Secho estrea "Parado no aire". A arte ao servizo da vida en si mesma

Tres anos despois de Recuperar, o seu segundo álbum, Secho volta con "Parado no aire", nova peza na que Fanny & Alexander achegan a parte musical e audiovisual. O delicado pop acústico de Secho explora novas sonoridades da man de Fanny & Alexander na produción, ensanchando a súa tradicional fórmula enraizada na Americana polos vieiros dos arranxos do Chamber Pop e mesmo da electrónica máis minimalista.

O autor de Dodro pon voz, versos e composición a unha canción cuxo significado foi mutando ao longo do proceso de gravación, en paralelo aos últimos acontecementos da xeopolítica mundial. O que naceu coma un tema intimista e persoal, artellado sobre a saudade e o baleiro do que fica vendo coma os seus seres queridos teñen que marchar, rematou calado ata os ósos por unha realidade ante a que é imposible fechar os ollos. Un canto de laio e resistencia contra unha dor ante a que cómpre, en palabras de Bertolt Brecht, poñer a arte ao servizo da maior das artes: a vida en si mesma.

Créditos

 

"Parado no aire"

Autor: Secho

Produción: Fanny & Alexander

Tamén che interesa

  • Miudiño Sessions

    Miudiño Sessions: Columna Vegana

    A apropiación que fan Columna Vegana da "Oda ao xamón" de Otero Pedrayo foi a escusa perfecta para trasladarnos até o Pazo de Trasalba, casa natal e sede da súa Fundación, para gravar unha nova entrega das Miudiño Sessions. 

    O contraste entre a arriscada proposta de Columna Vegana -a cabalo entre a densidade intelectual do art-punk e o nihilismo da no wave- e o salón conxelado no tempo de Don Ramón foi o mellor dos escenarios posibles no que esfarelar o máis crú do seu repertorio. 

    Música
  • Familia Caamagno. O milagre económico é safar

    «Non vale parar. Hai que aspirar a máis. É a roda do traballo e do gastar». Os de Sigüeiro volvérono facer, volven cun adianto do seu novo disco, logo da publicación no 2022 de O mundo está derrotado, que ten trazas de converterse en himno

    Música
  • Fanny & Alexander versionan a "Panxoligna de amor R5" de Familia Caamagno

    Un dos máis firmes propósitos de ano novo de FANNY & ALEXANDER logo da súa volta é escribirlle unha carta de amor á música contemporánea galega en forma de versións. Unha sorte de mixtape coa que irán liberando ao longo do ano reinterpretacións dos seus clásicos galegos favoritos das últimas décadas. Ben poderían comezar coa versión electrónica do "Viva a nosa unión" de Xenreira ou coa revisión shoegaze do "Rebolando x ti" de Verto,, mais tendo en conta a época do ano na que estamos prestoulles moito máis comezar coa fermosísima "Panxoligna de amor R5" dos seus admirados Familia Caamagno.

  • Miudiño Sessions

    Miudiño Sessions: Secho

    A Regueifa Plataforma 2.0 estrea o sexto episodio das súas Miudiño Sessions da man de Secho, desta volta dende o hórreo da Miguensa nas Terras de Iria. Ao acubillo do arco de medio punto dun hórreo que é único en todo o país, o de Dodro debulla tres pezas de "Recuperar", o seu máis recente traballo, na compaña dunha sorte de all-stars da escena galega.

    Música

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.