‘O último de Arganeo’. Un documental protagonizado por Edilberto Rodríguez, pastor de 24 anos

No peor da pandemia da COVID, o cineasta de Chantada David Vázquez decidiu chamar a un rapaz do que xa lle falaran varias veces. Tiña un proxecto parado e non quería renunciar a gravar. Así coñeceu a Edilberto Rodríguez, protagonista do filme ‘O último de Arganeo’, que deixou a universidade para ser pastor coma o seu avó.

 

«É como retroceder no tempo», conta David Vázquez sobre o tempo que pasou na serra de Pombriego (Benuza, León) para a rodaxe do filme documental O último de Arganeo, que compite na sección oficial da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) do Museo do Pobo Galego, que se celebra en Santiago ata o 2 de abril. A película ten «unhamensaxe de esperanza, en positivo», que o director de Chantada cobizaba naqueles momentos de incerteza. 

O protagonista da película, Edilberto Rodríguez, ten 24 anos, mais garda «as vivencias dun home de 80». «Éunhaenciclopedia», afirma o director. Pasou gran parte da súa infancia na aldea de Silván (Benuza, León) cos seus avós, que lle transmitiron o amor pola natureza, polos animais e polas tradicións. Uns principios que prenderon nel ata tal punto que aos 20 anos decidiu abandonar o grao de Enxeñaría forestal que estaba a estudar en Ponferrada para facerse cargo das cabras e recuperar os ′corrales de Arganeo′, onde agora pasa os veráns. 

Imaxe do documental 'O último de Arganeo'. © Pinancho Audiovisuais

«Só a rodaxe foi unha experiencia inesquecible», lembra o director, que subíu a montaña co seu equipo despois de falar por teléfono con Edilberto. Case non se coñecían, pero este pastor novo colocouse diante da cámara e soltou as cousas como as pensaba: «Creo que o éxito foi entrevistalo según chegamos. Ía moitísima calor, metémonos na cabaña, xantamos e despois dixémoslle de facer a entrevista mentres non baixaba a calor. Foi o mellor que puidemos facer porque el aí aínda non tiña confianza connosco e sacou todo o que tiña dentro. Mostrouse tal e como é. Se chegamos facer a entrevista o domingo á tarde, que xa botaramos moitas horas xuntos e tiñamos unha certa amizade, non sería o mesmo».

«Sacou todo o que tiña dentro. Mostrouse tal e como é»

Isto é o que se ve no filme, a un Edilberto que quere manter viva as tradicións dos seus avós e que non o quere facer só. Non é unha persoa solitaria, nin tiña problemas de adaptación en Ponferrada. De feito, el mesmo razoa na película que fixo moitas amizades nada máis comezar os estudos de forestais e que ía moito de festa. Porén, «iso non era o que quería», repite en varias ocasións. «A xente segue a pensar que o que fica na aldea, por cousa boa non pode ser. Como din aquí ′porque non é para o mundo′. Eu creo que son bastante para o mundo, aínda que estea aquí nesta serra», di nun momento da película. 

«Ten unha vida social enorme e moito éxito nas redes sociais. A xente transmítelle moito cariño e a el gústalle que se saiba o que fai, pero non quere tolear», apunta o director. Edilberto pasa os meses de verán na serra, pero o resto do ano está na súa aldea, onde vive cos seus pais, e traballa para que non se perdan os festexos e as relacións entre a xente da zona. Logrou implicar o seu pobo para recuperar a celebración do entroido en Pombriego –emparentado coa tradición de Viana do Bolo– e, incluso coa pandemia polo medio, conseguiu que moita xente nova se achegase ata alí cando se puido celebrar. 

«É unha historia que transmite algo de esperanza neste mundo que se está indo á merda. Aquí hai un raio de esperanza aínda que sexa ficticio, pois como di el, non é o normal que unha persoa nova faga isto». No seu traballo anterior, Narote, David Vázquez falaba con Antonio Nieves ′Narote′, de 103 anos, o último sobrevivente da revolución de Asturias. «Aítodo eran desgracias. Tamén en Asolagados. Entón, quería contar unha historia en positivo e falar non só do pasado. O pasado non hai que esquecelo, pero hai que pensar no futuro», salienta.

«É un rapaz que ten un arraigo á terra, que cre en Deus, que ten unha devoción polos santos e lles canta... Para min ten un mérito enorme e moito potencial»

«A súa irmá díxome na presentación da película que parecía que Edilberto necesitaba contar todo iso, que precisaba abrirse e contar por que está aí. Contar como el ve as cousas. Ao final, o documental ten un tramo filosófico sobre como el ve o mundo. É un rapaz que ten un arraigo á terra, que cre en Dios, que ten unha devoción polos santos e lles canta... Para min ten un mérito enorme e moito potencial», destaca o director, que chama a deixar a un lado os prexuízos para achegarse ao que conta o protagonista do filme, que se pode ver de balde na MICE o 1 de abril, ás 20.30 horas, no Teatro Principal de Compostela

As escollas deste rapaz leonés volven pór o foco en que non se debe xeneralizar coa mocidade. Na súa xeración, a chamada xeración Z, hai moitas sorpresas e moitas leccións para o resto da sociedade. «Despois de ver a película o meu fillo, que ten 18 anos, flipaba con Edilberto. Tamén vin moita xente nova, aquí en Chantada, que teñen vidas completamente distintas á de Edilberto, e conectaron moito con el co documental. Non sei quen está no certo e cal é a vida perfecta, pero penso que cada un elixe o que quere ser. E cando un escolle o que quere ser, e é feliz, os resultados sempre son bos», asegura David Vázquez. 

Imaxe do documental 'O último de Arganeo'. © Pinancho Audiovisuais
Ana G. Liste

Ana G. Liste

Xornalista viguesa do 90. Traballei en medios como Faro de Vigo, El País e Europa Press. Formo parte da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e son unha máis en Xornalistas Galegas. Agora estou entre Praza.gal e VINTE.

Tamén che interesa

  • 'Rompente’. Outros camiños da xeración Z desde O Barbanza

    O cineasta Eloy Domínguez Serén adéntrase na ficción con 'Rompente'. A curtametraxe, que se estrea no Festival de Málaga, conta unha historia que se achega á realidade da xente nova na comarca do Barbanza e na Costa da Morte, onde moitas parellas repiten os roles dos seus pais e nais para saír adiante.

    Cinema

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.