Suso Carreira e Antía Carreira, no escenario do Mesón do Forno, en Lugo © Lucía Barreira Paz
Contra finais dos 80 en Lugo había moitos artistas, "pero non se coñecían entre eles". Suso Carreira abrira en 1986 o Mesón do Forno no local da rúa río Ser onde dende 1974 funcionara o almacén de patacas e pensos do seu pai. Nunha das beiras do populoso barrio da Milagrosa -"populoso" e "A Milagrosa" foron da man durante moitos lustros nas descricións xornalísticas da xeografía humana lucense- e enfronte do centro de saúde que noutrora fora a clínica do doutor Plácido Vila, O Carreira (así era coñecido o pai, así son coñecidos o fillo e mais o Mesón) ben podía dar por sentada a clientela coas moitas persoas que por alí vivían e pasaban. "Pero nunca fomos un bar de barrio; a nosa xente veu sempre de todas as partes de Lugo, de todas partes de Galicia", relata -e non esaxera-.
Entre esas xentes que comezaron a poboar o Mesón do Forno estaban "un par de artistas" aos que coñecía Suso, cuxas infindas lecturas e coñecemento van moi alén do currículo académico dos seus estudos de historia da arte. Canda os seus coñecidos "foi xuntando" outros ata formaren un grupo artístico, A Espeteira, entre toda esa "xente que era moi individualista, andaba cada un polo seu lado", ata que "se viñeron coñecer aquí". Ese foi un dos xermolos da "casa de artes e comidas" que non tardou en virar en fervedoiro cultural e agora ten na dirección artística a Antía Carreira, quen tras media vida traballando na do pai e cunha traxectoria de seu como cineasta, artista visual e activista cultural, se dispón a abrir novos vieiros ao Mesón como "sitio de portas abertas onde se crea cultura".
Nos 80 Suso Carreira abriu o mesón no local da lucense rúa río Ser onde o seu pai tivera o almacén de patacas. Non tardou en virar nun fervedoiro cultural que chega ata hoxe, cando Antía Carreira asume a dirección artística achegando a súa bagaxe creadora ao lugar onde leva traballando media vida
"Eu sirvo pratos, frego chans, fago películas... E gústame". "Se cadra antes non tanto, pero aos 30 anos xa o entendo máis", relata Antía na mesma semana na que estrea nova curtametraxe mentres segue "aterrando" doutro xeito no lugar onde "medrou", concibido por Suso como "un sitio de comidas e tapas, pero onde un estivese a gusto, onde ter cadros, ter xente interesante... Porque aparte de estar aquí traballando, eu quería estar divertíndome", confesa.
"A arte non é sagrada, é unha cousa máis da vida". Como tal flúe polas paredes e o escenario do Mesón e tamén che pode aparecer na mesa coma un debuxo ou un truco de maxia de Suso, que evita a etiqueta de artista e prefire a de "diletante"
E abofé que o fixo e segue a facelo. Porque Suso Carreira é tan artista coma os que poboan as mesas e as paredes do Mesón do Forno aínda que el prefira definirse como "un diletante". "Sempre fixen cousas pero son un afeccionado e non pretendo ser máis ca iso". "E non lle dou importancia; a arte non é unha cousa sagrada, é unha cousa máis da vida".
Como "cousa da vida" que é, a arte pódeche aparecer na mesa do Mesón do Forno mentres xantas en forma de debuxo espontáneo de Suso. Tamén pode abraiarte cun truco de maxia a escasos centímetros dos teus ollos tras pedirche que movas un chisco o prato no que degustas un galeguísimo -tan galego que veu de fóra, como é sabido- churrasco ou unha especialidade de cociña árabe. Esa "fusión" caracteriza o Mesón do Forno dende que quixeron ir alén "das táboas, as tortillas, o churrasco" e se apoiaron na abondosa comunidade marroquí da contorna para as ideas e os produtos. A carnizaría Sala y Ahmed, de veciños chegados de Marrocos, exemplifica Antía, é tan fornecedora do Mesón como a Panadería Friol, ambos negocios do barrio.
Maxia e artes no Mesón do Forno
-
Sesión do Lugo Máxico 2025 no Mesón do Forno, o pasado 22 de maio -
Maxia nunha mesa do Mesón do Forno -
Antía Carreira, atendendo ao espectáculo do Lugo Máxico no Mesón do Forno -
As artes e a maxia flúen polas paredes e o escenario do Mesón do Forno -
Obras expostas no Mesón do Forno -
Mesas no comedor do Mesón do Forno, con moitas horas de bo xantar, artes e maxia na súa historia -
A arte e a historia da contorna reflíctense no Mesón do Forno -
A maxia emerxe no Mesón do Forno -
A gastronomía galega conflúe coa árabe no menú do Mesón do Forno -
Fotografía exposta no Mesón do Forno -
Suso e Antía Carreira, tras a barra do Mesón do Forno
"Eu tamén son mago, aquí fago maxia todos os días", relata Suso con naturalidade -e nisto tampouco esaxera-. Porque o Mesón do Forno é un lugar onde flúen a pintura, a escultura ou as letras, pero tamén a maxia. "Temos un grupo de magos importante", admite. Non en van, o xa asentadísimo certame Lugo Máxico naceu entre as súas mesas e, mentres atenden a VINTE, Suso e Antía prepáranse para acoller no escenario unha das sesións da nova edición do festival baixo a condución do ilusionista Marcos Waldemar.
"A hostalería mantente nun bo lugar dende onde mirar as cousas", mantén Antía sobre un contexto cultural e artístico onde ás veces "á xente ínchaselle a cabeza". O seu plan é afondar no carácter do Mesón como espazo para "convivir e facer cultura", sempre "escapando do pretencioso"
Pero a arte, insiste Suso Carreira, "é unha afección que temos, gústanos facela, non é unha obriga nin un negocio". "Ti es artista porque che sae", resume Antía, e "a min iso ensinoume que a arte non tes por que facela para comercializala", tamén é "a forma na que te expresas, a forma na que vives". A Suso "sáelle" a arte e a boa conversa cunha personalidade inmensa que impregna o local, unha "esencia" á que Antía quere achegar cousas e intereses artísticos novos, "experimentar", ir alén de "ver unha actuación" e sempre "escapando do pretencioso", explica durante unha conversa na que, como as artes, tamén flúen os tirapuxas agarimosos e cómplices entre a segunda e a terceira xeración d'O Carreira.
"A hostalería mantente nun bo lugar dende onde mirar as cousas", reflexiona Antía. Porque ás veces, no mundo cultural e artístico, "á xente ínchaselle a cabeza" e ter "un espazo coma este", "relaxado, onde vén xente de todo tipo, de todas as idades" e onde conflúen gastronomía e cultura "dende unhas base de igualdade" é "unha sorte" que "se cadra, noutras institucións máis regradas", non é posible ter. A súa propia bagaxe creativa e as súas ligazóns con espazos coma o centro social A Hedreira ou o Leira Haus hanlle servir para afondar no carácter do Mesón do Forno como lugar para "convivir e facer cultura" entre pratos ben diversos.
Neste novo papel de Antía no Mesón do Forno non emerxe, nin de lonxe, unha retirada Suso do Carreira. "Eu podería estar xa xubilado, pero non quero; que fago na casa?", pregúntase antes de engadir o ben que lle encaixa que "Antía leve o espazo" cultural. "A vida ten que seguir", advirte coa mesma naturalidade coa que che amosa un cadro, che fai un truco, che recomenda o menú ou che admite que, catro décadas despois da fin do vello almacén, aínda non é pouca a xente que o segue chamando "o pataqueiro". "Hai moitos sitios marabillosos, pero non coas portas tan abertas", resume Antía Carreira.