O cineasta Eloy Domínguez Serén adéntrase na ficción con Rompente. A curtametraxe, que se estrea no Festival de Málaga, conta unha historia que se achega á realidade da xente nova na comarca do Barbanza e na Costa da Morte, onde moitas parellas repiten os roles dos seus pais e nais para saír adiante.
«O meu primeiro paso na ficción quería que fose algo que eu coñecese moi ben, de primeira man. A historia de Rompente ten unha compoñente biográfica forte: está baseada na experiencia dos meus pais, que no ano 1985 –tendo eles 19 e 20 anos– me tiveron en circunstancias moi parecidas ás dos nosos protagonistas. Digamos que collo esa experiencia e a actualizo á sociedade actual. E decátome de que –contra o que se pode pensar– existen nesta zona da costa, tanto no Barbanza como na Costa da Morte, moitas parellas desa idade que xa teñen fillos», explica o cineasta Eloy Domínguez Serén.
«A historia de Rompente ten unha compoñente biográfica forte, está baseada na experiencia dos meus pais que no ano 1985 –tendo eles 19 e 20 anos– me tiveron en circunstancias moi parecidas ás dos nosos protagonistas»
A curtametraxe de ficción Rompente estréase competindo na sección oficial da 25ª edición do Festival de Málaga, que se celebra do 18 ao 27 de marzo. O seu director, Eloy Domínguez Serén, o produtor de Zeitun Films Felipe Lage e os dous protagonistas, Sergio Baleirón e Soraya Luaces, verán por primeira vez xuntos a curta na pantalla grande preto dun mar que é moi distinto do que acompaña esta historia.
O cineasta do Salnés pasou moito tempo coa rapazada da comarca do Barbanza, percorrendo os institutos da zona falando da experiencia da película documental Hamada (2018) e contándolles o proxecto de Rompente. Non houbo un proceso de selección de actores ao uso, foi unha busca do propio director. Conviviu tanto con parellas novas con fillos como con mariñeiros, mariscadoras e percebeiros da zona para tratar de coñecer en detalle o seu traballo.
«De pronto, decátome de que unha serie de patróns que se atoparon meus pais seguen a repetirse, polo menos nestas zonas de costa; refírome a quen asume os coidados do bebé e quen se fai cargo dos ingresos económicos da relación, onde viven, cando se emancipan e como... Fun consciente de que en tres décadas había aínda decisións que tomaban en parella que estaban moi determinadas por tipos de relacións que agora asociamos a unha sociedade máis conservadora e patriarcal. Póñome investigar por que e vexo que é unha cuestión pragmática: que outra opción teñen no contexto social e económico no que se atopan?», conta.
Seguindo esa aproximación á xente coa cámara no ombreiro que tanto destacou na súa curta sobre o entroido, Os Corpos (2020), Eloy Domínguez Serén quere mostrar agora o traballo físico que supón toda profesión ligada ao mar. Neste caso, Santi, o protagonista, é bateeiro. Pero, para ter uns ingresos extra, é percebeiro furtivo polas noites. «Con toda a tensión que isto crea nunha comunidade tan pequena, na que tanta xente vive do mar e considera que el está facendo algo ilícito», apunta o director.
Por primeira vez non é el quen leva a cámara, é o director de fotografía Diego Romero quen filma a curta. «Estaba seguro de que quería traballar con Diego porque era un tipo de cámara física, próxima ao rostro dos actores, a que eu buscaba. Tanto as escenas do traballo no mar como as máis íntimas da parella están rodadas coa cámara ao ombreiro e estou súper contento co resultado. Ao final, así a cámara é unha resposta ao teu propio corpo: calquera movemento que fagas coa cadeira, co peito, cos ombreiros ou coas pernas reflíctese na pantalla. Nese sentido, pareceume o idóneo para contar como a xente me arrastraba no entroido e tamén, neste caso, porque o protagonista é moi introspectivo, está sobrepasado pola situación pero leva a angustia por dentro», debulla.
«A curta está centrada no personaxe masculino porque consideramos que gran parte da batalla pola igualdade entre homes e mulleres é que nós –homes– fagamos un exercicio de reflexión a respecto de que patróns estamos repetindo que son lesivos, incorrectos e tóxicos –sexamos conscientes ou non–. Vemos unha parella que toma unha decisión sobre como sacar adiante a unha familia, neste caso a un pai dependente e a un bebé, seguindo patróns que ven na súa comunidade, pero que tamén están creándolles dificultades emocionais e psicolóxicas a eles dous», salienta Eloy Domínguez Serén.
«Sergio apareceu en Rianxo, é bateeiro e leva anos traballando no mar; e Soraya é de Portosín e coñecina no Instituto de Porto do Son»
Sergio Baleirón e Soraya Luaces, que interpretan á parella protagonista, Santi e Lucía, non son actores profesionais. Aínda que esta é a primeira ficción de Eloy Domínguez Serén, non abandonou a maneira de traballar as pezas documentais en moitos aspectos: «Ao principio xa vimos que Santi tiña que ser un mozo mariñeiro, foron moitos meses de pasar tempo nos portos e nas lonxas de todo O Barbanza e de toda a Costa da Morte. E no caso de Lucía, recorrín practicamente todos os institutos desta zona para atopala. Sergio apareceu en Rianxo, é bateeiro e leva anos traballando no mar; e Soraya é de Portosín e coñecina no Instituto de Porto do Son».
A estrea de Rompente en Galicia aínda non ten data, pero Eloy Domínguez Serén ten moitas ganas de coñecer a reacción da xente «porque considero que gran parte da poboación urbana podería pensar que este tipo de situacións son pouco frecuentes; definitivamente é unha cuestión sociolóxica e tamén xeográfica. Entendo que ter un fillo ten que ser unha das experiencias máis enriquecedoras, pero tamén máis difíciles, da vida. E facelo a esa idade, como lle tocou aos meus pais... Este traballo achegoume a eles, axudoume a comprendelos e a admiralos».