Vinte de Foliada. Na Coruña

Coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua - Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Foliada na romaría de Santa Margarida, na Coruña. CC-BY-SA VINTE

Este mércores bota a andar a serie podcast Vinte de Foliada, cuxa primeira parada é A Coruña. Alí descubrimos as Foliadas de Elviña, nun contexto urbano e con décadas de historia, onde a festa máis tradicional está moi viva e dela participan todas as semanas persoas de todas as idades. Neste primeiro episodio de Vinte de Foliada achegámonos tamén á asociación cultural Donaire e falamos con alumnas e mestras de pandeireta ou baile: “A xente quere aprender a tocar ou a bailar para pasalo ben, para chegar á foliada e remexerse con xeito”, e cada día son máis.

“Un mércores calquera do verán, en plenas vacacións e coas facultades pechadas, o son das pandeiretas, as gaitas e o canto mestúranse co balbordo do bar. Neste pequeno recuncho de Castro de Elviña, ao pé do campus universitario, unha multitude enche as mesas mentres sae o churrasco...” Así comeza o primeiro episodio da serie podcast Vinte de Foliada que desde este mércores, 29 de outubro, xa se pode escoitar na web e nas redes sociais de VINTE, en Ivoox , en Spotify e en breve, tamén, en Apple Podcast e Podgalego.

Neste primeiro episodio o xornalista Miguel Pardo achegouse a unha das foliadas de Elviña, onde desde hai décadas centos de persoas se xuntan para tocar e bailar ou para gozar desde a terraza dunha festa improvisada que naceu e se mantén grazas ao impulso da asociación Tempo Novo e onde se dan cita membros de moitos outros colectivos que terman do tradi na cidade. Nesta praza xúntanse pais e nais cos fillos, grupos de amigos, veciñanza de toda a vida e xente chegada da cidade ou doutras localidades próximas. É un lugar cada vez máis concorrido e máis idóneo, froito da loita veciñal, de Tempo Novo e do club Relámpago de Elviña para dotar de servizos e boas comunicacións o espazo que tamén lles serve de sede.

 

Gozan da música nun espazo onde, canda o colectivo anfitrión, coinciden integrantes doutras das moitas e importantes asociacións de música tradicional da cidade. De Xacarandaina, de Donaire ou de Son d’Aquí, entre outra. No mesmo sitio onde naceu a banda de gaitas Os Rexumeiros de Elviña, con Bieito Romero, o actual líder de Luar na Lubre, como alma máter.

Neste episodio escoitaremos as voces de Antonio Prado, Bailador e percusionista. Profesor en Donaire, membro de Xosé Lois Romero & Aliboria e colaborador con Berrogüetto, Os Viqueiras, Moura ou Samarúas. Tamén contamos coa participación de Tania Caamaño, música investigadora e membro da banda de Budiño ou de Pan sen Fron, que nos fala de como en Elviña se tece a comunidade. Nesta histórica foliada atopamos tamén a Brais Maceiras, acordeonista de Luar na Lubre, que como veciño de Elviña e membro dende hai ben anos de Tempo Novo, fai memoria e explica as orixes destes encontros.

Pero para participar na foliada cómpre aprender a tocar a pandeireta, a gaita ou bailar, claro, e diso saben moito na asociación cultural Donaire, por onde pasan cada semana unhas 1.200 persoas. Aquí falamos con Bea, a profesora, e varias das súas alumnas… e da conversa coa pandeireta na man xorden varias ideas… A xente quere aprender a tocar ou a bailar para pasalo ben, para chegar á foliada e remexerse con xeito. E ao carón das destrezas para tocar, cantar e bailar sempre está o galego. Con naturalidade, aquí non se fala do galego, pero fálase moito en galego. O idioma e a cultura como causa e consecuencia, fluíndo entre coplas e compases. 

Vinte de Foliada é unha produción da Fundación Praza Pública para VINTE coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua, Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia. 

Na redacción, produción e locución deste episodio estiveron Miguel Pardo, Ana Liste, Vanesa Vázquez e David Lombao.

Tamén che interesa

  • Vinte de Foliada

    Vinte de Foliada. Un novo podcast amosa que a tradición é agora

    Nos próximos días sairá á luz a serie podcast Vinte de Foliada, un proxecto co que nos achegaremos á tradición máis actual. As pandeiretas, gaitas, bailes e cantos resoan con forza actualmente en escolas, asociacións, parques ou mesmo pubs, onde se xuntan regularmente persoas de todas as idades para gozar e participar da música tradicional. O ‘tradi’ vive un momento doce e ocupa espacios alén da contornas rurais. No novo podcast de Vinte conversamos con alumnas, mestras, investigadoras ou artistas na súas aulas e nas propias foliadas e coñecemos as súas historias de amor pola música, o baile ou os instrumentos tradicionais que tamén ecoan –e moito- nas cidades galegas. 

    Coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua - Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

  • “As Marxes”. As cantareiras, unha banda e a electrónica, unidas para prestixiar a tradición oral

    «Os 30 primeiros segundos de obra son só electrónica, antes de que comece a banda e escoitamos sintetizadores feitos a partir das voces e os instrumentos das cantareiras. Escoitamos só ruidos das manipulacións dos micrófonos, das pandeiretas, da taza de café...». O compositor Mario G. Cortizo comenta así o comezo da súa última obra, “As Marxes”, unha composición na que integra as voces e contextos dalgunhas pandereteiras gravadas por Dorothé Schubarth en 1980 coa música que intepreta a banda sinfónica. Un xeito, defende, de poñer en valor a tradición oral das cantareiras e mais ás bandas, verdadeiras escolas para a maioría dos músicos galegos.

    Música
  • Entrevista | De Ninghures: «A nosa música axuda a que a xente diga "que guapa é a miña cultura"»

    Apoteósico, unha pasada, brillante, unha feira, pero no bo sentido da expresión, claro. Hai case un mes que De Ninghures presentou o segundo disco, Feira, cunha gran festa chea de amigos na Sala Capitol de Compostela. Aínda coa doce resaca daquel momento falamos con Aldara Palmeiro (violín e voz), Manuel Fernández Cataqui (percusión, frautas e voz) e Hadrián García (clarinete e duduk) do seu disco máis desinhibido ou do gran momento da música galega en galego.

     «A xente hoxe en día non sabe moi ben nin de onde ben e de súpeto coñece música de aquí e decátase de que é o seu. É un tipo de música que te engancha dun xeito especial. Séntela como propia, ademais de bailar duramente», conta Cataqui. 

    Música
  • Margó Gayoso, tocadora e mestra de pandeireta e canto "Ser de aldea e tocar a pandeireta é un orgullo”

    Primeiro foi o baile, con apenas cinco anos, no cole como actividade extraescolar. Despois chegaría a gaita, o acordeón, a pandeireta, a percusión doméstica coas cunchas, tixolas, sachos ou latas de pemento … e o canto, claro, porque todo está relacionado. Nesta nova entrega do Vinte na rúa coñecemos a Margó Gayoso, unha rapaza de Saiáns (parroquia de Vigo con moita entidade de seu) e unha recoñecida tocadora e mestra de pandeireta e canto.

    Hoxe en día mantén a súa actividade como docente en Saiáns, mais tamén imparte aulas no Fiadeiro de Vigo, en Moaña ou en Coruxo, onde tamén forma parte do histórico grupo de pandeireteiras A Buxaina. A súa traxectoria inclúe tres discos gravados coas Tanxedoras e numerosas recollidas para se formar e poder ensinar a música tradicional galega con toda a súa riqueza e espontaneidade.

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.