Vinte de Foliada. En Ourense
Vinte de Foliada foi buscar a música a Ourense. Neste sábado previo ao San Martiño celebrouse o Magosto de Sempre, unha festa con catro décadas de historia, onde o churrasco e o viño dan paso á música e o baile. Aquí, en Monteledo, hai foliada, e das boas.
Nesta festa coinciden persoas de distintas asociacións culturais da cidade como A Galleira, Algaravía, A Cunheira ou da Asociación Ourensá de Folclore. Xúntanse arredor de 400, que acaban bailando a Xirondiña en grupo ben entrada a tarde. O peso da organización cae a día de hoxe na Galleira, pero todas e todos botan unha man.