar creas unha enerxía moi forte”, asegura a mestra, que tamén ten no seu haber composicións para gaita publicadas no libro As que dormen entre o centeo, da AGG (Asociación do baile e a música de tradición galega).
“O que máis me gusta é o canto colectivo. Ao tocar e cantar creas unha enerxía moi forte”, asegura a mestra
Margo Gayoso anima a todas as persoas a aprender e gozar da música tradicional, que é moi rica e moi divertida tamén. E participar nos seráns que se organizan por toda Galicia. “Para min é algo que me enche de orgullo e por iso trato de transmitilo. Antes parece que daba un pouco de vergoña, pero agora xa imos sacando algo máis de peito”, indica. “Para min o de ser de aldea e tocar a pandeireta é un orgullo. Fainos ser o que somos”, conclúe.