Con só 25 anos, a compostelá Helena Salgueiro está a consolidar unha traxectoria artística caracterizada pola mestura entre a literatura e a performance. Agora ten a mente posta na súa nova compañía teatral, ABAR, coa idea de producir obras que se acheguen a sectores menos familiarizados coas artes escénicas.
A Helena Salgueiro sempre lle gustou facer as cousas á súa maneira. Tras cambiar de carreira tres veces (pasou de filoloxía clásica ao grao en lingua e literatura españolas e, por último, a galegas) marchou vivir a Escocia a formarse pola súa conta. «Enfrontarme a catro anos seguidos dun método que parte de como unha institución pensa que teñen que ser as cousas non ía conmigo», explica. En Edimburgo traballou en diferentes locais de hostalería, co obxectivo de aforrar para pagar cursos formativos. Comezou a formarse en dramaturxia e en danza contemporánea no Edinburgh College e no Dance Base. Despois estivo en Varsovia estudando no Instituto Grotowski, e aprendeu das actrices Roberta Carreri en París e Julia Varley en Dinamarca.
«Para min a poesía e a música van da man, cando fago un adestramento de karate lémbrame a cando ensaiaba violín, danza, canto, teatro e escritura… todo está relacionado»
A realidade é que Helena leva aprendendo desde que naceu. «Desde pequena relacioneime con actores e con directores, era o meu ambiente familiar», conta. Medrou en Santiago, rodeada do mundo da actuación, e tamén botou temporadas en Moreda do Courel, o que supuxo o seu primeiro contacto coa natureza e co rural. Xa cando era nena escribía sonetos imitando a Shakespeare e a Lorca, e nunca tivo ningunha vergoña de ensinar os seus escritos. Ela e as súas amizades da adolescencia íanse presentando a certames literarios, como o Certame de Poesía Rosalía de Castro ou o Premio de Poesía Avelina Valladares. Así Helena foi publicando as súas primeiras pezas. No entanto, tamén se estaba formando no plano musical, como estudante de violín no conservatorio. Cando chegou á universidade, no ano 2013, Helena fundou GN Teatro, que primeiro era unha compañía universitaria, posteriormente pasou a ser asociación cultural e estivo activa por catro anos.
Toda a súa formación e experiencia levan a Helena ao que se dedica profesionalmente na actualidade: a relación entre a palabra e o corpo, entre a arte de acción e do movemento coa escritura. Para Helena, os diferentes ámbitos do mundo artístico están interrelacionados: «Para min a poesía e a música van da man, cando fago un adestramento de karate lémbrame a cando ensaiaba violín, danza, canto, teatro e escritura… todo está relacionado», explica. É esa mestura o que ela mostra nas súas performances. A súa favorita foi Nortear, cuxas coreografías están baseadas no estudo dos movementos feitos polas mulleres que traballan no mar durante o seu labor. «Para facelo collía o coche ia coa miña nai, fomos a moreas de sitios, falaba coas mulleres, ía ao traballo con elas e gravábaas. Pasei tempo con elas. Así é como me gustaría vivir todos os procesos», afirma. Chegou a representar a peza en Combarro e en Edimburgo, e a proxectala no International Video Art Forum en Arabia Saudí.
Elixir referentes é un exercicio de selección moi difícil para ela, debido á cantidade de xente que leva inspirándoa durante a súa traxectoria. Fálanos de Peeping Tom, un colectivo belga que xunta teatro e danza con escénica tomada dos filmes de David Lynch e tamén do Nederlans Dans Theater, compañía holandesa de danza contemporánea. No terreo da escultura performativa menciona a artista visual alemá Rebecca Horn. No ámbito galego, de Matarile Teatro destaca o seu carácter alterador e tamén as performances de Ana Gesto. Fala do coreógrafo e bailarín Javier Martín e a compañía Pálido Domingo, que mestura a arte marcial aikido, a danza contemporánea e o teatro.
Pouco antes deste verán Helena lanzou o seu novo proxecto, a compañía de teatro ABAR. Ela sempre quixo ter a súa propia compañía porque tiña esa necesidade de crear algo seu, non limitarse a reproducir algo xa existente, de poder facer de cero o seu propio discurso estético. Tampouco quería estar pendente de facer audicións e esperar a que a collesen. ABAR xa está a distribuír Ferro, Federici, unha obra que se presentou o pasado xullo, baseada nas teses da teórica do feminismo marxista Silvia Federici. «Cando me chamaron para facer isto estaba lendo os textos de Silvia, para min era interesante tratala porque se falas do corpo o que máis sentido ten é representalo mediante a arte de acción», afirma. O que empezou como unha performance destinada a ser presentada unha única vez no festival USCénica acabou por ser unha obra escénica, porque «fíxeno unha vez e pareceume que tiña tanto contido que me pedía o corpo facer unha peza mais lineal e mais compacta. Agora xa non se sabe que é, non ten tanto sentido poñerlle unha etiqueta».
ABAR non a fundou soa, senón que conta tamén con dous profesionais que xa eran amigos dela: Ana Díez dedícase á comunicación e Miguel Gendre, educador social e bailarín, ao apartado de mediación. ABAR non pretende ser só unha compañía que produce obras, senón que tamén quere achegar as artes a aqueles sectores da sociedade que non están familiarizados con elas. «Se sumas as porcentaxes de xente que está en exclusión social, en centros de menores, penitenciarios, en residencias de maiores, xente que nunca consome teatro... ao final quedas cunha parte moi pequena da poboación galega. Se fas teatro para un 5% do teu país, realmente fas teatro para o teu país? Achegar as artes á comunidade é un debate moi necesario que se está empezando a abrir agora», explica. Produción, formación e mediación son as tres ramas que quere abarcar a compañía. Xa andan na fase de preprodución da seguinte obra, que adaptará textos de Samuel Beckett. Hai xa entre 10 e 15 persoas implicadas nesta mestura de danza, teatro físico, investigación performativa, instalación tecnolóxica, tradución e edición en papel que verá a luz a finais do 2021 ou no 2022.
«Se fas teatro para un 5% do teu país, realmente fas teatro para o teu país? Achegar as artes á comunidade é un debate moi necesario que se está empezando a abrir agora.»
Crear a súa propia compañía non foi sen desafíos. O maior de todos, conta, foi entrar no xogo. Entrar nos circuítos do teatro, nos privados e nos públicos, facer que as escoiten e as respecten. É un xogo que Helena compara co xadrez, de táctica, e longo coma se se tratase dunha maratón. «Respectarte a ti mesma como artista, respectar os teus compañeiros e facerte respectar polas institucións. A xente nova non é referente de ninguén, entón ninguén nos fai caso. Son unha artista nova, non vou ter os medios que ten un director con 20 anos de experiencia e a calidade da miña obra vaise ver afectada por iso, non importa o talento. Os medios materiais, aínda que non completamente, son case condicionantes do teu resultado final», lamenta. Así e todo, coraxe e determinación non lle faltan para acadar as súas metas de chegar a novos públicos, explorar novas linguaxes e seguir aprendendo polo camiño.