Inma Mato, profesora de historia e surfeira: "Collín unha onda no meu primeiro día na auga e foi unha explosión de endorfinas, un subidón"

Coa colaboración de

Inma Mato, feliz, no mar. CC-BY-SA Javi Quiroga

"As nais non surfean", foi o primeiro que lle dixeron os seus fillos cando decidiu compartir con eles os seus desexos de se divertir canda eles e deixar de ser unha espectadora das súas clases de surf. E abofé que o fixo. Inma Mato é profesora de historia e fai surf sempre que pode, para asombro dalgúns. "Que é iso de que a profe de historia fai surf?", din no instituto. A primeira vez que colleu unha onda foi inesquecible. "Lembro coller impulso, poñerme de pé e virme esa sensación… ese subidón…iso que é como unha explosión de endorfinas. Non aguantei nada enriba, pero o mal xa estaba feito: collera unha onda no meu primeiro día na auga, e xa estaba enganchada", asegura. O único que lamenta é non ter comezado antes. 

 

Son de Noia e lembro que nos tempos do instituto quedabamos nunha sala de xogos que estaba decorada con imaxes de distintos deportes. Na entrada había un póster dun tipo facendo surf, un home collendo unha súper onda. Chamábame moito a atención e quedaba hipnotizada mirándoa. Para min aquilo era algo que acontecía noutros planetas -noutros mundos-, non algo que eu puidese soñar con vivir.

Inma Mato coa súa táboa de surf deseñada polos seus fillos xunto a ela. CC-BY-SA Javi Quiroga

Nadar xa me gustaba de sempre, iso si. Daquela non había piscinas, pero eu pasaba a vida na auga. Cando pasaba o calor, alargaba o baño todo o que podía. Collía a bici e escapábame —xa podía ser xaneiro ou febreiro— e tiraba cara á praia. Esa sensación de cambiar de contorna, a da auga na pel, a da inmersión total nun medio distinto, sempre a levei dentro. 

"Lembro perfectamente estar agardando por Mauro e por Antón a que remataran as clases, pasmando como unha mona mentres eles desfrutaban, e ao volver de volta no coche decirlles: 'Voume apuntar eu tamén'. E eles: 'Nin de broma! Como vas facer iso? As nais non surfean!'"

Así que imaxino que é normal que os meus fillos aprendesen a nadar e a bucear antes que a camiñar. Con nove ou dez anos empezaron a facer surf. Lembro perfectamente estar agardando por Mauro e por Antón a que remataran as clases, pasmando como unha mona mentres eles desfrutaban, e ao volver de volta no coche decirlles: “Voume apuntar eu tamén”. E eles: “Nin de broma! Como vas facer iso? As nais non surfean!”.

Mauro, Inma e Antón adoitan practicar surf xuntos. CC-BY-SA Javi Quiroga

Pasou o tempo e eles empezaron a compaxinar os estudos con ser monitores de surf, e a min non se me pasaban as ganas. Díxenlles: “Jo!, xa que vos teño na casa, podíadesme ensinar a coller ondas, non?”. E eles: “Se queres aprender, apúntate na escola. Nós non imos facer doblete”. Total, que tiven que apuntarme e pagar as clases para que me ensinaran. [risos]

Pero a verdade é que foi mellor do que podía imaxinar. Lembro o primeiro día na auga perfectamente. Estaba en Bastiagueiro, con Mauro, e vin unha onda que se me achegaba rapidamente. “Que fago?”, berrei. E Mauro: “Pois rema… cóllea!”. E eu: “Veña!”. Lembro coller impulso, poñerme de pé e virme esa sensación… ese subidón…iso que é como unha explosión de endorfinas. Non aguantei nada enriba, pero o mal xa estaba feito: collera unha onda no meu primeiro día na auga, e xa estaba enganchada.

E dende entón ata agora seguimos surfeando xuntos e, claro, a min non hai nada que me guste máis neste mundo. Aínda que sexa un día malísimo, feo, sen ondas, o feito de que veñan comigo, de que me adiquen ese tempo e de que esteamos xuntos…a ver, é que non podo pedir nada máis. Ademais, na auga temos os papeis cambiados: aquí son eles os que me axudan e me dan confianza. Hai pouco, por exemplo, estivemos en Portugal, en Ericeira, cunhas ondas enormes, e eu morta de medo, sen saber que facer, pensando que iso non era para min. “Podes con estas ondas e con moito máis”, dixéronme, e, claro, eu, se mo din eles, créoo. Ao final collín a mellor onda da miña vida.

"Hai xente ainda que se sorprende de que faga surf. Por exemplo, os meus alumnos. Son profesora de Historia nun instituto e flipan cando o saben"

A táboa que levo hoxe fíxoma Mauro, por certo, pero deseñámola entre os tres. Sinto que me apoian moito.

Logo hai xente ainda que se sorprende de que faga surf. Por exemplo, os meus alumnos. Son profesora de Historia nun instituto e flipan cando o saben. Hai uns anos fixeron no centro un “bautismo de surf” cos alumnos, en Educación Física, e a profesora convidoume a ir. A primeira vez que me viron coller unha onda, fliparon. Eles vén aí á señora que lles dá Historia, e é como que lles rompe os esquemas. Non o esperan. Logo ata os pais o comentaban: “Que é iso de que a profe fai surf?”. Eu dígolles que non vivimos no centro, que temos vida máis aló das aulas. Non sei se me cren. [risos]

Inma Mato, cos seus fillos detrás, ao saír da auga logo de facer surf na praia de Barrañán (Arteixo). CC-BY-SA Javi Quiroga

Ademais teño un proxecto en redes que se chama Mima Surf, outra cousa que lles soprende. [risos] É que este mundo dá para moito. A realidade xa che dá o material sen pedilo, e eu fago ilustracións relacionadas co mundo do surf. Hai unha morea de situacións peculiares. Estás tomando algo coas amigas despois de surfeare e xa brotan soas. Para min é tamén un xeito de que conflúa unha forma de expresión que tiña esquecida, o debuxo, co surf. E aquí tamén me animaron moito os meus fillos.

"Teño un proxecto en redes que se chama Mima Surf, outra cousa que lles soprende. Fago ilustracións relacionadas co mundo do surf. Estou sempre a argallar cousas"

 Mauro foi o primeiro ao que lle ensinei un caderno, así, como con certo corte: “Mira, que estou pensando en abrir un blogue…”. E el púxose a pasar debuxos e soltoume: “Pero se xa o tes feito, xa tes o material. Só tes que empezar a subilos”. Despois regaláronme un iPad e animáronme a abrir o Instagram. Coa broma, xa hai unha pequena comunidade e ata me pregunta xente na praia: “Ti es a que fai os debuxos de surf? ”Son un pouco cú inquedo, témome; estou sempre argallando cousas. As miñas amigas din que as agoto só contando as cousas que fago. 

O único que me dá pena é que empecei tarde a coller ondas. Comecei con corenta e pico anos, pero tiven un problema grave nas costas e, entre operación e rehabilitación, non me puxen en serio ata os cincuenta. Quizais por iso ás veces dáme a sensación de que estou estancada e de que non melloro, porque hai cousas que me gustaría facer, cousas que lles vexo facer aos meus fillos ou a outra xente, e que me dan certa envexa. Eles dinme que non me ralle, que igual non teño a mellor técnica de mundo, pero que non coñecen a ninguén que desfrute tanto collendo ondas coma min.

Penso que iso tamén é algo bonito que ten este deporte: tes que facer as paces coas cousas frustrantes e fóra do teu control. Ti podes botar todo o día no mar e non coller nada, porque non se dan as condicións. Con outras actividades iso non pasa: a cancha de baloncesto non cambia dun día para outro, está sempre igual. Iso tamén fai que teñas que entender a vida doutro xeito. O tempo dilátase e tes que estar aberta ao que sucede. Se vés ata aquí e non hai ondas, pois fas unha ruta, charlas… ou quedas pasmando. Improvisas. Ás veces quedo coas amigas, imos a Esmelle ou a Pantín, e elas levan furgo e xa van coa idea de quedar a pasar a noite despois de surfear. Eu vou en coche, pero sempre levo nel un saco de durmir e outras cousas básicas, listas por se me apetece quedar con elas. Gústame esa espontaneidade.

"Os meus fillos, os mesmos aos que de adolescentes lles daba corte que a súa nai puidese facer surf, agora chulean dela"

Os meus fillos, os mesmos aos que de adolescentes lles daba corte que a súa nai puidese facer surf, agora chulean dela. E eu véxome toda a vida facéndoo, a verdade. É un xeito de vivir que está á marxe do mundo no que vivimos e que condensa todo o que me gusta: deporte, natureza, perda de horarios e da noción do tempo. Ademais é unha forma estupenda de coñecer xente interesante. É como un xeito de peneirar. Non cos que empezan, claro, que moita xente se interesa polo surf unha tempada e despois o deixa, pero, ao final, os que levamos tempo nisto temos moitas cousas en común: un xeito particular de entender a vida. 

Inma Mato xunto ao seu fillo Mauro. CC-BY-SA Javi Quiroga
Javi Quiroga

Javi Quiroga

Javi Quiroga conta historias da xente e failles fotos. Despois compárteas en VINTE, en O Novo Normal, ou onde lle cadre. Vive na Coruña.

Tamén che interesa

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.