De Ninghures publicou a finais de febreiro o seu segundo disco, 'Feira'. CC-BY-SA Arancha Brandón
Apoteósico, unha pasada, brillante, unha feira, pero no bo sentido da expresión, claro. Hai case un mes que De Ninghures presentou o segundo disco, Feira, cunha gran festa chea de amigos na Sala Capitol de Compostela. Aínda coa doce resaca daquel momento falamos con Aldara Palmeiro (violín e voz), Manuel Fernández Cataqui (percusión, frautas e voz) e Hadrián García (clarinete e duduk) do seu disco máis desinhibido ou do gran momento da música galega en galego. «A xente hoxe en día non sabe moi ben nin de onde ben e de súpeto coñece música de aquí e decátase de que é o seu. É un tipo de música que te engancha dun xeito especial. Séntela como propia, ademais de bailar duramente», conta Cataqui.
De Ninghures ten as súas orixes na Foliada da Fonsagrada, en 2017. A mestura entre persoas de distintos puntos de Galicia con coñecementos de música clásica de Conservatorio e outros máis tradicionais de asociacións culturais e investigación directa coas informantes agromou nunha banda pouco convencional con personalidade de seu que xa deixa atrás o cualificativo de «emerxente». De Ninghures é tradi e por veces pop. É a música de raíz coa ollada do tempo que vivimos. É mellor escoitalos, e bailar.
De Ninghures tamén son Adrián Méndez (gaita e zanfona), Marta Álvarez (percusión e voz), Manuel Lucas (cordas e voz) e Tomé Mouriño (acordeón, cordas e voz). É Melania Freire na dirección creativa, Lorenzo Negueruela nos vídeos, Arancha Brandón na fotografía ou Juan de Dios Martín na produción deste segundo disco. Son moitas máis e todas contan.
Como foi esa gran “feira” da Capitol?
Hadrían García: Foi unha feira, literal, pero para ben.
Aldara Palmeiro: Este último mes foi unha pasada: volvemos de Bruxelas de tocar no EmigraSon, que foi unha experiencia brutal, onde fixemos o último concerto do anterior disco. O día seguinte lanzamos Feira. No outro día, esgotáronse as entradas para a Capitol. E o feedback da xente estaba a ser moi bo. O disco estaba gustando, estábano a escoitar e o último xa foi na Capitol que foi un concerto que creo que non imos esquecer nunca, unha pasada.
Manuel Cataqui: Apoteósico.
Por que?
Hadrián: Levamos detrás varios meses de traballo. É como cando tes un exame que preparas moito pero pódeche saír ben ou mal, e ao mellor logo non fai xustiza a todo o traballo que había detrás. Nós estamos moi contentos porque consideramos todos que se fixo xustiza a ese traballo que levabamos detrás e que lle gustou á xente, que para nós tamén é moi importante, que ao público lle mole o que facemos e que sexa parte do noso proxecto, que sexa parte desta feira. E penso que iso se conseguiu ese 13 de marzo.
E moi ben acompañadas.
Cataqui: Estiveron Ortiga, Fillas de Cassandra, The Vacas, estivo Juande, que é o noso produtor neste último disco, e estivo Anxo Pintos. Son todos amigos e a verdade é que nos entendemos moi ben. Soou todo incrible, as colaboracións especialmente.
Aldara: Foi unha mestura todo o que pasou ese día entre o traballo do que falaba Hadrián, as colaboracións que comentaba Cataqui, as gañas que tiñamos e despois que había unhas expectativas xeradas que ao mesmo tempo que nos poñían un pouco máis tensas facía que todo explotase máis e fose máis brillante. Foi unha mestura de varias cousas, pero o sold out axudou.
Cataqui: E a enerxía do público. Como se non tocamos: un bombo a terra e a xente desquiciada perdida.
Para este disco contastes que coa produción de Juan de Dios Martín. Que achegou o seu traballo?
Aldara: Creo que nos axudou a moitísimas cousas pero a principal foi a soltarnos, a non ter medo de probar cousas. Unha frase que di el é: “ti tira e a ver que queda pegado”. De non anticiparse a dicir isto non vai funcionar. Ímolo probar, imos tocar, imos gravar e a ver que pasa. Por iso quizais soa máis desinhibido este disco con respecto a outros traballos ou ao mellor o primeiro disco que sacamos. Tivo que ver en xeral ese ambiente de “non pasa nada, imos probar cousas e a ver que sae”.
Cataqui: E outra frase tamén moi mítica que vai nesa liña era “se alguén ten algún problema que veña falar comigo”. En plan “que lle queres, isto é incrible, non hai máis, esta canción está xa acabada”.
Hadrián: Había outra que dicía tamén. “Que falen de vós ainda que sexa ben”. Moi ben con Juan a verdade, o oitavo De Ninghures. Entendeunos moi ben e tamén soubo meterlle as súas cousas e Feira é o resultado de todo iso.
Que evolución representa Feira respecto ao disco anterior? Permanece o eclecticismo pero si que semella máis desenfadado.
Hadrián: Si, segue ese eclecticismo pero como Aquí era o resultado de tocar moito en acústico, ao mellor Feira xa é o resultado de roldar por festivais amplificados coñecendo un pouquiño mellor o traballo da produción musical que ao mellor no primeiro disco eramos un pouco máis profanos niso. Aí radica un pouco a diferenza entre un traballo e outro. Pero si, o eclecticismo como ben dis, está aí.
Cataqui: Orbitamos algo máis cara ao pop, cara ás estruturas pop nas cancións.
Aldara: En xeral estabamos máis soltos. Hai máis charlas entre cancións, hai máis festa que no primeiro disco. Vexo máis reflectida a autenticidade do grupo. Sen quitar mérito ao que supuxo o primeiro disco, que foi un traballo no que investimos moito tamén.
Podemos dicir tamén que é un pouco a consolidación do proxecto. Había moitas expectativas e viuse que había moito que ofrecer neste segundo disco.
Hadrían: O tempo xa o dirá, pero creo que demos un paso adiante nese aspecto. Igual o de banda emerxente xa comeza a queda un pouco atrás. Aquí temos Feira e a ver se podemos ter ese oco no panorama actual da música en galego.
Da música en galego pero para todo o Estado e máis alá.
Aldara: Total. Unha das cousas que máis nos está axudando a coller perspectiva nese sentido é que todas as semanas escoitamos algún dos nosos temas en Radio 3. É unha pasada a sensación de que unha canción do teu grupo estea a soar nunha radio a nivel español e enriba non calquera radio, pois é unha emisora que escoitamos moito calquera de nós, referente no ámbito musical absolutamente.
«Todas as semanas escoitamos algún dos nosos temas en Radio 3. É unha pasada»
Hadrián: Ademais, agora tivemos a sorte de participar no EmigraSon e esperamos que a nivel Europa, aínda que sexa a diáspora, todos os galegos que andan aí polo mundo tamén nos escoiten desde outros lugares e lle digan ao colega de alí que existe este grupo do seu lugar. Pero nós somos De Ninghures. Somos de ningún lado e ao mesmo tempo de todos. Tentamos ter iso sempre por bandeira. Levamos a tradición galega pero tamén nos fixamos noutras tradicións do mundo á hora de representar o que queremos como proposta artística ou como grupo.
En moitas cancións actualizades composicións tradicionais, que tamén supón unha forma de popularizalas e dar a coñecer a cultura tradicional galega.
Cataqui: Hoxe en día por desgraza hai moito descoñecedor do que é a nosa propia cultura. Eu penso que a música que estamos a facer tamén axuda a que xente profana nese ámbito tamén diga “que guapa é a miña cultura”.
Aldara: non enmascaramos de forma premeditada pero estás escoitando unha canción que non sabes de onde sae, pero te engancha, e métela nas túas playlists ou onde sexa e despois saber que parte dunha copla tradicional ou o que iso poderían estalo cantando os teus devanceiros é algo que te vincula coa música dunha forma especial. Non é calquera melodía. É unha melodía que forma parte de ti desde hai moito tempo e estate enganchando agora. Iso ten algo especial para nós.
Cataqui: Nós, por foliadas, por asociacións culturais e por interesarnos, basicamente, temos coñecemento da nosa música. E tentamos explotar iso.
De Ninghures está formado por sete artistas. É difícil organizarse con tanta xente no grupo?
Cataqui: pois é un Cristo, cada vez que propomos unha data é complicado. Sempre tentando atopar ocos. Sacrificando bastante todos e imos sacando tempo. Agora co disco foi bastante agobio, porque nos levou moito tempo e esforzo. Menos mal que foi no inverno, porque se chega a ser no verán, non damos. E agora estamos un pouco máis relaxados, pero axiña volven os concertos e hai que volver a darlle. Despois de descarga da Capitol foi un relax, pero agora volvemos á carga.
Cando vos destes de conta de que ía en serio De Ninghures?
Aldara: Desde o momento en que gravamos o primeiro disco e pasamos dous anos tocando por aí e chegamos a distintos escenarios como o FIV de Vilalba, que a priori non é para un grupo de música máis ben tradicional. Ao ir acadando distintos logros e ir vendo como medra, de forma natural fomos vendo que ía para adiante e o compromiso de todas e de todos tamén ía crecendo. Aínda que ás veces é complicado poñer ensaios, isto é algo que nos encanta a todos. Fomos vendo que aquí había algo interesante e imos ver ata onde chega. Por nós que non sexa.
Formades parte tamén desta corrente de grupos galegos que fan música en galego que podería parecer que era unha moda e vén para quedar.
Cataqui: Si, afortunadamente para nós. A xente hoxe en día non moi ben nin de onde vén e de repente empeza a aparecer música de aquí e decátase de que é o seu. É un tipo de música que te engancha dun xeito especial. Séntelo como propio, ademais de bailar duramente.
Hadrián: Vémolo con outras propostas a nivel nacional. Desde o momento en que C. Tangana, Rosalía, La Plazuela, Rodrigo Cuevas e moitos grupos comezaron coas súas tradicións e impactaron a nivel nacional logo xa seguiu esa corrente. Logo tamén as Tanxugueiras, no Benidorm Fest. Eses foron os puntos de inflexión dunha música que igual estaba sempre petando na porta e non se lle abría. Pero de tanto petar ao final, tombárona. E moitos grupos que levabamos por aí tempo, fomos máis valorados como unha opción para escoitar en calquera momento e ademais chegar a un público que non era nicho. É verdade que a música en galego e especialmente o tradi tiña un público moi concreto. Hoxe en día nun concerto noso ou de calquera banda do noso estilo vemos calquera tipo de persoas. Nunca cansarei de lembrar cando hai uns anos estamos a tocar no San Froilán e había un tipo a bailar break dance e foi marabilloso. Era un pouco unha simboloxía do que ía pasar. Hoxe en día todo é válido e todo se aprecia.
«A música en galego e especialmente o tradi tiña un público moi concreto. Hoxe en día nun concerto noso ou de calquera banda do noso estilo vemos calquera tipo de persoas»
Aldara: Pero si que é certo que se sente forte a escena musical galega. Mola que estea de moda, porque de repente chega ata ti xente que igual nunca na súa vida ía escoitar música tradicional pero viu as Tanxugueiras no Benidorm Fest hai seis anos e comezou a escoitalas. Se algo ten máis exposición favorece que triunfe e nós formamos parte, humildemente, desa nova fornada, deses grupos que están a gozar dun momento que ata agora no fora especialmente bo. E estar neste momento é moi bonito e hai tamén moi bo “rollo” entre nós, que iso se nota. Xa se ve que hai colaboracións, subimos uns a tocar nos concertos doutros e creo que todos somos conscientes do que está a pasar.
Cataqui: Influenciámonos tamén. Non quere dicir que eu vai influenciar a ninguén (risos), pero a min influéncianme.
Este é o ano tamén para render homenaxe ás cantareiras, que protagonizan o día das Letras Galegas.
Hadrián: Non foi sen tempo, pero ben chegado está. Homenaxéase xente de Muxía, de Malpica… escolléronse algunhas das informantes en concreto pero este premio é de todas e nós estamos moi contentos porque a fonte da que bebemos ten o valor que merece. Por exemplo, o tema “O último baile”, ese tema de Salomé que xa recollera Dorothé Schubarth, pero que recuperaron Aldara e Manu. Temos unha morea de informantes que lle dan personalidade ás nosas proposta e que fan que a xente as tome como propias.
Cataqui: Nós recuperámolas e poñemos logo a nosa parte. Recuperamos as melodías tradicionais pero igual que as modificaron elas cando as tocaron tamén as modificamos nós para que se nos afagan.
«Recuperamos as melodías tradicionais pero igual que as modificaron elas cando as tocaron tamén as modificamos nós para que se nos afagan»
Hadrián: Este recoñecemento que se lle dá ás cantareiras debía ser como un alicerce para manter a tradición viva, no sentido de que ten que seguir evoluíndo. Non a podemos musealizar. Nós escoitámoslle esta peza a tal señora pero evidentemente coa melodía que ten adaptamos nós as coplas ou facemos coplas ex novo porque tamén era o que facían elas. Moitas coplas eran froito da improvisación. Ninguén levaba estudadas as pezas ás foliadas nin ás ruadas. Pois nós tamén facemos algo parecido. Levámolas un pouco ao noso terreo ou ao que vemos ao noso arredor.
Aldara: É un recoñecemento moi necesario porque a lingua e a música son inseparables. Así o concibimos nós. Non nos parece que estea suficientemente recoñecido todo o labor que fixeron as cantareiras. A metade na nosa música escoitámola grazas a mulleres que a preservaron ao longo de tantos anos e tocaron. Xa era hora de que unha institución así que por fin lle dea valor a todo o que fixeron,aínda que non fose de forma consciente, pero que agora miramos atrás e dicimos que se non fose por estas mulleres, que estariamos tocando De Ninghures?