A pandereteira Adolfina Casás. © Dorothé Schubarth_Schubarth-Santamarina. Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego
«Os 30 primeiros segundos de obra son só electrónica, antes de que comece a banda e escoitamos sintetizadores feitos a partir das voces e os instrumentos das cantareiras. Escoitamos só ruidos das manipulacións dos micrófonos, das pandeiretas, da taza de café...». O compositor Mario G. Cortizo comenta así o comezo da súa última obra, “As Marxes”, unha composición na que integra as voces e contextos dalgunhas pandereteiras gravadas por Dorothé Schubarth en 1980 coa música que intepreta a banda sinfónica. Un xeito, defende, de poñer en valor a tradición oral das cantareiras e mais ás bandas, verdadeiras escolas para a maioría dos músicos galegos.
Para o seu autor, Mario G. Cortizo, “As Marxes” constitúe unha sorte de documental sonoro, onde a experimentación e a tecnoloxía funden a tradición e a vangarda para prestixiar tamén a cultura da transmisión oral. «Non só escoitamos cantar, escoitamos o ruído, a xente falando, como ri… Por iso digo que é un documental sonoro porque é como se nos metésemos durante 10 minutos nesas cociñas, na recollida que facía Dorothé Schubarth. As cancións non teñen principio nin final, sempre se cortan de maneira abrupta, mestúranse unha con outras, porque non era un concerto, era unha sesión de transmisión», detalla o músico de Lalín, premio Martín Códax das músicas por “Só un solo”.
Cortizo leva moito tempo a investigar e integrar este tipo de arquivos dentro das súas composicións, algo que sempre é un reto, segundo relata. Que podemos facer con estas gravacións que existen? Podemos, explica, citalas, podemos facer un uso de consulta ou podemos, incluso, integralas e este é o caso de “As Marxes”. As gravacións das cantareiras están integradas de xeito que a xente escoita as propias cantareiras no concerto. Escoita a banda que está tocando en directo e tamén as cantareiras.
Nesta obra integra algunhas das cantareiras homenaxeadas nas Letras Galegas: Adolfina e Rosa Casás, e das Pandereteiras de Mens – Asunción Garrido, Manuela e Teresa Lema–, gravadas pola musicóloga suiza Dorothé Schubarth en marzo de 1980
En concreto nesta obra integra algunhas das cantareiras homenaxeadas nas Letras Galegas: Adolfina e Rosa Casás, e das Pandereteiras de Mens – Asunción Garrido, Manuela e Teresa Lema–, gravadas pola musicóloga suiza en marzo de 1980. O material foi recollido pola mesma persoa, co mesmo equipo de gravación nun periodo de tempo similar, que supón un contexto moi propicio para poder relacionalas entre si, detalla o autor. «As gravacións que escollín están feitas no mesmo mes, a unha distancia de 45 km entre Mens (Malpica) e Vila da Igrexa, en Cerceda, pero as interpretacións son totalmente diferentes. Iso é a tradición oral»,defende Cortizo.
Para o músico galego a escolla deste ano das Letras Galegas é «acertadísima» porque recoñece a riqueza da tradición oral. «Faime especial ilusión que teña relación coa música, pero máis alá, o corpus poético é interesantísimo», indica.
Cortizo pon de relevo a existencia de intencionalidade nas súas composicións e interpretacións. Por exemplo, nas gravacións que se conservan de Eva Castiñeira, no disco Recolleita Volume I, «hai unha intencionalidade moi clara, hai unhas letras moi avanzadas para o seu tempo, mesmo feministas, cunha coplas -(No te fíes en los hombres/Anque dighan bien te quero/Al revirar la espalda/Si te he visto no me acuerdo)- con variacións que repiten e para min si que hai iintencionalidade», explica.
Para o músico galego a escolla deste ano das Letras Galegas é «acertadísima» porque recoñece a riqueza da tradición oral. «Faime especial ilusión que teña relación coa música, pero máis alá, o corpus poético é interesantísimo», indica
«Ao final elas tamén tiñan as súas sinaturas, que son esas coplas que lles gustan e que van repetindo, aínda que a canción cambie. E iso é algo moi sifnificativo da literatura», argumenta Mario G. Cortizo.
Esta obra, que forma parte dun proxecto maior, está pensada para intepretar por unha banda de música, un xeito tamén de prestixiar a estas agrupacións populares. «En todas as aldeas había unha banda. Son a escola onde nos formamos a maioría dos músicos de Galiciae creo que hai que poñer en valor o seu prestixio social tamén», indica o artista sonoro. «As orquestras sinfónicas teñen moito máis valor social e orzamentario. E ao final as bandas están cubrindo un papel social que non se está recoñecendo tanto, representan un mundo popular que é tan noso», acrecenta.

Agora, a obra está a disposición das bandas de Galicia para que a poidan tocar, máis alá das Letras Galegas. «Eu non fixen unha obra perecedeira, teño a intención de que se poida tocar dentro de 10 anos e teña o mesmo valor que agora», indica. Ademais, a súa intención é facer unha serie de obras, con este concepto de integrar as gravacións de tradición oral e outras formacións como pode ser unha orquestra, un grupo de cámara ou o que sexa», adianta o autor.
«Hai cousas que non se poden plasmar nunha partitura. Hai ritmos tradicionais, o swing, o jazz americano ,as muiñeiras non se poden escribir. Hai certas inflexións de afinación que non se reflexan nunha partitura e esa é a riqueza da tradición oral», di Cortizo
O nome da composición, “As Marxes”, fai referencia a todo aquilo que non se pode escribir nunha partitura. Aínda que sempre se di que a música é unha linguaxe universal, para o autor isto é «unha gran mentira». Cortizo detalla que a que se vende como universal é a música de notación occidental pero «hai cousas que non se poden plasmar nunha partitura. Hai ritmos tradicionais, o swing, o jazz americano as muiñeiras non se poden escribir. Entón hai certas inflexións de afinación que non se reflexan nunha partitura e esa é a riqueza da tradición oral, todo iso que non se pode plasmar»
Ademais, “As Marxes” tamén fai referencia a toda a riqueza da creación oral que está fóra dos grandes centros de poder económico e cultural. «Por sorte, precisamente por estar nesa marxe xeográfica do límite de Europa tivemos a sorte de quedar fóra e iso foi o que nos permitiu conservar as tradicións», explica.

Paradoxalmente, esta obra naceu a raíz dun encargo do director da banda de música de Bilbao –onde se estreou en marzo-, que lle propuxera traballar en algo que tivese electrónica e o folclore galego que adoita empregar. «Esa foi a proposta e despois, no verán, cando xa estaba anunciada a temporada de concertos de Bilbao (pero eu non sabía que ía facer aínda) foi cando saiu isto das Letras Galegas e decidín centrarme no repertorio das pandereteiras», indica.
O pasado 8 de maio Teatro Colón da Coruña acolleu a estrea galega da composición, dentro do Festival Resis, e foi algo moi especial, segundo explica o autor, coa banda municipal da Coruña. Máis de 50 anos despois da súa primeira actuación en público, as Pandereteiras de Mens regresaban ao Teatro Colón grazas á tecnoloxía.
Próximos traballos
Cortizo continúa coa xira de xira de “Só un solo” que o levará o 28 de maio a abrir o festival Realtime en Bremen. «Voulle contar a receita das filloas de sangue en galego a un grupo de alemáns», chancea. Unha xira que fará paradas con outras presentacións en Cataluña entre xuño e xullo.
Ademais, o 16 de xullo estrea o espectáculo “Hort” no festival de Perelada. «É un terreo híbrido entre a ópera e a música experimental. Un monólogo para unha cantante cun grupo instrumental de seis músicos e moita electrónica. Unha composición a seis mans. E tamén estarei dixindo coa batuta por primeira vez. É un reto», explica Mario G. Cortizo.
A comezos de xullo estreará en Madrid Tamén unha versión de “María de Buenos Aires”, a ópera de Piazzola, co cantante coruñés Borja Quiza, que chegará en setembro a Ferrol e a Lugo.