Alberto Mira, Berto, está contento. Un pouco nervioso días antes de sacar nas plataformas o seu primeiro disco en solitario tralo éxito de Verto, o dúo pop que formou con Fer Peleteiro e que revolucionou a música en galego conectando coa xente da súa xeración. Pero confía neste momento porque está satisfeito deste traballo, ‘Viaxe ao espazo interior’, no que fala directamente dos seus problemas de saúde mental: da depresión e ansiedade que leva sufrindo desde hai anos e que se agudizou hai uns meses. E que motivou esta catarse en forma de álbum de 11 cancións.
Cada unha delas ten un título principal e outro secundario, a xeito de capítulos, inspirado no disco El mal querer, de Rosalía, pero tamén con outra referencia literaria: a novela Viñeron do espacio interior, que hai 25 anos publicou en Ed. Positivas Manuel Seixas. Outro escritor, dos poucos, que se atreveu a expoñer en público os seus problemas de saúde mental.
No disco propós unha viaxe, co seu arco narrativo de principio a fin. Como a deseñaches?
Eu quería facer un disco sobre a depresión, parecíame que era o único que me representaba despois de Verto. E ao formular o disco como unha viaxe estou falando dun proceso. As primeiras cancións son máis doces, máis fáciles de dixerir, porque estás como idealizando o illamento, tirarte ao espazo interior. O rollo de estar mal e aceptar que estás mal e aillarte dos demais, e pensar que iso te vai axudar. Logo chega a ansiedade: a partir da sexta, as cancións transmiten bastante intensidade e dor. As dúas últimas falan da postdepresión, de volver á vida pero tamén do medo de volver atrás, porque o traballo que fixeches foi bastante duro.
Desta vez non quixeches sacar sinxelos senón lanzar o álbum enteiro de golpe.
Eu visualiceino así, para que a xente viva o album como o que é, un concepto, unha historia, que non me parece que tivese moito sentido sacalo con sinxelos. Ademais, agora que na industria todo son sinxelos, apetecíame facer algo diferente.
Ademais do punto de vista tan persoal que adoptas, en que se diferencia esta nova proposta do que coñecemos de Verto?
Sei que o público vai ser diferente, porque é un target diferente, e diso son consciente. Teño curiosidade por ver quén vén aos concertos agora. Supoño que xente intensa e que se sente identificada, que teña ese concepto de escoitar música como o que teño eu, o de valorar os álbumes no seu conxunto e pararte a escoitalos e tratar de entender o que quere dicir o artista. Iso é diferente a sacar catro hits da hostia e que te escoite moita mais peña. Tamén é pop pero pop máis de cama, de estar sentadiño na cama e relaxado. Moitas veces non confías na perspectiva mais intimista porque non é o que se leva no mainstream, pero si que penso que é algo da nosa xeración, somos máis abertos de cara a falar dos nosos sentimentos. E busco unha sonoridade que poida conectar con iso, o lo-fi, que é un xénero que escoitamos os da nosa xeración. Busquei conectar coa xente que poida estar no mesmo punto ca min despois de toda esta movida.
«Teño curiosidade por ver quén vén aos concertos agora. Supoño que xente intensa e que se sente identificada, que teña ese concepto de escoitar música como o que teño eu, o de valorar os álbumes no seu conxunto e pararte a escoitalos e tratar de entender o que quere dicir o artista.»
Xusto despois da pandemia escoiteille a varios artistas, incluídos Verto, o concepto de “bailar triste”, e parece que é o que define culturalmente estes tempos: ganas de desquitarse do confinamento pero sen deixar atrás toda a carga que levamos enriba.
Si, iso dicíamo Iria Veiga, de Balea Vermella: que lle daba rabia poñerse a bailar con este disco, porque era moi dramático e non debería estar bailando. A min mólame ese contraste, que ti poidas mover a cabeza cando está soando algo superdramático. Ao final estouche abrindo unha porta aos meus demos, e paréceme que é algo realista e co que se identifica bastante peña. Obviamente ás veces teño as miñas dúbidas, porque tamén me amola que a xente poida pensar a partir de agora que son un triste. Preocupábame que se puidese crear unha personaxe desas características, pero logo tamén penso que xa levo feito música moi variada, así que non teño nada que demostrarlle a ninguén, ou polo menos a min mesmo. E quedei máis tranquilo.
Nunha canción explicitas que levas “desde os 16 pasando por isto”. En que momento decides facerlle un disco á depresión?
Eu levaba varios anos atopándome moi mal, e alá por abril deste ano petei. Estiven ingresado en psiquiatría, estiven moi chungo. E foi cando decidín que quería facer un disco catártico, e curarme desas merdas facendo música. Hai un tema do álbum, Lentamente vai pasar, o último, que para min é super terapéutico, eu escóitoo cando me atopo mal. Teño unha conexión con esa canción que nunca tiven con ningunha outra que fixen na miña vida. E hai moitas cancións no disco que me fan sentir excepcionalmente guai, moi comprendido. Para min é bastante terapéutico escoitalo. Enfoqueino así, como algo moi sincero, tentando expresar as miñas movidas. Veume guai, distraínme, todas as merdas que tiña na cabeza e despraceinas á canción. Eso é unha cousa moi catártica.
«En xeral non me parece un álbum moi depresivo. Podes poñerte triste pero non saes del con tristeza.»
No disco dedícaste a ti mesmo un bolero. Que pode haber mais amoroso para dedicarse a un mesmo?
Pero o bolero ten unha letra moi dramática. Logo a sonoridade da canción non che trasminte unha tristeza desesperada, senón melancólica, e por aí vai todo o álbum, en ningún momento parece que non haxa saída a como me encontro, e iso gústame, sempre hai unha porta aberta no son á esperanza. En xeral non me parece un álbum moi depresivo. Podes poñerte triste pero non saes del con tristeza.
Estamos nunha época na que por fin se empeza a falar de saúde mental, especialmente entre a xente nova. É como o gran melón que se abriu estes tempos: xuventude, postpandemia e depresión.
Si, porque estamos na cochambre todos.
Por que pensas que lle afectan máis á xente nova os problemas de saúde mental?
Supoño que vivimos nunha sociedade bastante diferente á dos nosos pais. É unha sociedade máis aberta pero estamos hiperconectados, no caso dos estudantes pasamos 5 ou 6 anos sen traballar, temos máis tempo libre para comernos a olla con movidas, non sabería dicirche un porqué. Quizais somos un pouco máis disfuncionais na vida laboral; hai pouco traballo e un paro xuvenil da hostia, case todo o mundo está preocupado sempre pola pasta. Se non tes diñeiro tes moitisima ansiedade, moitos desexos, somos moi consumistas… De todos xeitos, seguramente haxa os mesmos problemas de saúde mental que antes, pero só agora se empezou a falar diso, a xente empeza a sentirse lexitimada para dicir que sofre e que está mal. Antes a tiraban para adiante camuflando os sentimentos e se cadra estoupaban por outro lado. Eu toda a miña adolescencia paseina cabreado e de mala hostia, non sabía o que me pasaba. E resulta que ao final tiña un trastorno de ansiedade, non o sabía ata que mo dixeron. O que me ensinaran a min fora a mostrar raiba, sempre escoitei: “es que Alberto es demasiado sensible y debería espabilar”, cousas así. E sendo un home é máis difícil ter unha educación emocional sá.
Eu toda a miña adolescencia paseina cabreado e de mala hostia, non sabía o que me pasaba. E resulta que ao final tiña un trastorno de ansiedade, non o sabía ata que mo dixeron.
Hai varios artistas agora no mainstream que falan destes temas. Acordeime do disco de Billie Eilish, que fala diso en relación coas consecuencias da fama tan repentina. Afectou o hype deImaxe close delete_forever swap_vert Verto e a exposición que conlevou ao teu proceso?
Si, a verdade é que foi un cambio moi grande, non estaba preparado. Había días que non me daba levantado da cama e tiña que dar un concerto. Eu dicíalles a meus pais: teño que estar de baixa, non podo xestionar facer felices a mil persoas mentres estou en de puto cu. Foi raro tamén xestionar que a peña me falase: eu ao mellor tiña un día horrible e víñame un descoñecido dicir calquera cousa… As miñas relacións persoais cambiaron moito, coa miña parella tiven algúns problemas, tamén polo rollo da fama, sempre é un pouco disruptivo algo que é tan intenso. Tiven que xestionar tamén moitas cousas con Fer, movidas que ás veces non son agradables. Co tempo funme adaptando e agora lévoo ben e sei que quero ser músico, polo menos durante un tempo. Apetéceme e teño unha perspectiva moi sa con respecto a iso. Creo que a xente que é fan é a que fai que te contraten para concertos e a que merca as túas entradas, entón hai certas cousas que está guai darlles aos teus fans, e iso mola. Pero houbo unha época na que non estaba tan reconciliado eu con ese tema.
«Había días que non me daba levantado da cama e tiña que dar un concerto. Eu dicíalles a meus pais: teño que estar de baixa, non podo xestionar facer felices a mil persoas mentres estou en de puto cu.»
A min mólame moito e escoitei bastante o último de Billie Eilish, aínda que ela é mais explícita, ela fala máis directamente da movida. Nese sentido a miña movida non é tanto de estarche contando literalmente o que pasou, busco algo menos tanxible, pero co que ti, coa túa imaxinación, dentro da linguaxe poética, poidas facerte unha idea. É moi diferente a dicir “fíxenche firmar un contrato de confidencialidade” coma na canción de Eilish. Son problemas moi diferentes tamén, eu son unha miñoca e ela unha popstar mundial. Eu tería que contarche cousas demasiado escuras e non viría moito a conto para o propósito do disco.
Ata que punto a arte ou a creación serve de terapia?
Buah, flipas, eh. Sobre todo na última parte do proceso, cando mesturei as cancións e tiña que escoitalas moi atentamente, e fixarme nos detalles, foi moi catártico. Cando o vin rematado e o escoitei sentinme orgulloso, sentín unha paz tremenda. E no proceso de escribir as letras, que eran duras de escribir, tamén… co poema de O rapaz do espello chorei moitísimo facéndoo, nese sentido foime unha grande axuda.
Iso tamén o vexo na miña nai, que pinta, e reláxaa moito pintar e faille moitísimo ben, creo que son cousas que son moi catárticas, e máis se falas das túas movidas. Vexo moita xente que cando se dedica a algún tipo de arte saca moitos demos para fóra, e é algo moi bonito que ten ter a destreza e as habilidades técnicas para poder expresar o que che pasa nunha canción, nun cadro… iso é grazas ao esforzo que ti lle metas ao que fas, e iso mola bastante, decatarte de que podes facelo, coma no meu caso, tendo un ordenador portátil, un teclado e unha guitarra.
É un disco en solitario pero tes varias colaboracións.
As dúas primeiras cancións producinas con Fer [Fer Peleteiro, a outra parte de Verto], na sexta está Hevi de Malandrómeda, que me axudou a facela. E ben que se nota, é un demonio sonoro, con ese baixo, eses sintes. Na séptima está Toni Martelo, que é o meu compañeiro de piso. Pedinlle que me metese unhas voces no tema e en vinte minutos xa o tiñamos gravado. Esas colaboracións espontáneas e directas son as que máis molan. E tamén traballei con @biskeral, unha artista que me vai facer unhas visuais para todo o álbum, que vai saír con elas xa en Youtube. Para que sexa aínda mais concepto de viaxe, coas transicións entre cancións. Penso que ten moito talento.
Como afrontas a presentación en directo?
Vai levar unha banda, non quero tocar eu só como faciamos con Verto, Fer e mais eu sós no escenario, quero que sexa orgánico en directo. E apetéceme montar unha banda, así que os primeiros bolos de presentación xa terán outros temas que non sexan só os do disco. Temas que teño gardados, míticos rompepistas que non me sentía con ganas de sacar, pero que sacarei nalgún momento. Teño aí unhas bachatas, e temas máis movidos. Quero facer un xogo nos concertos que vaia en duas partes: a primeira será máis introspectiva, tocando as cancións deste disco e a segunda a da pachanga, a mover o esqueleto. Con vestiarios diferentes, quero facer un espectáculo máis interactivo, apetéceme algo así. A ver se o consigo, non é fácil montar unha banda, pero tamén estou motivado para isto.
O proxecto de Verto segue aparcado?
En principio si. Eu montei isto porque quero seguir vivindo da música, e coa parada de Verto fun quedando sen ingresos, entón necesitaba volver tocar e saíume xusto isto, que cunde moito. Así que estou máis que contento, moi motivado. Tamén lles estou producindo a outras persoas, estou facendo bastantes cousas e moi centrado en vivir da música. Penso que esta é a época na que o teño que facer, cando teña 40 anos xa me vai dar máis preguiza.
Esta reportaxe foi producida grazas á colaboración co Concello de Pontevedra a través do proxecto "VINTE E TANTOS 2021"