Actuación durante a última Aña Urbana, en Pontevedra. CC-BY-NC-SA VINTE
En Pontevedra tamén hai foliada. Comprobámolo en distintas asociacións da Boa Vila, na que calquera día da semana é posible gozar da tradición e seguir aprendendo dela e actualizándoa. Falamos con persoas que dan aulas e que as reciben, que nos contan que as foliadas son “espazos de seguridade” en distintos ámbitos ou que o ano que vén haberá que darlle con máis forza á pandeireta, para que o pulo non quede só neste 2025, co gallo do recoñecemento nas Letras Galegas ás pandeireteiras.
O quinto episodio da serie podcast Vinte de Foliada chega a Pontevedra, onde, efectivamente tamén hai foliada, alimentada por un tecido asociativo ben armado e con moita demanda de persoas que queren aprender a bailar, tocar a pandeireta ou cantar. Aquí, ademais, a universidade pública favorece que os espazos de convivencia interxeracional para a música tradicional sexan estables.Tanto a música como o baile, se non se usan, perden o seu propósito. A xornalista Ana Liste guía este percorrido por Pontevedra, que xa se pode escoitar Este novo capítulo xa se pode escoitar na nosa web e nas redes sociais de VINTE, en Ivoox , en Spotify en Apple Podcast e, en breve, tamén, Podgalego. Podes seguirnos tamén a través do noso RSS feed.
A asociación Trepia é dende o ano 2008 un punto de encontro para a cultura e a formación tradicional na cidade de Pontevedra. Álvaro Carballo, director da súa escola de música e baile, fálanos das actividades que semanalmente enchen o seu local na zona do Lérez. Nesta asociación cultural cren que o único xeito de supervivencia cultural da música e do baile tradicionais pasa por atopar novos contextos onde se poidan seguir desenvolvendo. Nese empeño están, e con ese ánimo tamén recuperaron tradicións como as danzas de reis ou a Aña Urbana, que xa se converteron en citas marcadas no calendario para todo aquel involucrado no tradi pontevedrés. Sobre todo a Aña Urbana, que leva o repertorio de cantares e danzas relacionados coas labradas e os traballos do campo ao centro da cidade.
Na outra punta da cidade de Pontevedra, na Asociación Veciñal e Cultural Salcedo Norte, asistimos a unha clase de bordado ao aire, na que un grupo de mulleres avanza con agarimo nas creacións coas que van engalanar os seus traxes tradicionais.
Aprenden o bordado ao aire, fan cintas, cinturóns, broches, pulseiras, brincos… Unha manchea de complementos que adornan os seus traxes tradicionais, mais agora tamén se ven no día a día, engalando mesmo unha camisa cuns pantalóns vaqueiros.
Todas elas van tamén ás aulas de pandeireta, e mesmo ás de baile, que hai nesta asociación veciñal.
Carmen Jar, alumna e membro da directiva, cóntanos como gozan da tradición nesta asociación.
A nosa última parada será no campus da Universidade de Vigo en Pontevedra, onde o músico Suso Vaamonde dirixe a Aula permanente de música tradicional, aberta ao alumnado e á cidadanía no seu conxunto, onde persoas xubiladas e universitarias poden compartir coñecementos.
Estas clases están dirixidas tanto aos que queiran iniciarse no manexo de diferentes instrumentos populares galegos, como a aqueles e aquelas que queiran ampliar os seus coñecementos. Cada curso vanse formando distintos grupos en función dos niveis e sempre hai demanda.
Vinte de Foliada é unha produción da Fundación Praza Pública para VINTE coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua, Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia
Na redacción, produción e locución deste episodio estiveron Ana Liste, Vanesa Vázquez e David Lombao.