Asistentes ao 'Magosto de Sempre', este pasado novembro, en Ourense. CC-BY-SA Vanesa Vázquez/VINTE
Vinte de Foliada foi buscar a música a Ourense. Neste sábado previo ao San Martiño celebrouse o Magosto de Sempre, unha festa con catro décadas de historia, onde o churrasco e o viño dan paso á música e o baile. Aquí, en Montealegre, hai foliada, e das boas.
Nesta festa coinciden persoas de distintas asociacións culturais da cidade como A Galleira, Algaravía, A Cunheira ou da Asociación Ourensá de Folclore. Xúntanse arredor de 400, que acaban bailando a Xirondiña en grupo ben entrada a tarde. O peso da organización cae a día de hoxe na Galleira, pero todas e todos botan unha man.
A xornalista Vanesa Vázquez estivo na festa de Ourense para gravar o sexto episodio do podcast Vinte de Foliada, que xa se pode escoitar na nosa web, nas redes sociais de VINTE, en Ivoox , en Spotify en Apple Podcast e, en breve, tamén, Podgalego. Podes seguirnos tamén a través do noso RSS feed.
María Pérez Losada non perde a vista do churrasco que ten ao lume mentres nos comenta que este magosto naceu no seo da Asociación Cultural Auriense a finais dos 80, e tamén fixo o seu labor de recuperación para axudar a que a xente baile e cante música tradicional en Ourense.
Neste novo capítulo de Vinte de Foliada falamos tamén con Gabi Reboredo, presidente actual da asociación Algaravía, que leva xa moitos anos como profesor de canto, percusión tradicional e baile en moitas asociacións e lugares onde o chaman. Reboredo tamén ten os seus proxectos musicais propios como o Trío folk Lideira ou A torna e lamenta que nestes momentos faltan apoios para as iniciativas culturais e o asociacionismo. Con todo, aplaude o grande interese polo música tradicional que existe actualmente para formarse coa única ambición de gozar das amizades, sen querer subir a un escenario. Está asociación foi a impulsora dos coñecidos "Ven Respirar", as foliadas ou seráns que se fan -desde hai máis de 20 anos- en venres, en distintos lugares da cidade de Ourense.
A leña que fará posible o magosto crepita no lume mentres aos poucos vai chegando máis xente: moitas mozas e mozos, e outros que non o son tanto. E os músicos tamén van chegando. Gaitas, acordeóns e moitas pandeiretas penduradas ou na man, preparadas para dar o seu en calquera momento. Nas árbores podemos ler os cartaces: magosto en galego, magosto libre de violencias machistas.
Nesta carballeira atopamos tamén a activista cultural e feminista Lucía Cedrón, que tamén estivo nos inicios de Algaravía e é profesora de baile desde hai catro anos e comezou tarde a bailar aínda que agora xa non concibe a súa vida sen baile; falamos tamén con Noelia Álvarez, presidenta da Galleira, que nos conta que esta festa representa a cultura ourensá e que hai xente da organización que xa sobe ás 9 da mañá para preparalo todo.
Laura Rúa é profe de pandeireta no centro social da asociación A Galleira. Ela é de Sarreaus, e ten moita experiencia nas bandas populares de Vilar de Barrio ou Xinzo, con varios grupos como Lumieira ou as Estrugas. Algo moi distinto a como se vive agora a música tradicional, sobre todo con respecto ao baile.Laura tamén nos conta que ten alumnado que vén de fóra e que rapidamente se integra na cultura galega. É o caso de Alba Cantalapiedra, unha moza de Valladolid que namorou dunha persoa de Ourense e tamén destas terras, da súa cultura e mesmo do idioma. Leva tres anos coa pandeireta na Galleira e agora tamén está a aprender a gaita, que lle resulta máis complicada, claro.
Rematamos este episodio falando con Patricia López, profesora de canto e pandeireta na Asociación Ourensá de Folclore Tradicional, toda unha institución en Ourense que xa fixo 25 anos achegando a música e o baile tradicional á sociedade. Con arredor de 150 persoas matriculadas, Patricia López di estar moi satisfeita coa resposta e o interese da xente aínda que lamenta a falta de espazos e da presenza da foliadas na cidade de Ourense, pero sempre buscan a vida para se divertir.
O lume do magosto vai esmorecendo pero a festa continúa en Ourense. Na terra da chispa as gaitas resoan de sempre e a foliada ten continuidade, nas asociacións, nos magostos, na capital e nas vilas. En Ourense a tradición tamén é agora.
Ata aquí a primeira temporada da serie podcast Vinte de Foliada, unha produción da Fundación Praza Pública para VINTE coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua, Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.
Na redacción, produción e locución deste episodio estiveron Vanesa Vázquez e David Lombao.