VINTE na rúa, con Olalla Fabeiro e Rubén Pereira. «O rallye é un deporte xenial. Todo o mundo che bota unha man»

Coa colaboración de

«Para min pasar a fin de semana correndo, rodeada de xente á que lle gusta o mesmo ca a min e facendo o que me gusta, paréceme marabilloso». Olalla Fabeiro é corredora de rallyes. Unha afección que lle vén de familia e goza de cada carreira co seu Peugeot 106, onde traballou arreo xunto ao seu mozo, Rubén Pereira, para estaren á altura na competición.

Fabeiro defende que cada vez hai máis mozas que non teñen medo a correr e que os estereotipos están a cambiar, aínda que queden «cabezas cadradas ás que lles custa comprender que os deportes non son nin femininos nin masculinos». 

 

Olalla: Realmente se miras unha lista de inscritos a cousa non pinta ben. No Rallye que imos correr nun par de semanas, o da Ribeira Sacra, en 138 coches só imos dúas chicas pilotando. Penso que é algo que ten que cambiar.

O que si que noto é un aumento de mulleres copiloto, e non porque sexan “parellas de”, que é algo que se tende moitísimo a pensar: “Vai correr Pepito con Manolita” “Ah, pois serán mozos”. Imaxino que é normal entrar no mundo do motor porque á túa parella lle guste e queiras correr con el, pero non sempre é así. No noso caso, por exemplo foi un pouco ao revés. A Rubén gustábanlle os coches dende sempre, pero non correu ata que me coñeceu. 

Rubén: Tíñao pensado, pero claro, se o fas só, abúrreste. Ao final xurdiu sen darlle moitas voltas, en plan. “Temos un coche tirado na veiga, vaise pudrir aí ou non?” *risas*

Olalla Fabeiro revisando o seu coche. CC-BY-SA Javi Quiroga

Olalla: Tiñamos un Peugeot 106 e decidimos poñernos a traballar nel. A conversa empezou na subida de Ponte Caldelas, a mesma que imos correr mañá. Foi a primeira carreira á que fomos xuntos e pensamos: “A ver, se esta xente está correndo, nós igual tamén podemos facelo”. Comezamos na ponte da Constitución; en decembro cambiamos o motor, en xaneiro puxemos as barras… queriamos chegar ao de Noia, que é en marzo pero non o conseguimos . Rubén é súper alto e e eu son baixiña, e ao final non nos collían os baques -os asentos- para que puideramos turnarnos os dous de piloto e copiloto. Ao final corremos o primeiro rallye en maio. Pese a todo, foi todo moi rápido. Hai moitas formas de facer un coche, nós, o que fixemos foi centrarnos en ter ben os elementos de seguridade. Pasamos máis do tema do motor, dos cabalos…

Rubén: Ou do postureo. De deixalo todo bonito: ben pintadiño, cos cables ben ordenados, ou..

Olalla: Podería estar mellor, pero non fixemos unha chambonada. Sabiamos que facer un proxecto de coche “top” supoñía esperar tres anos para correr. Nós diciamos: “Mira, montamos este rápido e xa o melloraremos”.

Rubén: Tiñamos ganas de empezar a correr.

Rubén Pereira Olalla Fabeiro durante a verificación dos coches para a VII Subida de Ponte Caldelas. CC-BY-NC Javi Quiroga

Olalla: Meus pais sempre estiveron moi a tope cos rallyes e eu ía con eles de pequena. Imaxino que aí me empezou a gustar este mundo. Non sei se é algo habitual hoxe en día, pero si que penso que os estereotipos están cambiando. Aínda quedan cabezas cadradas ás que lles custa comprender que os deportes non son nin femininos nin masculinos, pero cada vez hai máis chicas que non teñen medo e as que, se lles gusta correr, non dubidan en montar o seu propio coche. É algo que hai que promover, penso. Hai que baixar os prezos dos campionatos e facer copas de promoción económicas. Que corramos todos, chicas e chicos, que todo o mundo que queira poida entrar. 

«O que non se pode facer son cousas coma algunhas que se tentaron no pasado para favorecer que entraran mulleres no mundo do motor, como meter unha copa feminina dentro dunha mixta», defende Olalla Fabeiro

O que non se pode facer son cousas coma algunhas que se tentaron no pasado para favorecer que entraran mulleres no mundo do motor, como meter unha copa feminina dentro dunha mixta. A Federación Galega ten un campionato que se chama Volante FGA, e dentro desa copa de promoción tentaron facer unha só para mulleres. O que quere dicir é que ía ser un campionato mixto, con homes e mulleres, pero que dentro desa estaba incluída a proba feminina onde, incluso se quedabas de última, mentres foras a primeira das chicas, levabas a copa feminina. E os premios? Os premios tela. Penso que houbo algún ano en que deron pasta en metálico pero houbo outro, no 2021, en que os patrocinadores eran Gadis e unha tenda de roupa íntima, e o premio, en vez de ser rodas para o coche ou diñeiro, era roupa interior ignífuga. As mulleres que ian participar armaron a de San Quintín e moitos dos chicos - que é algo que me parece moi heavy- puxéronas de esaxeradas: “Non vos queixedes, que aínda vos dan unhas bragas”. Pois cando gañes ti ímoste dar una calzóns, listo, a ver que che parece. Xuntáronse todas, unha chamou á TVG, outra ao Gadis, e botárono abaixo. Menos mal. Quero engadir que a federación actual non é a que promoveu esa copa. Agora hai outra e a cousa vai mellor, baixaron o custo das licenzas, por exemplo, e iso axuda moito.

Pese a cousas como está este é un deporte xenial. Todo o mundo che bota unha man e hai moita deportividade. Fállache o coche e, das 300 persoas que están correndo, 300 van vir a axudarche na asistencia. É algo que me axuda a crer máis no ser humano.

«Correr xuntos non mudou a nosa relación. Temos momentos de “rifirrafes”, si, pero sempre por tonterías, pero cando pasa algo importante, algo en plan que o coche falla no medio do rallye ou non nos acende o día anterior, neses momentos de presión levámonos ben e tranquilizámonos o un ao outro», explica Rubén Pereira

Rubén: A xente é fantástica. E nós entendémonos ben. Correr xuntos non mudou a nosa relación. Temos momentos de “rifirrafes”, si, pero sempre por tonterías, tipo que a un non lle apetece traballar no coche e ao outro si, pero cando pasa algo importante, algo en plan que o coche falla no medio do rallye ou non nos acende o día anterior, neses momentos de presión levámonos ben e tranquilizámonos o un ao outro. Agora estamos nun momento de debate interno dentro do equipo. Conseguimos un motor mellor, pero montalo dá moito traballo e é fácil que falle máis. Eu quero poñelo para o ano que vén e Rubén quere seguir co que temos e cambialo para o seguinte. 

Rubén: Non é chegar e poñelo. Hai que facer o cableado, probalo e facer que funcione. Eu quero facelo dentro do coche e despois metelo. Non ter o coche parado medio ano. 

Olalla: A ver, é que o peor deste deporte é o desembolso económico: mercar un coche, preparalo, a roupa ignífuga, pagar 400 euros por cada rallye, a gasolina… son moitos cartos. Vas tirando grazas aos patrocinadores, pero non é fácil, e moitos xa che din que non directamente. Profesionalizarse é case imposible. Aí si que tes que facer un investimento enorme e non tes ningunha garantía. 

«Ti vas correndo e, aínda que o teu Peugeot non valla para nada e vaias de última, hai 300.000 persoas nas cunetas animándote como se foras o máximo. Xa só esa sensación fai que todo pague a pena», explica Olalla Fabeiro

Rubén: É coller 30.000 euros ao principio de ano e apostalos: pódeche saír ben, pero probablemente non, porque gaña un nada máis.

Olalla: E o que pode pasar é que fagas o investimento, reventes o coche despois de 3 kilómetros na primeira proba, e aí remate todo. Os nenos e as nenas cando empezan a xogar ao fútbol queren ser Messi, e os que corremos rallyes Carlos Sainz, pero isto é un hobby: é case imposible facerse profesional. Pero é suficiente. Para min pasar a fin de semana correndo, rodeada de xente á que lle gusta o mesmo ca a min e facendo o que me gusta, paréceme marabilloso. Despois de pasar 6 ou 7 meses traballando no teu coche, ver que todo vai ben, que todo funciona e que todo responde, é un logro persoal enorme, algo que non se pode describir moi ben. Ti vas correndo e, aínda que o teu Peugeot non valla para nada e vaias de última, hai 300.000 persoas nas cunetas animándote como se foras o máximo. Xa só esa sensación fai que todo pague a pena.

Javi Quiroga

Javi Quiroga

Javi Quiroga conta historias da xente e failles fotos. Despois compárteas en VINTE, en O Novo Normal, ou onde lle cadre. Vive na Coruña.

Tamén che interesa

  • VINTE na rúa, con Carlos Crespo. «A Duendeneta é vivir dentro dun corazón no que latexa a música e iso engancha»

    «Nacín en Eibar, fillo de emigrantes galegos como tantos outros. Estudei xornalismo en Bilbao e fuxín de alí no ano 92. Sempre fun un cu inquedo».  Carlos Crespo leva en marcha coa Duendeneta desde 2012, aínda que ela xa fixo os 50 anos. Nacida como unha Discoteca Móvil Vintage segue a percorrer Galicia coñecida e recoñecida pola súa selección musical e a habilidade para crear festa alá onde vai. 

    «Teño pouco ego, pero algo do que me sinto moi orgulloso é dese compromiso que sempre tiven coa difusión da música en galego, tanto no xornalismo como pinchando», subliña.

    VINTE na rúa

    Co patrocinio de

  • VINTE na rúa, con Pablo e Lorena. «Ter a tenda de discos é un acto de resistencia total»

    «Isto non pasa nunha tenda online», di Pablo Iglesias sentado tras o seu portátil nunha mesa de traballo de carpinteiro. Acaba de entrar pola porta da tenda El Muelle 1931 a terceira persoa que só quería parolar, preguntar algunha dúbida técnica ou preguntar por algo da música que teñen. Na compostelá rúa de San Pedro, vía de entrada de moitos peregrinos á cidade vella, vender vinilos, casetes, fanzines, libros de pequenos selos editoriais, serigrafías e ilustración non é o máis rendible. Pero nin Pablo Iglesias nin Lorena Durán estaban pensando niso cando apostaron por este baixo no número 57 con paredes de pedra, querían ter «un oasis» no que compartir e crear sinerxías; e conseguírono.

    VINTE na rúa

    Co patrocinio de

  • VINTE na rúa, con Mor Talla. «Con 19 anos merquei unha máquina de coser sen saber nin onde levaba a agulla»

    Chega unha nova entrega de Vinte na rúa, que desta vez fai parada no centro de Vigo para coñecer a historia de Mor Talla, un senegalés responsable dos deseños de camisetas ou bolsos que xa forman parte da paisaxe urbana cos seus motivos culturais africanos.

    Con 19 anos mercou unha máquina de coser sen saber nada de costura. Daquela estaba en Mauritania, mais xa traballara en Mali ou Costa de Marfil. Hai case 20 anos que Mor Talla vive en Vigo. Alí ten unha tenda de roupa e unha filla de 10 anos, convertida na súa fonte de inspiración para crear deseños relativos ao poder da muller. 

    VINTE na rúa

    Co patrocinio de

  • Planetaristas. «A xente non é consciente do que está a perder por non mirar o ceo»

    Nin é vídeo nin cine: é o ceo de fóra metido alí dentro, nunha cúpula.Sentas e pensas que estás no chan no medio da nada vendo as estrelas de verdade, que realmente o son. Os planetaristas da Coruña falan dun traballo moi especial, que acada exclamacións de asombro, emoción, sempre aplausos e bágoas por veces cando amosan e explican a inmensidade estelar coa axuda do seu querido proxector analóxico Zeiss. No planetario pódese viaxar no espazo e no tempo. É un lugar case máxico. 

    Vinte na rúa fai parada no ceo para falar con Miguel López Caeiro, José Luis Soto Bernárdez, José Antonio Pérez Quintas, Irene Baspino Fernández e Inés Carvallo Cavero, planetaristas.

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.