De Ninghures publica "Poço": un convite ao baile, á festa e á foliada
«Queremos que cando a xente escoite "Poço", unha muiñeira de montaña con moita enerxía, como as que nos gustan, sinta ese convite ao baile, ao bo rollo, á foliada. Que a xente sinta como propio o que cantamos e que se vexa reflectida nesa letra, nese retrouso e nesa onda de desenfado, desinhibición e alegría», sinalan desde o grupo De Ninghures, fiel ao seu obxectivo de pór en valor a música de raíz e a creación contemporánea.
A banda vén de publicar o seu novo tema, "Poço", unha muiñeira enérxica, ateigada de «aire fresco bo rollo e naturalidade», que desta quenda pretende convidar ao público, dun xeito sinxelo e desenfadado, «a pasalo ben».
O novo sinxelo de De Ninghures vén acompañado dunha peza audiovisual rodada cunha Handycam polos propios membros do grupo. O videoclip pretende reflectir, con naturalidade, o día a día da propia formación, á vez que traslada o espírito de festa e foliada que a define.
De Ninghures é unha agrupación conformada por músicos procedentes de Bergantiños, Compostela e A Fonsagrada, que foi recoñecida esta primavera co galardón á Mellor Música do Ano en Galicia dos Premios Ari(t)mar polo seu tema Morena, un sinxelo que dá boa conta dun dos seus máis claros sinais de identidade: a unión orgánica entre a tradición galega e a música dance, e que tamén está presente, dalgún xeito, neste novo Poço, tema do que a banda dará boa conta nos vindeiros directos deste verán. Entre as citas destes meses están o Festigal, Festa da Carballeira de Zas, Festiletras ou Revenidas.
Créditos
Música: Manuel "Cataqui", Muiñeira do Poso, De Ninghures
Letra: Manuel "Cataqui", Marta Álvarez
Vídeo: Manuel Lucas
Corrección de cor: Lorenzo Negueruela
Produción: De Ninghures
Produción, gravación e mistura: Hevi no Laboratorio Soyuz (Trazo)
Máster: Cem Oral en Jammin Masters (Berlín)