Vinte na rúa: Coro Vila Galicia. «A xente ponse contenta connosco e iso é moi bonito. Mentres poidamos andar, iremos cantar»

Coa colaboración de

Quince anos non é nada, como di a canción, mais xa supón un bo tempo para manter vivo un proxecto altruísta como é o Coro Vila Galicia, con sede en Vigo, e que percorre a provincia animando a xente alá onde o chaman como centros de día ou hospitais. Vinte na rúa fai parada desta vez no local de ensaio desta agrupación fundada en 2009. Acordeón, batería, gaita ou pandeireta acompañan as voces destas persoas xubiladas que teñen moito que achegar e ensinar á sociedade.

Nos límites do barrio do Calvario os luns pola tarde afinan voces e instrumentos para manter en boa forma a iniciativa que acada sorrisos e bailes insospeitados en residencias de anciáns. O coro anima a xente maior sen deixar de ser en si mesmo xente maior que se beneficia e motiva por formar parte del. 

 

En 2009 botou a andar este proxecto que coordina Carmen García Garrido, viguesa de 77 anos. «Aquí o que buscamos é pasalo ben, divertirnos e facelo pasar ben á xente», explica Carmen. O coro, formado por 22 persoas actúa por distintos lugares como asociacións de veciños, centros culturais, festas nos barrios, centros de día, hospitais ou residencias de maiores. E resulta nestas últimas, onde acoden de forma altruísta, onde máis proveito sacan a nivel emocional, porque consiguen animar a persoas maiores coma eles, que están peor de saúde, pero que agradecen moito a visita do grupo musical.«Nas residencias facemos bailar á xente e facémola rir», comenta Carmen García con naturalidade. 

Algúns membros do coro maiores Vila Galicia, de Vigo, durante un ensaio. CC-BY-SA Vanesa Vázquez/VINTE

No Vila Galicia contan cun gaiteiro, un acordeonista e mais un batería xunto ás voces doutras dezanove persoas, na súa meirande parte mulleres, xa que os homes, asegura Carmen García, anímanse menos. «Cansan enseguida», lamentan.

Cancións como “A Rumboia” , “Catro Vellos Mariñeiros” “O roubador”, “Carmiña Carmela”, “Se chove” ou “Pasobre para ti” forman parte do repertorio actual do coro, que realmente é un grupo de canto con música.

No Vila Galicia contan cun gaiteiro, un acordeonista e mais un batería xunto ás voces doutras dezanove persoas, na súa meirande parte mulleres, xa que os homes, asegura Carmen García, anímanse menos. «Cansan enseguida» , lamenta

«Isto supón algo polo que saír da casa, ter algunha cousa pendente», explica a delegada do coro que tamén preside a asociación de xubilados e pensionistas Vila Galicia, onde xogan a partida, fan obradoiros de memoria ou mesmo organizan un «pincho» como escusa para reunirse. «Para os maiores isto é boísimo, porque nos obriga a movernos, ten que ver tamén coa memoria e con ser parte de algo, claro», detalla García Garrido.

O coro Vila Galicia ensaia todos os luns pola tarde. CC-BY-SA Vanesa Vázquez/VINTE

Aínda que non foi o primeiro, o gaiteiro Antón Sánchez , vigués de 73 anos, xa leva desde 2010 no coro. Os seu ollos escintilean cando fala da experiencia de ir tocar para os maiores que viven nas residencias, os centros da« segunda xuventude», di Sánchez. «Algún case non se poden mover, pero bailan nas súas cadeiras, emociónanse  e mesmo choran. A música é unha linguaxe universal, que todo o mundo entende», asegura o gaiteiro. 

Para Antón Sánchez, gaiteiro e músico autodidacta, o maior beneficio é a gratitude da xente. «Non se trata de diñeiro», subliña mentres afina a gaita para interpretar a “A Rumboia” cos seus compañeiros e compañeiras

Para Antón Sánchez, que é músico autodidacta, o maior beneficio é a gratitude da xente. «Non se trata de diñeiro», subliña mentres afina a gaita para interpretar a “A Rumboia” cos seus compañeiros e compañeiras. 

Foi en 2009 cando varios membros da asociación que facían un curso de canto na Deputación de Pontevedra decidiron poñer en marcha o proxecto do coro. A asociación xa levaba tempo en marcha, pero sen grupo musical e foi tan ben a experiencia do canto, que quixeron darle continuidade. Daquela estaba xa na asociación María Ángeles Costales, viguesa do Calvario, de 86 anos. Costales subliña que pertencer á asociación e ao coro faille saír da casa e «sempre agudiza un pouco a memoria». 

María Ángeles Costales lembra especialmente as últimas actuacións nas residencias como a da Pastora, a do Meixoeiro ou a que está en Panxón (Nigrán) e mesmo as dos centros de día. «A xente ponse contenta connosco e iso é moi bonito. Mentres poidamos andar, iremos cantar», asegura.

M. Ángeles Costales (segunda pola esquerda) leva no coro Vila Galicia desde o seu comezo, en 2009. CC-BY-SA Vanesa Vázquez/VINTE

«O sorriso desas persoas cando nos escoitan cantar é o máis bonito. Iso é o que máis me gusta». Manuel Chantrero é dos últimos en incorporarse ao grupo. Residente en Salvaterra do Miño, aínda que é de Monterrei (Ourense), relata que ten outras ofertas para formar parte de agrupacións musicais polas terras do Condado, mais está tan a gusto no Vila Galicia que vén de boa gana todos os luns a ensaiar a Vigo.

«É moi reconfortante porque imos a centros da terceira idade ou hospitais e chegas alí e ves a xente coa cabeza baixa na cadeira de rodas, pero cando cantamos erguen a cabeza, e rin. É como se revivisen», explica Manuel Chantrero, de 74 anos

Chantrero, de 74 anos, apenas leva un ano dentro da asociación mais asegura que se sente moi ben integrado e animado coas actividades que fan como é o caso das excursións. Con todo, o que máis valora son as actuacións para os maiores. «É moi reconfortante porque imos a centros da terceira idade ou hospitais e chegas alí e ves a xente coa cabeza baixa na cadeira de rodas , pero cando cantamos erguen a cabeza, e rin. É como se revivisen», explica. «Realmente eu creo que facemos un labor moi importante. Eu síntoo así», defende Manuel Chantrero, que destaca o traballo que fai a directora e animadora do coro, Mari Carmen García Pazos, que tamén toca as castañas e máis a pandeireta; así como de todos os músicos, de «gran valía». «Mais que un coro somos un grupo de canto con música», indica.

Antón Sánchez toca a gaita e Antonio Collarte o acordeón no coro Vila Galicia. CC-BY-SA Vanesa Vázquez/VINTE

No Vila Galicia o acordeón é cousa de Antonio Collarte, ourensán de 82 anos, que ten unha ampla traxectoria en distintos grupos tanto en Ourense como en Vigo e mesmo en Ferrol. Ao Vila Galicia Collarte chegou hai oito anos e a día de hoxe segue a estar moi satisfeito co grupo, sobre todo porque axudan a xente. «Xa quixera eu, se chego a estar así,  que viñeran alegrarme un pouco a vida. Aquí estamos sen ánimo de lucro», salienta Collarte, mentres prepara o seu acordeón para o ensaio. É luns e non hai tempo que perder.

Vanesa Vázquez

Vanesa Vázquez

Viguesa do Calvario. Comecei e aprendín en Atlántico Diario, Radio Vigo e Expansión. Cada día conta e agora contámolo en VINTE e Praza.gal. 

Tamén che interesa

  • VINTE na rúa, con Olalla Fabeiro e Rubén Pereira. «O rallye é un deporte xenial. Todo o mundo che bota unha man»

    «Para min pasar a fin de semana correndo, rodeada de xente á que lle gusta o mesmo ca a min e facendo o que me gusta, paréceme marabilloso». Olalla Fabeiro é corredora de rallyes. Unha afección que lle vén de familia e goza de cada carreira co seu Peugeot 106, onde traballou arreo xunto ao seu mozo, Rubén Pereira, para estaren á altura na competición.

    Fabeiro defende que cada vez hai máis mozas que non teñen medo a correr e que os estereotipos están a cambiar, aínda que queden «cabezas cadradas ás que lles custa comprender que os deportes non son nin femininos nin masculinos». 

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

  • VINTE na rúa, con Carlos Crespo. «A Duendeneta é vivir dentro dun corazón no que latexa a música e iso engancha»

    «Nacín en Eibar, fillo de emigrantes galegos como tantos outros. Estudei xornalismo en Bilbao e fuxín de alí no ano 92. Sempre fun un cu inquedo».  Carlos Crespo leva en marcha coa Duendeneta desde 2012, aínda que ela xa fixo os 50 anos. Nacida como unha Discoteca Móvil Vintage segue a percorrer Galicia coñecida e recoñecida pola súa selección musical e a habilidade para crear festa alá onde vai. 

    «Teño pouco ego, pero algo do que me sinto moi orgulloso é dese compromiso que sempre tiven coa difusión da música en galego, tanto no xornalismo como pinchando», subliña.

    VINTE na rúa

    Co patrocinio de

  • Planetaristas. «A xente non é consciente do que está a perder por non mirar o ceo»

    Nin é vídeo nin cine: é o ceo de fóra metido alí dentro, nunha cúpula.Sentas e pensas que estás no chan no medio da nada vendo as estrelas de verdade, que realmente o son. Os planetaristas da Coruña falan dun traballo moi especial, que acada exclamacións de asombro, emoción, sempre aplausos e bágoas por veces cando amosan e explican a inmensidade estelar coa axuda do seu querido proxector analóxico Zeiss. No planetario pódese viaxar no espazo e no tempo. É un lugar case máxico. 

    Vinte na rúa fai parada no ceo para falar con Miguel López Caeiro, José Luis Soto Bernárdez, José Antonio Pérez Quintas, Irene Baspino Fernández e Inés Carvallo Cavero, planetaristas.

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

  • VINTE na rúa, con Pablo e Lorena. «Ter a tenda de discos é un acto de resistencia total»

    «Isto non pasa nunha tenda online», di Pablo Iglesias sentado tras o seu portátil nunha mesa de traballo de carpinteiro. Acaba de entrar pola porta da tenda El Muelle 1931 a terceira persoa que só quería parolar, preguntar algunha dúbida técnica ou preguntar por algo da música que teñen. Na compostelá rúa de San Pedro, vía de entrada de moitos peregrinos á cidade vella, vender vinilos, casetes, fanzines, libros de pequenos selos editoriais, serigrafías e ilustración non é o máis rendible. Pero nin Pablo Iglesias nin Lorena Durán estaban pensando niso cando apostaron por este baixo no número 57 con paredes de pedra, querían ter «un oasis» no que compartir e crear sinerxías; e conseguírono.

    VINTE na rúa

    Co patrocinio de

  • VINTE na rúa, con Mor Talla. «Con 19 anos merquei unha máquina de coser sen saber nin onde levaba a agulla»

    Chega unha nova entrega de Vinte na rúa, que desta vez fai parada no centro de Vigo para coñecer a historia de Mor Talla, un senegalés responsable dos deseños de camisetas ou bolsos que xa forman parte da paisaxe urbana cos seus motivos culturais africanos.

    Con 19 anos mercou unha máquina de coser sen saber nada de costura. Daquela estaba en Mauritania, mais xa traballara en Mali ou Costa de Marfil. Hai case 20 anos que Mor Talla vive en Vigo. Alí ten unha tenda de roupa e unha filla de 10 anos, convertida na súa fonte de inspiración para crear deseños relativos ao poder da muller. 

    VINTE na rúa

    Co patrocinio de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.