Ángel Filgueira: «Entendo o cinema como un traballo físico, manual»

En decembro de 2018 Ángel Filgueira (Redondela, 1992) chegaba ao Lab do Festival Novos Cinemas de Pontevedra cun proxecto debaixo do brazo que non era nin sequera un guión. Tres anos máis tarde, o cineasta regresa ao festival da cidade onde vive para mostrar algún fragmento do que xa é a súa primeira longametraxe de ficción, ‘Cando toco un animal’, que veremos en 2022. 

Non é, con todo, a primeira peza de longo formato que presenta Ángel Filgueira. Hai tres anos púídose ver en algún festival Sevilla y Gomorra, unha ollada documental á noite en Sevilla –«unha festa densa, de rúas frías e laranxas»– a través da esmorga dun grupo de amigos que falan, chancean, beben e reflexionan. Na capital andaluza era onde Filgueira estudaba un ano de intercambio universitario SICUE dentro dos estudos de Comunicación Audiovisual en Pontevedra. 

Foi nas aulas da facultade pontevedresa onde cadrou con Anxos Fazáns e Silvia Fuentes, que polo 2018 estaban montando unha produtora, Sétima, mentres o director escribía o proxecto para unha peli de ficción, Cando toco un animale o presentaba ao Lab de Novos Cinemas. O material saía das súas propias emocións e experiencias viña plasmando nos seus diarios: «escribo diarios desde hai moito. Alí atopei o material bruto, desordenado, pechado, inaccesible para os outros. Esta película nace do deseño de poder compartir o que latexaba alí dentro». E así o explica á hora de presentar o filme: «O motor desta película é a vida, as experiencias e os recordos, a intensidade na miña propia carne ao descubrir novas formas de relacionarnos afectivamente con outras persoas, formas de quererse, de comunicarse, de gozar, tamén de ferir e de coidar e sandar. E todo o que se aprende e se pode construír a partir de aí.».

O resultado, que poderemos ver en 2022 así que remate a postprodución e comece o percorrido en festivais, é un drama intimista articulado en seis momentos da relación entre Mariña (Lidia Veiga) e Ada (Ánxela Ríos), que aos seus vinte e pico anos comezan unha intensa relación amorosa, e o seu amigo Tomás (Xulio Besteiro), que se introduce na intimidade da parella, alterando e remexendo os seus vínculos sexuales e afectivos. 
 

«Como a peli é tanto de conexión e de traballar sobre a verdade non sabía moi ben se traballar con actores naturais ou profesionais. Pero a escolla de Lidia, que xa é unha actriz profesional, condicionou as demais.»

O proceso para atopar o elenco da película non foi doado. Ángel Filgueira conta como botou case un ano facendo o casting: «Era importante atopar os tres personaxes individualmente –explica–, pero era máis importante aínda atopar os tres en conxunto e que funcionase ben. A primeira en unirse ao proxecto foi Lidia. Xa a vira nalgunha curta e parecérame incrible, gustábame que traballaba moito desde ela. Quixen coñecela, falamos, interesoulle o proxecto, e despois xa fomos facendo co casting con  ela buscando a outra personaxe feminina. Atopamos a Anxela Rios, entenderonse moi ben, e con elas dúas buscamos o personaxe masculino, que foi o que mais tardou. Xulio Besteiro apareceu contra o final».

Un casting que era moi aberto e que tamén condicionaba moito o desenvolvemento do proxecto. «Como a peli é tanto de conexión e de traballar sobre a verdade non sabía moi ben se traballar con actores naturais ou profesionais. Pero a escolla de Lidia, que xa é unha actriz profesional, condicionou as demais. Falei con todo tipo de persoas: actores, non actores, músicos, artistas… coñezo moita xente grazas a ese casting. [ri]  Cando por fin xuntamos os tres foi cando se acabou de escribir o guión»

Imaxe da rodaxe de 'Cando toco un animal'. © Sabela Eiriz

Tres protagonistas sobre os que recae todo o peso do filme e tamén o desafío de ter que traballar coa intimidade, co corpo, coa sexualidade. «A clave de todo isto, con todo o equipo, era a comunicación, entendernos e ter as cousas claras. Podernos dicir todo, como nos sentiamos en cada momento. Tamén traballamos moito nos ensaios desde as dinámicas corporais. Iso é algo que vén da miña aprendizaxe en Belas Artes e foinos moi útil para sacar moitas secuencias», asegura Filgueira, concedendo que este entendemento ten algo de xeracional: «Inconscientemente esta peli si que fala da normalización que se está dando na nosa xeración á hora de abordar o amor e a sexualidade, das formas de relacionarnos que temos experimentado eu, os actores o equipo. Si que temos en común todos a idade -por debaixo dos 30 anos- e esa perspectiva».

«Inconscientemente esta peli si que fala da normalización que se está dando na nosa xeración á hora de abordar o amor e a sexualidade

Os corpos e as relacións son importantes pero tamén a súa relacións cos espazos: «os interiores son unha habitación do meu propio piso en Pontevedra, e outra no piso da directora de arte. Interesábame que fosen cuartos reais, ao final nunha peli pequena na que tiras tanto da verdade ese tipo de cousas xogan a favor. E nesta hai claramente escenas moi interiores de dormitorios, e escenas moi exteriores: mar, praias, pozas… hai unha viaxe pola parte de A Guarda e de Oia. A auga está moi presente en todos os exteriores, ten que ver co cambio que viven os tres personaxes: ao longo do filme vai cambiando o cómo se relacionan coa auga». 

Imaxe da rodaxe de 'Cando toco un animal'. © Sabela Eiriz

Esta semana no Novos Cinemas Ángel Filgueira e o seu equipo presentan en primicia algunhas imaxes do filme: «Queríamostrar un fragmento do principio, dos personaxes, que se vexa un pouco o ton sen desvelar moitísimo, pero si meternos un pouco no seu universo». Parecerase Cando toco un animal a algo que xa coñecemos? Se nos gustan as pelis de Bergman e Rohmer ou de Andrea Arnold, ou a serie We are who we are, de Luca Guadanigno (HBO) –«Gustoumemoito como trata a intimidade e a identidade»–, os tiros van por aí. De todos xeitos, admite o director, «cando busco referentes que traten o tema da sexualidade vanse demasiado a temas de películas sobre sexo, e tampouco é iso o que eu quero facer. Se me vou a intimidade e relacións voume a Rohmer e tampouco é iso exactamente». 

Aí nun punto medio situamos o filme, que agardamos poder ver en festivais o ano que vén: «é un filme claramente autoral que apunta cara a ese circuíto, pero tamén é unha aposta arriscada das miñas produtoras, pois eu apenas teño traxectoria detrás, e elas tamén están empezando», comenta. Pero el ten claro o de apostar pola súa ollada persoal e construír unha carreira no cine a partir dela. «Se tivese unha formación máis específica podería agora estar traballando en producións máis industriais, como outros compañeiros da carreira, pero formeime nalgo xenérico e prefiro traballar desde proxectos máis persoais e individuais, aínda que teña que traballar noutras cousas que non teñan que ver co cinema», explica. 

«Cando busco referentes que traten o tema da sexualidade vanse demasiado a temas de películas sobre sexo, e tampouco é iso o que eu quero facer. Se me vou a intimidade e relacións voume a Rohmer e tampouco é iso exactamente». 

Así, xa está a traballar nun novo proxecto a través tamén da escrita intimista, e irá vendo o que sae: «gústame moito compartir o proceso en calquera fase, reformularme cousas polo camiño. Ten que ver coa miña formación tamén en Belas Artes, tomar o cine como algo artístico e intelectual pero tamén como un traballo manual. Gústame moito traballalo, mostralo, repensalo ben e darlle forma durante moito tempo, como un traballo artesán. Meus pais teñen unha empresa de plantas e gústame traballar coas mans, o traballo físico, e creo que tamén levo o cine desde aí».

Ángel Filgueira © Cedida

 

Esta reportaxe foi producida grazas á colaboración co Concello de Pontevedra a través do proxecto "VINTE E TANTOS 2021"

María Yáñez

María Yáñez

Xornalista. Levo vinte anos traballando na rede e no audiovisual. Adoro as revistas en todos os seus formatos. Agora dirixo VINTE da man de Praza.gal.

Máis creadoras de vinte e tantos

  • Berto: «A xente empeza a sentirse lexitimada para dicir que sofre e que está mal»

    Alberto Mira, Berto, está contento. Un pouco nervioso días antes de sacar nas plataformas o seu primeiro disco en solitario tralo éxito de Verto, o dúo pop que formou con Fer Peleteiro e que revolucionou a música en galego conectando coa xente da súa xeración. Pero confía neste momento porque está satisfeito deste traballo, ‘Viaxe ao espazo interior’, no que fala directamente dos seus problemas de ansiedade e depresión.

    Música
  • MounQup. Cósmica do tribalismo

    Autora dun dos traballos discográficos máis persoais e intensos do ano, con 'Aquelarre', que se estrea hoxe, MounQup acada un cume artístico de forte carácter experimental. Un traballo no que súa recente ruptura de parella e o illamento vivido no confinamento serve como motor dunhas cancións que desprenden vísceras e beleza tribal, a partes iguais. 

    Música
  • Brandán Cerviño. O cineasta que levou a comuñón da súa curmá a festivais de cinema de medio mundo

    'A comuñón da miña prima Andrea' é un vídeo doméstico de primeira comuñón pero tamén é unha curtametraxe que está a percorrer ducias de festivais, protagonizada -e cocreada, podemos dicir- por Andrea Abeledo, unha nena de Friol, e realizada polo seu primo de Sober, Brandán Cerviño. Con este cineasta, nacido en Pontevedra no 1993, formado en Belas Artes en Barcelona e en cinema na prestixiosa escola San Antonio de los Baños de Cuba, conversamos sobre a súa traxectoria e sobre a que para el é a mellor maneira de facer cinema: coa xente cercana e con honestidade. Sen que falte tampouco o brillibrilli

    Cinema

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.