Vinte de Foliada. En Lugo

Coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua - Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Chega o segundo episodio da serie podcast Vinte de Foliada, que ten como protagonista a cidade de Lugo. Alí coñecemos o traballo que están a facer as escolas e asociacións de música tradicional onde conviven grandes e pequenos como nun día de festa. A tradición vibra en Lugo e, segundo nos contan, cada vez son máis as persoas de todas as idades que queren aprender a bailar ou tocar a pandeireta para poder participar das festas e foliadas dentro e fóra da muralla.

 

“Non atopei un baile que me guste tanto como o galego”.  Sofía apenas ten 12 anos pero leva bailando desde o catro. Todas as semanas acode ao Centrad (Centro de Artesanía e Deseño) de Lugo, ás aulas con Branca Villares e moitas compañeiras –son case todas rapazas- para aprender a linguaxe musical, bailar ou tocar a pandeireta. As cativas explican que así tamén poden participar da festa cos seus pais e amigos.

Neste segundo episodio do podcast Vinte de Foliada comprobamos que a tradición vibra en Lugo. Acudimos á cidade en vésperas de San Froilán e coñecemos, dan man da xornalista Ana Liste, o traballo de escolas e asociacións, onde conviven grandes e pequenos como nun día de festa. Nas aulas de tradi non hai cualificacións nin competicións, só importa o que se fai como grupo, todas xuntas. 

A nova entrega do Vinte de Foliada xa se pode escoitar na web e nas redes sociais de VINTE, en Ivoox , en Spotify e en breve, tamén, en Apple Podcast e Podgalego. Falamos no Centrad coa música Branca Villares, que está a darlles as nocións básicas ao alumnado: primeiro un golpe e a continuación tres toques. Algunhas é a primeira vez que collen a pandeireta, pero xa dominan o abaneo nesta segunda clase do curso. “As aulas de música son os novos torreiros”, subliña Villares, que non dubida en cualificar como “fantástico” o momento que se está a vivir na música tradicional. Villares fálanos de liberdade e de socialización como claves no éxito das aulas.

Parolamos tamén con Xabier Iglesias, un dos fundadores da escola de baile tradicional Oxeito, que leva once anos facendo medrar unha comunidade comprometida coa preservación da tradición a través da práctica e do goce. Na última década houbo momentos complicados, nos que non era tan obvio manter un espazo plural coma este, mais agora cóntanos que viven un momento doce.

“Creo que estamos nun momento moi bo en canto a participación da mocidade na música e baile tradicional”, explica Iglesias, e isto ten moito que ver con “rexurdimento das foliadas”.

A pandeireta, as coplas, os bailes... comparten un contexto que chamamos tradición, e a tradición galega non se entende sen a nosa lingua, tal e como conta Xabier Iglesias, d’Oxeito, pois el mesmo deu o paso e cambiou ao galego grazas ao pulo da súa paixón pola música tradicional. “Eu non falei galego ata que non comecei a impartir aulas de baile tradicional con 19 anos”, relata, máis o cambio chegou dunha forma natural, por “coherencia” co que facía tamén. 

Senén Montero, pola súa banda é un dos fundadores da asociación A Volta do Agro, que naceu no ano 1995 e este 2025 celebrou o seu trinta aniversario recuperando o festival popular Zumbanocoiro. “A xente non quere ir a unha foliada ou un concerto e estar quieta mirando, quere participar”, explica Montero, que nos conta que en Lugo hai cada vez máis foliadas, tanto organizadas como espontáneas.

Por aquí dise que o ano xira en torno ao San Froilán, pero neste episodio comprobamos que a tradición se vive; cántase e báilase cada día en Lugo, dentro e fóra da muralla. 

Vinte de Foliada é unha produción da Fundación Praza Pública para VINTE coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua, Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia

Na redacción, produción e locución deste episodio estiveron Ana Liste, Vanesa Vázquez e David Lombao.

Tamén che interesa

  • Vinte de Foliada

    Vinte de Foliada. Na Coruña

    Este mércores bota a andar a serie podcast Vinte de Foliada, cuxa primeira parada é A Coruña. Alí descubrimos as Foliadas de Elviña, nun contexto urbano e con décadas de historia, onde a festa máis tradicional está moi viva e dela participan todas as semanas persoas de todas as idades. Neste primeiro episodio de Vinte de Foliada achegámonos tamén á asociación cultural Donaire e falamos con alumnas e mestras de pandeireta ou baile: “A xente quere aprender a tocar ou a bailar para pasalo ben, para chegar á foliada e remexerse con xeito”, e cada día son máis.

    Podcast

    Coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua - Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

  • Vinte de Foliada

    Vinte de Foliada. Un novo podcast amosa que a tradición é agora

    Nos próximos días sairá á luz a serie podcast Vinte de Foliada, un proxecto co que nos achegaremos á tradición máis actual. As pandeiretas, gaitas, bailes e cantos resoan con forza actualmente en escolas, asociacións, parques ou mesmo pubs, onde se xuntan regularmente persoas de todas as idades para gozar e participar da música tradicional. O ‘tradi’ vive un momento doce e ocupa espacios alén da contornas rurais. No novo podcast de Vinte conversamos con alumnas, mestras, investigadoras ou artistas na súas aulas e nas propias foliadas e coñecemos as súas historias de amor pola música, o baile ou os instrumentos tradicionais que tamén ecoan –e moito- nas cidades galegas. 

    Coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua - Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

  • “As Marxes”. As cantareiras, unha banda e a electrónica, unidas para prestixiar a tradición oral

    «Os 30 primeiros segundos de obra son só electrónica, antes de que comece a banda e escoitamos sintetizadores feitos a partir das voces e os instrumentos das cantareiras. Escoitamos só ruidos das manipulacións dos micrófonos, das pandeiretas, da taza de café...». O compositor Mario G. Cortizo comenta así o comezo da súa última obra, “As Marxes”, unha composición na que integra as voces e contextos dalgunhas pandereteiras gravadas por Dorothé Schubarth en 1980 coa música que intepreta a banda sinfónica. Un xeito, defende, de poñer en valor a tradición oral das cantareiras e mais ás bandas, verdadeiras escolas para a maioría dos músicos galegos.

    Música
  • Margó Gayoso, tocadora e mestra de pandeireta e canto "Ser de aldea e tocar a pandeireta é un orgullo”

    Primeiro foi o baile, con apenas cinco anos, no cole como actividade extraescolar. Despois chegaría a gaita, o acordeón, a pandeireta, a percusión doméstica coas cunchas, tixolas, sachos ou latas de pemento … e o canto, claro, porque todo está relacionado. Nesta nova entrega do Vinte na rúa coñecemos a Margó Gayoso, unha rapaza de Saiáns (parroquia de Vigo con moita entidade de seu) e unha recoñecida tocadora e mestra de pandeireta e canto.

    Hoxe en día mantén a súa actividade como docente en Saiáns, mais tamén imparte aulas no Fiadeiro de Vigo, en Moaña ou en Coruxo, onde tamén forma parte do histórico grupo de pandeireteiras A Buxaina. A súa traxectoria inclúe tres discos gravados coas Tanxedoras e numerosas recollidas para se formar e poder ensinar a música tradicional galega con toda a súa riqueza e espontaneidade.

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.