Aulas de baile da agrupación Brincadeira, en Santiago. CC-BY-SA VINTE
En Santiago non é raro escoitar unhas pandeiretas ao lonxe mentres camiñas pola rúa á tardiña. Neste episodio compostelán do podcast Vinte de Foliada achegámonos a unha das agrupacións senlleiras da cidade: Brincadeira e falamos con Montse Rivera, mestra de baile e á que coñecemos tamén polo histórico grupo Leilía.
Das aulas de Brincadeira imos ata as da Gentalha do Pichel, onde semanalmente varios grupos bailan e comparten experiencias ao remate do traballo. E tamén quixemos coñecer o traballo de Carme Campo, Chus Caramés e Ana Lenza, artífices do proxecto Andar cos Tempos, no que decidiron eliminar os roles de xénero do baile tradicional e afondar no que é, unha linguaxe viva. Porque a tradición é agora.
Son moitas e moi variadas as asociacións e agrupacións que manteñen vivas en Compostela a música e o baile tradicionais do país. Brincadeira está instalándose aínda nun novo local cedido por un ano polo Concello de Santiago, ao que chegan tras ter que abandonar o espazo no que ensaiaban e impartían aulas dende o ano 1993, a causa das queixas polo ruído. Este novo espazo está no Carme de Abaixo, rodeado dun xardín e cunhas privilexiadas vistas da cidade vella.
A cuarta entrega do Podcast Vinte de Foliada percorre as rúas de Santiago da man da xornalista Ana Liste. Este novo capítulo xa se pode escoitar na nosa web e nas redes sociais de VINTE, en Ivoox , en Spotify en Apple Podcast e, en breve, tamén, Podgalego. Podes seguirnos tamén a través do noso RSS feed.
Montse Rivera, integrante do mítico grupo Leilía, que foron as pioneiras en levar as coplas populares das mulleres das aldeas aos escenarios nos anos noventa, tamén é parte de Brincadeira, onde imparte aulas de baile ademais de ser unha máis do grupo artístico. Rivera explica que o alumnado aprende alí o que hai detrás dos puntos, dos pasos que definen o baile, e o que significaban para a xente que os inventou.
Rivera quixo explicar tamén de onde vén o que agora podemos chamar ‘boom’ das foliadas, porque sempre hai unha primeira semente que permite que despois cheguen todas as flores.
Neste capítulo falamos tamén co alumnado que acode ao local da Gentalha do Pichel. Despois da clase de baile, xúntanse para compartir un tempo de parola distendida na que seguen comentando os puntos que sacaron, ou os que van querer sacar nas vindeiras sesións; pero tamén cousas da vida diaria.
Vinte de Foliada conversa tamén con Carme Campo, Chus Caramés e Ana Lenza, artífices do proxecto Andar cos Tempos. A iniciativa comezou no ano 2015 cando nas ensinanzas do baile tradicional galego repararon en que estaban a transmitir uns estereotipos de xénero que xa desbotaran noutros ámbitos da súa vida e que tamén están presentes nesa tradición que replicaban
O seu traballo ten unha das súas expresións máis festeiras nos Tresfoliando, encontros nos que diferentes escolas da cidade se xuntan, tocan, bailan, botan uns contos. Comezaron sendo tres escolas e agora xa se xuntan seis… Itaca, A Gentalha do Pichel, Viva Antes, A Semente, o Centro Sociocultural de Conxo, as aulas de música tradicional para crianzas do barrio e mais San Martiño Pinario. Xentes moi dispares en xénero, oficios… e tamén idades, diálogo interxeracional que ten en común pasalo ben coma antes… E como agora.
Vinte de Foliada é unha produción da Fundación Praza Pública para VINTE coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua, Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia
Na redacción, produción e locución deste episodio estiveron Ana Liste e David Lombao.