Vinte de Foliada. En Vigo

Coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua - Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

A terceira entrega da serie podcast Vinte de Foliada chega a Vigo para comprobar que si, que na maior cidade de Galicia tamén hai foliada. Cada vez hai máis xente que quere aprender a sacar un punto, a tocar a pandeireta para pasalo ben máis aló da Festa da Reconquista, cando os grupos locen as súas mellores galas. Neste episodio coñecemos os seráns que se fan cada quince días no parque de Castrelos, falamos co bailador e mestre vigués Artur Puga que celebra as "foliadas de cidade" ou co investigador Luís Prego, que nos relata unha viaxe de ida e volta dos bailes, que saíron das aldeas para subir aos escenarios e agora volven baixar para devolverllos á sociedade. 

 

Acudimos a Castrelos un xoves de outubro á tardiña. Alí, entre as grandes árbores e ante os parrulos que nadan no estanque, pronto se xuntan as foliadeiras, na súa meirande parte mulleres, que tocan a pandeireta, a gaita ou simplemente queren bailar e cantar.

Neste terceiro episodio do podcast Vinte de Foliada coñecemos, da man da xornalista Vanesa Vázquez, que en Vigo a cultura tradicional está moi viva, por exemplo, nos seráns de Castrelos ou nas aulas de baile e paideireta das distintas asociacións da cidade, desde a ETRAD ao Fiadeiro. A nova entrega do Vinte de Foliada xa se pode escoitar na web e nas redes sociais de VINTE, en Ivoox , en Spotify e en breve, tamén, en Apple Podcast e Podgalego. Podes seguirnos tamén a través do noso RSS feed. 

 

En Castrelos atopamos a Begoña Castro, unha das que nunca faltan, aos xoves cada quince días, nunha cita que xa existía antes da pandemia, aínda que ela se uniu despois. “A maioría da xente vén bailar, aínda que toquen instrumentos prefiren poñerse a bailar se hai alguén que xa toque ou cante, e socializar, coñecer xente, claro”, explica Begoña Castro. 

Dania é da Guarda, mais vive en Vigo. Toca a gaita desde os cinco anos, pero nos últimos tempos xa só sacaba a gaita nas Festas da súa vila ou ou ocasións moi concretas. Iso era así ata que atopou hai pouco máis dun mes os seráns de Castrelos. Alí tamén adoita ir María, que apenas leva un ano nisto das foliadas. Ela decidiu aprender logo da festa da Reconquista, “que fai que apeteza o baile”, segundo relata, e en Castrelos sempre aprende algún punto.

Nos últimos anos as escolas de música e baile tradicional estar a experimentar unha suba de alumnado, sobre todo, desde o fenómeno das Tanxugueiras no Benidorm Fest en 2022. Hai décadas era era moi habitual que nas escolas de Vigo se ofrecese o baile galego como actividade extraescolar, unha oferta que foi esmoecendo pouco pouco ata estes últimos tres anos que o tradi volve emerxer e con iso as ganas de aprender.

O Fiadeiro, Trespés, A Buxaina, as asociacións do Casco Vello, Sárdoma, Cabral ou Navia. Milleiros de persoas en Vigo queren aprender para se divertir e poder participar activamente das foliadas.  Falamos co bailador e percusionista Artur Puga, fundador da escola itinerante Seis por Oito, minutos antes de impartir aulas de baile tradicional no centro de Vigo. Artur fala de que a música tradicional está a ocupar novos espazos e pouco a pouco estanse a instaurar as foliadas de cidade, algo tan sorprendente como real. Asegura, incluso que xa non o miran raro se saca unha pandeireta nunha terraza e que nestes espazos dáse unha presión social ao revés, a a xente anímase a falar en galego. 

Alí, na porta da escola de danza Inés Núñez tamén falamos con Celia, que ten 29 anos e acode á súa primeira clase de baile con Artur Puga. Ela toca o violín de sempre, pero desde que foi ao Festival de Ortigueira namorou do mundo folk e das foliadas.   

En Vigo O Fiadeiro é toda unha institución. A piques de cumprir 30 anos, na escola da asociación folclórica anotáronse  este curso 600 alumnos e alumnas, a meirande parte para aprender baile e música tradicional. Unha das persoas que máis sabe do universo folk na zona de Vigo é Luis Prego. Músico, bailador, investigador, fundador do grupo O Fiadeiro fala dunha historia cíclica nos bailes, que saíron das aldeas para subir aos escenarios e agora volven baixar para devolverllos á sociedade.

Refire Prego que o éxito ou non do baile e música tradicional é unha cuestión de modas e que nos 60 triunfaban os guateques ao tempo que a xente moza deixaba un pouco de lado a tradición, mais nos 80 volveron emerxer as foliadas.

Vinte de Foliada é unha produción da Fundación Praza Pública para VINTE coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua, Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.

Na redacción, produción e locución deste episodio estiveron Vanesa Vázquez e David Lombao.

Tamén che interesa

  • Vinte de Foliada

    Vinte de Foliada. En Lugo

    Chega o segundo episodio da serie podcast Vinte de Foliada, que ten como protagonista a cidade de Lugo. Alí coñecemos o traballo que están a facer as escolas e asociacións de música tradicional onde conviven grandes e pequenos como nun día de festa. A tradición vibra en Lugo e, segundo nos contan, cada vez son máis as persoas de todas as idades que queren aprender a bailar ou tocar a pandeireta para poder participar das festas e foliadas dentro e fóra da muralla.

    Podcast

    Coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua - Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

  • Vinte de Foliada

    Vinte de Foliada. Na Coruña

    Este mércores bota a andar a serie podcast Vinte de Foliada, cuxa primeira parada é A Coruña. Alí descubrimos as Foliadas de Elviña, nun contexto urbano e con décadas de historia, onde a festa máis tradicional está moi viva e dela participan todas as semanas persoas de todas as idades. Neste primeiro episodio de Vinte de Foliada achegámonos tamén á asociación cultural Donaire e falamos con alumnas e mestras de pandeireta ou baile: “A xente quere aprender a tocar ou a bailar para pasalo ben, para chegar á foliada e remexerse con xeito”, e cada día son máis.

    Podcast

    Coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua - Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

  • Vinte de Foliada

    Vinte de Foliada. Un novo podcast amosa que a tradición é agora

    Nos próximos días sairá á luz a serie podcast Vinte de Foliada, un proxecto co que nos achegaremos á tradición máis actual. As pandeiretas, gaitas, bailes e cantos resoan con forza actualmente en escolas, asociacións, parques ou mesmo pubs, onde se xuntan regularmente persoas de todas as idades para gozar e participar da música tradicional. O ‘tradi’ vive un momento doce e ocupa espacios alén da contornas rurais. No novo podcast de Vinte conversamos con alumnas, mestras, investigadoras ou artistas na súas aulas e nas propias foliadas e coñecemos as súas historias de amor pola música, o baile ou os instrumentos tradicionais que tamén ecoan –e moito- nas cidades galegas. 

    Coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua - Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.