Nuria Vil: «Temos que mobilizar a poesía»

Nuria Vil é unha poeta viguesa, creadora de relatos sonoros, palabra falada, dobraxes… E todo isto é posible atopalo nas redes, porque é por estas por onde se da a coñecer. Hai pouco que Nuria lanzou o seu Patreon para intentar vivir da súa creación a través de internet e, mentres, continúa centrada nos seus proxectos e traballos.


 

Es poeta, activa nas redes, formas partes de colectivos artísticos, e traballas no eido da corrección da lingua e na xestión de redes sociais. De onde sacas o tempo?

Fago todo isto para poder facer unha cousa moi pequena que é seguir creando poesía e contidos artísticos. Eu non o vou romantizar, non e algo que me faga feliz, teño moitos traballos para conseguir sacar adiante proxectos. Dou clase de galego, son monitora de ocio e tempo libre, fago correccións… porque non teño bolos, porque a cultura non me dá para vivir; se non eu por min viviría tranquila facendo proxectos artísticos. 

Cando comezaches coa poesía?

Empecei cando fixen o cambio lingüístico a galego, con 14-15 anos escribía e logo cambieime ao galego porque había unha situación estraña. Na miña casa a miña nai fala galego coa súa nai pero non conmigo, hai unha diglosia moi grande, especialmente en Vigo e nas cidades máis grandes. Desde que fixen o cambio lingüístico comecei a crear dunha forma diferente.

«Dou clase de galego, son monitora de ocio e tempo libre, fago correccións… porque non teño bolos, porque a cultura non me dá para vivir; se non eu por min viviría tranquila facendo proxectos artísticos.»

De que maneira che axudan as redes sociais no teu labor como poeta?

Cando empecei non tiña redes, porque sempre estiven moi en contra delas, pero fun cambiando a idea que tiña. Sen redes sociais agora volveríame un pouco tola. É a única forma que teño de transmitir a un público o que estou facendo, porque desde a pandemia a crise cultural é forte e as redes sociais axúdanme a estar en contacto con xente. Podo atopar mais xente do colectivo LGBTIQ+, máis persoas galegofalantes, estar en contacto con colectivos antirracistas e outras cousas que se non eu non coñecería.

Ademais, axudáronche a conectar con outros creadores nas redes. Que colaboracións lembras con especial afecto?

Acabo de facer unha colaboración con Lorena, da canle Na utopía non existe a vertixe ASMR, e polo día do orgullo propuxo ler uns relatos que lle chegaran de vivencia do colectivo LGBTIQ+. Tamén todo o que fago con Vanessa Glemsel, aínda que a coñecín en persoa as redes fan moito. A través de redes sociais coñecín Salsa Gaucha, unha marca ourensá, que me propuxo facer camisetas cos meus versos. Esgotáronse e faremos mais cousas despois do verán. En maio fixen un espéctaculo arredor de Xela Arias en colaboración coa Banda da Loba. Isto non naceu propiamente das redes, pero si a través delas, foi grazas á escritora Tamara Andrés. Sen redes sociais moitas destas cousas non acontecerían nunca.

De colaboracións naceu o espectáculo de poesía escénica Dúas Gamberras e un Micro, con Vanessa Glemsel. Como foi o proceso de creación?

Vane e eu estudamos o mesmo grao na Universidade de Vigo e participabamos en micros abertos recitando poemas, lendo contos… Xogabamos cos relatos, con autoras que xa coñeciamos. Fomos facendo cada vez máis cousas xuntas, ata que unha persoa propúxonos facer unha actuación conxunta, e así naceu Dúas Gamberras e un Micro en 2016. Agora estamos condicionadas pola distancia porque Vane vive en Cáceres e eu en Santiago, os bolos son moi poucos. Cremos que é necesario que algunhas persoas escoiten o que temos que dicir. Vivimos nunha sociedade homófoba, machista, LGTBfóbica e pensamos que alguén ten que escoitarnos.

Como definides ese límite entre a literatura e a improvisación que levades a cabo con este proxecto?

Ese límite cada vez é menor. Por sorte ou por desgraza, cada vez que saímos ao escenario recibimos cousas boas e non tan boas, hai violencia. O límite coa improvisación estase borrando un pouco, porque preferimos levalo todo bastante pensado, aínda que a xente lle poida parecer que estamos improvisando, case nada é casual. Non é o mesmo para nós saír a un escenario que para un home. 

«Cremos que é necesario que algunhas persoas escoiten o que temos que dicir. Vivimos nunha sociedade homófoba, machista, LGTBfóbica e pensamos que alguén ten que escoitarnos.»

Visitando lugares diferentes, viaxando pola xeografía galega, chegades tamén a colectivos que non adoitan consumir poesía de maneira tradicional?

Non sei se estamos conseguindo chegar a eses colectivos. Antes actuabamos máis en bares e o público en xeral reacciona ben. Agora nós non estamos na programación. O noso público ideal é o que teña algún prexuízo coa poesía pero en canto nos escoita cambian de idea, pero agora mesmo chegar a xente é difícil.

Buscades demostrar que a poesía vén en diferentes formas e non é só o que atopas nun libro. De que maneiras se lle pode pode ensinar á rapazada que a literatura non é algo aburrido que estudas na escola?

A forma máis práctica é ou levándonos a nós aos institutos ou dándolles exemplos do que poden conseguir, tanto co galego como ca cultura en xeral. Se damos a Rosalía de Castro sen ensinar os encontros que tiña coa Igrexa ou sen mostrar todos os problemas ao longo da historia que tiveron as escritoras é moi difícil conseguir que a rapazada se interese. A min sempre me gustou ler, pero se non se fai porque lles interese non se vai espertar nada. Agora mesmo hai xente que si esta xerando contidos dedicados á rapazada como Nee. A forma de que se interesen é ensinando proxectos e persoas que están facendo algo coa literatura.

 

Tamén estiveches en Sésega, proxecto que xuntaba tres disciplinas: poesía, música e danza contemporánea. Por que decidiches formar parte dun proxecto multidisciplinar?

Creo que as artes por separado non van a ningures. A poesía sempre está nese altar de intocable, de snob, de alta poesía, de que é moito mellor canto menos se entenda. Mais a poesía, especialmente a oral, ten ritmo, ten mil matices que se poden sacar partido se van acompañadas. Xela Arias xa tiña este discurso de que temos que mobilizar a poesía. Desde Gamberras pensamos que hai que sacar a poesía da zona de confort que é o libro, nós escribimos moi poucos dos textos porque nos gusta darlles a vida cando recitemos.

Son importantes os temas sociais que tratabades en Sésega. Cales son os asuntos que xeran máis discusión entre o público novo? 

Sobre todo o machismo e a misoxinia, este ano nos institutos notei que había moita máis violencia cando antes a min non me atacaban directamente. Había adolescentes que me increparon. O que sempre atopamos máis reticencias é co galego, dependendo do centro chegamos a ver o discurso de imposición do galego. As xeracións que veñen detrás xa teñen camiño feito, moitísimo máis do que teño eu, pero eu creo que hai un punto no que non teñen o apoio suficiente. Necesitan ferramentas, ter argumentos contra a transfobia, contra cousas que lles interpelan directamente como rachar co binarismo de xénero, que é unha tarefa pendente.

Con Sésega buscabades chegar á rapazada. Nos teus anos de adolescencia, tiveches algo parecido a este proxecto?

Non, de feito a min o feminismo chegoume tarde, eu entrei na universidade en 2013 e pouco sabia del. Con 20-21 anos non tiña case referentes de mulleres escritoras, autoras, creadoras... Houbo algunha actividade no instituto pero non foi ningunha que me cambiara a vida e que me fixera pensar que quería. ser escritora. A min non se me pasara pola cabeza que eu podía ser nada.

Recentemente creaches unha conta en Patreon, e tamén estás en Bandcamp. Ves posible monetizar a creación dixital en galego? Como está a ser a experiencia con estas plataformas? 

Ver véxoo posible, outra cousa é que se faga realidade. Pero si, eu creo que se pode monetizar. No meu caso fáltame público, teño pouca repercusión, teño poucas seguidoras pero están concienciadas. Abrín o perfil en Patreon este verán, teño 10 mecenas e estou moi contenta. Si é factible, canto mais contido se crea, máis curiosidade ten a xente. De momento non vin ningunha canle de contidos en galego que non tiña críticas positivas. 

Como afecta a precariedade no teu traballo artístico? 

No meu caso a precariedade defíneo todo. Eu pago un prezo bastante alto por crear contidos, chego a fin de mes collida por pinzas. Moitas veces, como me pasou esta fin de semana, teño ganas de pechalo, penso que non paga a pena, os momentos nos que teño un baixón de ánimos afectan. Toda a miña vida está vertebrada arredor querer sacar adiante proxectos que levan bastante tempo parados e que durante a corentena desapareceron. Eu decido levar a vida que levo sabendo que chego xusta a fin de mes. Funciono moito con trocos coas persoas que teño ao meu redor porque teño uns ingresos baixísimos. Non vou romantizar crear contidos porque pago un prezo moi alto. Eu considero que as cousas que saco o publico apóiaas, as camisetas vendéronse por exemplo, mais a situación é desesperante por momentos.

É un sentimento xeralizado entre a mocidade artista?

Supoño que hai persoas que teñen este mesmo sentimento de desesperación, pero tamén ten que haber artistas que non o teñan, hai xente que crea contido e que agora mesmo o están petando, que levan todo o verán con bolos. Moitas das que traballamos con discursos disidentes, que traballamos na marxe da marxe, si que temos este sentimento.

«Creo que a poesía e a arte teñen que ter mensaxe, a poesía é política e temos moitos exemplos de autoras con discursos políticos. Para min a poesía ten todo o poder de cambio.» 

No teu traballo está presente a perspectiva de xénero e a defensa dos dereitos do colectivo LGBTIQ+. Que poder ten a poesía á hora de inculcar estes valores?

Teno todo. Pode haber unha poesía da estética que non teña mensaxe, que está ben, ten que haber poesía para todos os públicos. Creo que a poesía e a arte teñen que ter mensaxe, a poesía é política e temos moitos exemplos de autoras con discursos políticos. Para min a poesía ten todo o poder de cambio. «As palabras e a poesía cambiarán o mundo» dicían no filme O club dos poetas mortos, e eu penso iso desde pequena. Ao mellor non o mundo pero si a min, e se eu cambio a cinco persoas que me escoiten un día váleme. A poesía pode facer de todo se me deixan dicir as catro cousas que quero dicir.

Recibiches algunha vez comentarios de persoas que cambiaron de opinión ou perspectiva grazas á túa poesía?

Si e eu levo iso como algo xenial, especialmente en institutos aos que imos co aviso de que se trata dun curso problemático. Eu creo que o importante é cando te abres a unha persoa e lle das a entender que lle estas dando confianza. Hai rapazas cas que me sentía identificada, que me dicían que se portaban mal con todo o mundo porque non sabían comportarse doutra forma. Gustoume ver ese cambio en persoas que me lembraron á miña adolescencia, eu antes estaba perdida, cabreada, non sabía que facer e non tiña outra saída. Se a día de hoxe sigo facendo cousas e porque houbo estas persoas que me fun atopando que me deron enerxía.

Quen son os teus referentes na literatura?

Nomes resúltame moi difícil dar porque as referentes van cambiando. Agora mesmo diría a Uxia Casal que este ano desde a plataforma de critica literaria A Sega démoslle o día das galegas nas letras. Tamén a María Reimóndez, a calquera das compañeiras da Sega, a Eli Ríos, Andrea Barreira, Beatriz Maceda, Marga do Val… E este ano tamén a Xela Arias, por suposto, ela mudou moitísimo a percepción que eu tiña do que se pode facer coa poesía.

Tamén te adentraches no mundo das dobraxes. É por entretemento ou gustaríache levalo ao plano profesional?

A min encantaríame ser actriz de dobraxe, mais os cursos son carísimos. Calquera cousa que teña que ver con radio, dobraxe de series en galego, poñer voz a cousas... a min encantaríame. A conta está inactiva porque me vén a vida enriba e non teño tempo, pero fíxeno porque me fai moita graza.

Hai algún outro proxecto para o futuro que xa teñas en mente?

Se todo vai ben eu conto a finais deste ano con publicar un single de poesía ao que xa estamos traballando en poñer música. De forma inmediata vai saír un poemario, en setembro ou outubro, coa editorial Chan da Pólvora. A miña única meta é conseguir de aquí a dous ou tres anos facer un espectáculo escénico con Olga Martínez, creadora de música electrónica. Imos con moita calma porque temos moitos traballos, somos persoas precarias e temos que levar a nosa vida e tomar decisións mentres seguimos creando, imos lentas pero nalgún momento sairá.

 

Esta reportaxe foi producida grazas á colaboración co Concello de Pontevedra a través do proxecto "VINTE E TANTOS 2021"

Iria Curros

Iria Curros

Estudante de Xornalismo na USC. Sempre buscando algunha historia que contar. Agora aprendendo en VINTE.

Máis creadoras de vintetantos

  • Bala. Dentadas punk

    Vio e Anxela son as mentes, mans e voces de Bala, dúo galego stoner-punk que, tras Maleza, o seu terceiro LP, faille honra a súa fama de tsunami sobre as táboas. Nova demostración de poderío que as leva ate unha nova posición de recoñecemento masivo, e sobre isto nos falaron dous día antes da súa actuación hai un par de semanas na sala Es Gremi de Palma.

    Música
  • Lili Algo. Ilustradora do cotián e do imaxinario

    Hai dous anos Lili Algo viu como cada vez máis xente estaba interesada polos adhesivos que lles facía aos seus amigos. Agora a artista baionesa residente en Pontevedra xa vende pósters, cerámicas ou mesmo camisetas. Co seu traballo pretende facer unha combinación entre o imaxinario e o real creando un universo persoal no que os personaxes que crea teñen un fío que os une.

    Creadoras
  • Refugallo. Axitación cultural en Pontevedra e desde abaixo

    Os sete fundadores de Refugallo entraron na universidade facendo ruído. Cada un deles achega algo distinto a esta agrupación artística-cultural con sede en Pontevedra, como fotografía, ilustración ou escultura. En xuño fixeron a súa primeira exposición na cidade e estes días teñen aberta a segunda en Cangas.

    Artes
  • O Garaxe Hermético. A canteira da banda deseñada galega está en Pontevedra

    No ano 2012 o historietista e ilustrador Kiko da Silva abre O Garaxe Hermético, a primeira escola de banda deseñada de Galicia. Nove anos despois, xa se nota a súa pegada na cidade de Pontevedra e no resto do país. Fomos alá coñecer mellor o seu funcionamento e o traballo de estudantes xa graduados, e tamén ver como está futuro profesional da banda deseñada.

    Cómic

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.