LabCareixa. Experimentación escénica cos códigos da mocidade

Cinco artistas e un laboratorio de experimentación teatral. O LabCareixa é unha idea de Sergio Marey, Antía Carreira e Breogán Martínez, que convidaron a cinco persoas da súa xeración (menores de 30) especializadas en diferentes artes para levar á escena unha obra da escritora coruñesa Luisa Villalta.


«Pensamos que á xente nova cústanos achegarnos ao teatro e queriamos poñelo de relevo como unha alternativa de traballo para artistas doutras áreas», conta  Sergio Marey, comisario do LabCareixa, sobre esta experiencia na que artistas de diferentes disciplinas que apenas se coñecen entre si conviviron durante catro días no Pazo de Mariñán co obxectivo de montar unha obra teatral arredor dun texto que ningún deles lera previamente.

A Deputación da Coruña impulsa esta acción que culmina o sábado 23 coa representación de Tribunal, unha reinterpretación do Paseo das esfinxes da dramaturga e poeta Luisa Villalta, creada na primeira edición deste laboratorio de teatro experimental que reúne a Elise.pdf, Carmen Quintáns, Daniel Cambeiro (flora ghost), Carlos Beade e María Vérez; e conta coa produción de Antía Carreira e Breogán Martínez.

«Atopamos a Luisa Villalta un pouco por casualidade. Ela é coñecida pola súa poesía pero ten moito texto teatral. Quixemos reivindicala como dramaturga. A agrupación cultural Alexandre Bóveda agasallounos co libro que publicaron dela con toda a súa obra dramática e atopamos unha peza que nos encaixou para esta edición. É un texto que cada un interioriza dunha maneira e significa unha cousa para cada persoa, a perspectiva do lector aquí é moi importante. Por iso, dentro da peza, o público vai ter moita importancia porque formará parte obra dalgunha maneira», sinala Marey.

Sesión coa artista Ana Esmith durante os días de convivencia do laboratorio de teatro experimental © Breogán Martínez/LabCareixa

Aínda que seleccionaron cinco artistas que poden ocupar os papeis tradicionais do teatro, a súa intención era que todos se involucraran en todos os aspectos da creación para ter unha base conxunta que despois, máis alá da convivencia no Pazo de Mariñán, desenvolver por separado desde as súas casas. «No encontro con Ana Esmith (MissBeige) recalcou que o traballo da interpretación con todos serve para saber que se pode levar a cabo e que non, que é cómodo facer... É algo que suma nesta residencia, que a creación é conxunta», apunta Sergio Marey. O dramaturgo e director da revista teatral Erregueté Afonso Becerra e o director artístico de Chévere, Xron, tamén pasaron polo LabCareixa. 

«A residencia foi súper intensa, acabamos agotadísimos todos os días. Os artistas convidados involucráronse un montón e alongaron as horas de traballo porque lles gustou moito o proxecto. Houbo moitas rompeduras de cabeza e foi moi guai velo desde fóra. Como artista sempre estás no medio e ver o proceso deles, como ao principio estaban súper perdidos e lle foron dando forma, e no último día xa o tiñan case todo. Foi súper guai», lembra Marey, que é co-director da galería A Solaina xunto a Antía Carreira e deseñador de moda. 

A dirección tamén foi un reto para Sergio Marey, convencido da importancia de crear sinerxías entre o LabCareixa e a xente do teatro. A idea é levar a representación por diferentes festivais escénicos despois da estrea. «Foi un reto. Para min é un dos proxectos máis guais que fixemos ata o de agora. Xa no ensaio emocioneime moitísimo, alucino con todo o talento que hai aquí. Creo que hai unha revolución cultural en marcha», salienta. 

«Elise é unha artista multidisciplinar, fixo moda pero está a traballar moito a ilustración e a performance. Pensamos que podía facer un traballo interpretativo e encargarse da parte do vestiario. Carmen Quintáns é moi boa a nivel pintura e tamén co deseño gráfico e as instalacións, queriamos que lle dera o seu enfoque á escenografía e á montaxe para darlle forma á peza. Daniel Cambeiro é músico e deseñador gráfico, e desde o principio pensamos que a música podía ter un papel importante (e de feito así foi), ademais pensamos que el podía complementar a dramaturxia. Carlos Beade fai collage e se iniciou na performance e no deseño 3D, queriamos que aplicase a súa forma de entender a arte á montaxe da obra e pensamos que tamén podía ser un dos intérpretes. E María Vérez fai visuais e fotografía, ten curado algunha exposición; na súa obra a luz ten moito poder e quixemos contar con ela para darlle un punto distinto á obra», di sobre os artistas desta primeira edición. 

Unha sesión de traballo común durante os catro días que pasaron no Pazo de Mariñán © Breogán Martínez/LabCareixa

O reto para os artistas non era menor, Daniel Cambeiro, que está a traballar no seu proxecto musical como flora ghost, explica que cando o convidaron pareceulle «unha cousa moi tola». Mais aceptou ao momento porque «non hai moitas oportunidades así, nas que tes a sensación de que estás a vivir algo único e te sentes respectado como profesional á vez». Cambeiro fixera a banda sonora para unha obra teatral, pero non se involucrara máis alá na peza. Neste caso, como avanzou Marey, a música é case co-protagonista. 

«Fixen unha especie de viaxe musical de vinte minutos, que é o que vai durar a obra. E na última semana ocorréuseme compoñer unha música para a canción que canta a protagonista. Foi o toque final, no que ademais lle engado a miña voz. Que é a única que se vai escoitar, pois na obra non hai diálogos. A parte do audio é todo música», explica Daniel Cambeiro, quen destaca que o límite temporal para crear a peza teatral lle resultou «moi interesante e estimulante». 

Cartel de 'Tribunal', a obra que estrean o 23 de abril © LabCareixa

A estrea de Tribunal é o sábado, 23 de abril, no Pazo de Mariñán (Bergondo, A Coruña). Haberá dous pases, un ás 12h e outro ás 13.30h. Para asistir é preciso reservar praza no enderezo labcareixa@gmail, indicando a cal dos pases se desexa acudir.

Ana G. Liste

Ana G. Liste

Xornalista viguesa do 90. Traballei en medios como Faro de Vigo, El País e Europa Press. Formo parte da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e son unha máis en Xornalistas Galegas. Agora estou entre Praza.gal e VINTE.

Tamén che interesa

  • Existir e resistir. Unha ollada ao drag en Galicia

    Toda unha comunidade de artistas drag, apenas visible, desprégase ao longo do país a pesar da falta de espazos e a desconexión coas institucións. Con vivencias e percorridos diferentes, comparten unha vontade por facerse coñecer e valorar e, por riba, facelo desde aquí.

    Escena
  • 'Rompente’. Outros camiños da xeración Z desde O Barbanza

    O cineasta Eloy Domínguez Serén adéntrase na ficción con 'Rompente'. A curtametraxe, que se estrea no Festival de Málaga, conta unha historia que se achega á realidade da xente nova na comarca do Barbanza e na Costa da Morte, onde moitas parellas repiten os roles dos seus pais e nais para saír adiante.

    Cinema
  • Brandán Cerviño. O cineasta que levou a comuñón da súa curmá a festivais de cinema de medio mundo

    'A comuñón da miña prima Andrea' é un vídeo doméstico de primeira comuñón pero tamén é unha curtametraxe que está a percorrer ducias de festivais, protagonizada -e cocreada, podemos dicir- por Andrea Abeledo, unha nena de Friol, e realizada polo seu primo de Sober, Brandán Cerviño. Con este cineasta, nacido en Pontevedra no 1993, formado en Belas Artes en Barcelona e en cinema na prestixiosa escola San Antonio de los Baños de Cuba, conversamos sobre a súa traxectoria e sobre a que para el é a mellor maneira de facer cinema: coa xente cercana e con honestidade. Sen que falte tampouco o brillibrilli

    Cinema

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.