Vinte de Foliada. Un novo podcast amosa que a tradición é agora

Coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua - Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Nos próximos días vai amencer a serie podcast Vinte de Foliada, un proxecto co que nos achegaremos á tradición máis viva. As pandeiretas, gaitas, bailes e cantos resoan con forza actualmente en escolas, asociacións, parques ou mesmo pubs, onde se xuntan regularmente persoas de todas as idades para gozar e participar da música tradicional. O ‘tradi’ vive un momento doce e ocupa espacios alén da contornas rurais. No novo podcast de Vinte conversamos con alumnas, mestras, investigadoras ou artistas na súas aulas e nas propias foliadas e coñecemos as súas historias de amor pola música, o baile ou os instrumentos tradicionais que tamén ecoan –e moito- nas cidades galegas. 

 

A tradición é agora. Con este principio inspirador bota a andar a serie podcast Vinte de Foliada, que estreará o seu primeiro episodio o vindeiro mércores, 29 de outubro. Mediante gravacións con participantes en foliadas por toda Galicia, agrupacións e asociacións que día a día terman, renovan e constrúen a música popular con persoas de todas as idades, este proxecto busca dar a coñecer e poñer en valor exemplos vivos da tradición máis festeira. 

Romaría de Santa Margarida, na Coruña. CC-BY-SA VINTE

Seráns, repichocas, fiadeiros, brincadeiras, foliadas... estes encontros lévanse facendo en contornas rurais toda a vida en Galicia e nos últimos anos tamén nos ambientes máis urbanos se pode gozar dunha boa foliada, xa sexa ao aire libre ou mesmo en locais máis alternativos. 

O tradi sempre estivo vivo, pero nos últimos tempos, desde o boom das Tanxugueiras no Benidorm Fest, experimentou un novo pulo en forma de grupos musicais con moito que dicir e cada vez hai máis xente que quere aprender a tocar un instrumento ou bailar con xeito para poder participar nas foliadas. 

O recoñecemento da poesía popular oral e as cantareiras no Día das Letras Galegas 2025 serviu tamén como acicate para lanzar Vinte de Foliada e profundar e compartir un universo moi rico de música, cultura e festa para todas as idades e para descubrir que a tradición segue viva nas aldeas e, tamén, nas cidades. Só hai que querer participar dela.  

A experiencia do podcast amosa espazos de socialización, aprendizaxe e moita festa co galego como lingua vehicular, cuxo emprego xorde de forma natural nun contexto mesmo para persoas que non o adoitan falar no seu día a día. 

Neste proxecto contamos cos deseños da ilustradora Isabel Vila, responsable de toda a imaxe gráfica que acompañará a serie podcast Vinte de Foliada, e co traballo xornalístico de David Lombao, Ana G. Liste, Miguel Pardo e Vanesa Vázquez, membros das redaccións de Praza.gal e da revista VINTE.

No primeiro episodio escoitaremos as pandeiretas, as gaitas e o cantar que os mércores non faltan ás foliadas de Elviña, na Coruña. Desde hai décadas, centos de persoas xúntanse para tocar e bailar ou para gozar desde a terraza dunha festa improvisada. Gozan da música nun espazo onde coinciden integrantes asociacións de música tradicional da cidade como Xacarandaina, Donaire ou de Son d’Aquí, entre outras, nun lugar cada vez máis concorrido e máis idóneo, froito da loita veciñal dos colectivos que deron orixe a estas festas comunitarias: a asociación cultural Tempo Novo e o club Relámpago de Elviña.

O segundo episodio Vinte de Foliada entra nunha aula da Centrad, o Centro de Artesanía e Deseño de Lugo. Alí coñecemos o alumnado, que ten entre nove e trece anos e a profesora, a música Branca Villares, quen está a darlles as nocións básicas de pandeireta. En Lugo tamén falamos con Xabier Iglesias, un dos fundadores da escola de baile tradicional Oxeito ou Senén Montero, da asociación A Volta do Agro e escoitamos con moita atención a Mateo, Sofía, Xulia e Elia, que nos contaron a súa experiencia co tradi desde moi cativos.

Aula de Branca Villares no Centrad de Lugo. CC-BY-SA VINTE

Na terceira entrega do novo podcast de VINTE imos a Vigo para coñecermos os seráns que se fan cada quince días no parque de Castrelos, e o bo momento que viven as aulas de tradi con exemplos como a Etrad ou o Fiadeiro. Da man de Luis Prego ou Artur Puga descubrimos que en Vigo tamén hai foliada.

A serie podcast Vinte de Foliada é unha produción de VINTE coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua, da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta, que avanzará tamén nas vindeiras semanas por terras de Pontevedra, Santiago e Ourense.

Tamén che interesa

  • “As Marxes”. As cantareiras, unha banda e a electrónica, unidas para prestixiar a tradición oral

    «Os 30 primeiros segundos de obra son só electrónica, antes de que comece a banda e escoitamos sintetizadores feitos a partir das voces e os instrumentos das cantareiras. Escoitamos só ruidos das manipulacións dos micrófonos, das pandeiretas, da taza de café...». O compositor Mario G. Cortizo comenta así o comezo da súa última obra, “As Marxes”, unha composición na que integra as voces e contextos dalgunhas pandereteiras gravadas por Dorothé Schubarth en 1980 coa música que intepreta a banda sinfónica. Un xeito, defende, de poñer en valor a tradición oral das cantareiras e mais ás bandas, verdadeiras escolas para a maioría dos músicos galegos.

    Música
  • Margó Gayoso, tocadora e mestra de pandeireta e canto "Ser de aldea e tocar a pandeireta é un orgullo”

    Primeiro foi o baile, con apenas cinco anos, no cole como actividade extraescolar. Despois chegaría a gaita, o acordeón, a pandeireta, a percusión doméstica coas cunchas, tixolas, sachos ou latas de pemento … e o canto, claro, porque todo está relacionado. Nesta nova entrega do Vinte na rúa coñecemos a Margó Gayoso, unha rapaza de Saiáns (parroquia de Vigo con moita entidade de seu) e unha recoñecida tocadora e mestra de pandeireta e canto.

    Hoxe en día mantén a súa actividade como docente en Saiáns, mais tamén imparte aulas no Fiadeiro de Vigo, en Moaña ou en Coruxo, onde tamén forma parte do histórico grupo de pandeireteiras A Buxaina. A súa traxectoria inclúe tres discos gravados coas Tanxedoras e numerosas recollidas para se formar e poder ensinar a música tradicional galega con toda a súa riqueza e espontaneidade.

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

  • Vinte almorzando con Mondra

    "Non teño o recordo de querer ser outra cousa". Almorzamos e parolamos co cantante, compositor e bailarín Mondra, que vén de publicar o seu segundo disco "De Ronda". O artista reflexiona sobre o rápido que está a acontecer todo na súa carreira musical, a conexión tan boa e tan forte que os seus temas acadaron co público e o novo reto que supuxo este álbum, feito da man do Hevi. Un traballo onde segue a dialogar coa tradición oral galega, pero dun xeito máis orgánico e prescindindo da electrónica. 

    Mondra fala das súas referentes, as mulleres que escoitaba cantar de pequeno como Sés ou Guadi Galego, e do reto que supón achegar o seu traballo ao público como el quere e non como mandan as redes sociais, que nos teñen a todos "escravizados".

    VINTE almorzando con Deleite

    Coa colaboración de

  • Entrevista | De Ninghures: «A nosa música axuda a que a xente diga "que guapa é a miña cultura"»

    Apoteósico, unha pasada, brillante, unha feira, pero no bo sentido da expresión, claro. Hai case un mes que De Ninghures presentou o segundo disco, Feira, cunha gran festa chea de amigos na Sala Capitol de Compostela. Aínda coa doce resaca daquel momento falamos con Aldara Palmeiro (violín e voz), Manuel Fernández Cataqui (percusión, frautas e voz) e Hadrián García (clarinete e duduk) do seu disco máis desinhibido ou do gran momento da música galega en galego.

     «A xente hoxe en día non sabe moi ben nin de onde ben e de súpeto coñece música de aquí e decátase de que é o seu. É un tipo de música que te engancha dun xeito especial. Séntela como propia, ademais de bailar duramente», conta Cataqui. 

    Música

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.