VINTE na rúa, con Mor Talla. «Con 19 anos merquei unha máquina de coser sen saber nin onde levaba a agulla»

Co patrocinio de

Chega unha nova entrega de Vinte na rúa, que desta vez fai parada no centro de Vigo para coñecer a historia de Mor Talla, un senegalés responsable dos deseños de camisetas ou bolsos que xa forman parte da paisaxe urbana cos seus motivos culturais africanos.

Con 19 anos mercou unha máquina de coser sen saber nada de costura. Daquela estaba en Mauritania, mais xa traballara en Mali ou Costa de Marfil. Hai case 20 anos que Mor Talla vive en Vigo. Alí ten unha tenda de roupa e unha filla de 10 anos, convertida na súa fonte de inspiración para crear deseños relativos ao poder da muller. 

 

Na parte alta de rúa Urzaiz de Vigo, case xa no barrio do Calvario, un pequeno local con rechamantes cores esperta a curiosidade das persoas que por alí camiñan. No interior, todo é luz e cor. Deseños de roupa con mulleres africanas ou baobás, yembés, lámpadas, cestas e demais pezas de artesanía entran polos ollos. Alí dentro, cun sorriso nos beizos, sempre está Mor Talla Diagne, un senegalés chegado a Vigo hai case vinte anos e que desde hai sete ten a súa propia tenda, Talla Telas África.

«Con 19 anos merquei unha máquina de coser sen saber nin onde levaba a agulla». Entón estaba en Mauritaria. Ese sería un momento clave da súa historia, mais esta comeza anos atrás, un pouco máis ao sur, en Senegal.

Mor Talla, no obradoiro da súa tenda cunha tela da líder feminista Funmilayo. CC-BY-SA Vanesa Vázquez/VINTE

Mor Talla naceu hai 46 anos na cidade de Thiès, unha poboación de máis de 300.000 habitantes próxima á capital de Senegal, Dakar. Con 12 anos os conflitos familiares levárono a subirse a un tren con destino a Mali. «Fíxeno sen pensalo. Só quería escapar», indica. Alí, lavaba coches para sobrevivir mentres aprendía a cultura do país: a lingua bambara, o traballo de artesanía con madeira e os gravados de telas típicos da zona, os bogolán.

Non chegara a cumprir os 14 anos cando decidiu probar sorte en Costa de Marfil, onde estivo catro anos gañando a vida coa venda dos batiks. As telas pintadas con motivos de persoas ou animais eran (e son) moi populares para os turistas, que as mercan en cantidade na praia de Grand Bassam

«Os que cosían en Mauritania gañaban nun día o que eu nunha semana na construción», asegura. Foi entón cando decidiu mercar a súa primeira máquina de coser. «Compraba telas e cortaba sen saber», lembra

Mais unha mestura de necesidade, curiosidade e gusto pola aventura levouno a probar sorte en Mauritania. Comezou traballando na construción pero pronto decidiu apostar pola costura. «Os que cosían gañaban nun día o que eu nunha semana», asegura. Foi entón cando decidiu mercar a súa primeira máquina de coser. «Compraba telas e cortaba sen saber», lembra. Aos poucos foi aprendendo, coa axuda dalgún amigo, e aos seis meses xa cosía as túnicas para muller. «A min sempre me gustou a arte e comecei a deseñar». Mor lembra que cada facía un deseño novo e moita xente ía mercarllos para vendelos no mercado. Alí, segundo asegura, é algo habitual que os homes cosan, do mesmo xeito que as mulleres.

As reviravoltas da vida levárono de regreso a Senegal, onde mudou os deseños de roupa por proxectos de xardinaría para o hospital de Tiuavane e outros. «Eu realmente non quería vir a España porque tiña alí moitos hospitais onde traballar, pero estaba aquí o meu irmán Samba, que me dixo que se gañaba máis e vin». 

Mor Talla chegou a Vigo un 30 de decembro de 2005 e chovía moito. Veu cun contrato de escultor da pedra e madeira e púxose a traballar na tenda de artesanía que rexentaba o seu irmán. Lembra que ese 31 –Fin de Ano- saíron pola noite o pasárono ben. «Son culturas moi diferentes e ás veces atopas xente racista, claro, como en todas partes. Pero eu sempre penso en positivo. Cando ti queres, podes. E non es de onde naces senón de onde paces», asegura.

Mor Talla chegou a Vigo un 30 de decembro de 2005 e chovía moito. Veu cun contrato de escultor da pedra e madeira e púxose a traballar na tenda de artesanía que rexentaba o seu irmán

Neses primeiros anos en Vigo traballou en moitos sitios, incluso como intérprete de wólof –a lingua propia de Senegal- para a asistencia a persoas detidas nos xulgados.

Estivo en varios grupos de música africana ata que fundou o seu propio conxunto, Khaleye Diamono (nenos do mundo) co que actúa como cantante e percusionista en diversos escenarios sempre co obxectivo de dar a coñecer e poñer en valor a cultura africana. 

A súa vida ía establecéndose en Vigo. Alí namorou e tivo unha filla, que agora ten 10 anos.  Cando naceu a súa filla leu o libro “A emancipación da muller e a loita africana pola liberdade”, de Thomas Sankara, e adoptou unha filosofía de vida coa muller como protagonista que plasmaría nos seus deseños. «Grazas ao traballo da muller e á loita polos seus dereitos hoxe podemos gozar de África. Merece todo o meu respecto», subliña. «Cando chegou a miña filla comecei a deseñar moito máis con telas africanas. Creo que nacín para crear», engade.

Cando naceu a súa filla leu o libro “A emancipación da muller e a loita africana pola liberdade”, de Thomas Sankara, e comezou a plasmar a mulleres senlleiras nos seus deseños. «Grazas ao traballo da muller e á loita polos seus dereitos hoxe podemos gozar de África», di

Talla plasma nas súas camisetas a Lilian Masediba Matabane, Ngoyi, activista que liderou a marcha das mulleres africanas en 1956 contra o apartheid en Sudáfrica. 

Recrea tamén a silueta de Funmilayo, toda unha pioneira na loita polos dereitos da muller na África dos anos 50, que agrupou desde Nixeria a 20.000 mulleres na defensa do dereito ao voto e a igualdade. Foi, por exemplo, a primeira muller africana en conducir un automóbil.

Unha clienta, na tenda de Mor, Talla Telas África, en Vigo. CC-BY-SA Vanesa Vázquez/VINTE

Elas son referentes que Mor quere que a súa filla coñeza, máis a cultura africana agroma nos deseños de Teranga –que significa benvido cun prato de comida e alude á hospitalidade senegalesa-, nos baobás, nas telas da liberdade da paz ou da alegría, que veñen directamente de Ghana, Costa de Marfil e Senegal ; e mesmo nos bogoláns de Mali, que tamén están, neste recanto de Vigo, pendurados das paredes.

Nos últimos tempos experimentou novos deseños de integración cultural e xa é posible comprar unha camiseta coa face de Rosalía de Castro e motivos africanos.

Dezanove anos despois da súa chegada a este país, Mor Talla di que xa é «un senegalego», que adora Galicia  porque é terra de emigrantes e a xente aquí, en xeral, entende o que isto supón. 

Mor é africano, negro e musulmán. Todos os días toma infusións con raíces africanas que o manteñen forte para non pisar un hospital, segundo defende. Todos os días abre a súa tenda de roupa e complementos en Vigo pola mañá e cose polas noites, ata a madrugada. Mor é feliz por estas terras e o negocio funciona, mais ten claro que un día volverá a Senegal. «Non quero morrer aquí», sentencia, sen perder o sorriso.

Mor Talla, na porta da súa tenda, en Vigo. CC-BY-SA Vanesa Vázquez/VINTE
Vanesa Vázquez

Vanesa Vázquez

Viguesa do Calvario. Comecei e aprendín en Atlántico Diario, Radio Vigo e Expansión. Cada día conta e agora contámolo en VINTE e Praza.gal. 

Tamén che interesa

  • «Son un continuísta: o meu compromiso é que siga viva a mercería que Josefa Castaño abriu en 1942»

    «Chámome Ramón e son patronista, pero un sen pena nin gloria, non un dos que destacan. Ademais, son formador en téxtil. Agora, dende hai cinco anos, tamén teño unha mercería. Que cousas ten a vida».

    Vinte na rúa comeza co relato de Ramón sobre a mercería La Crisálida, na Coruña, paradigma do espírito co que nace este novo espazo: historias de xente coa que nos cruzamos a diario e que merecen ser contadas. Ramón colleu o traspaso en 2019 e deulle unha nova vida a un negocio histórico que a día de hoxe conta con 700.000 seguidores en TikTok e clientes de todo o mundo. Esta é a súa historia.

    VINTE na rúa

    Co patrocinio de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.