Refugallo. Axitación cultural en Pontevedra e desde abaixo

© Cedida por Refugallo

Os sete fundadores de Refugallo entraron na universidade facendo ruído. Cada un deles achega algo distinto a esta agrupación artística-cultural con sede en Pontevedra, como fotografía, ilustración ou escultura. En xuño fixeron a súa primeira exposición na cidade e estes días teñen aberta a segunda en Cangas.

Chámanse Candela, Lucía, Calvar, Blanca, Rouco, Iago e Cris e son os integrantes do colectivo Refugallo. Son todos estudantes da facultade de Belas Artes en Pontevedra, menos Iago, que acaba de graduarse de Comunicación Audiovisual. Este colectivo viu a luz o 12 de abril, pero levaba proxectándose todo o curso, con diversos obxectivos. A idea principal tíñana clara: que os traballos da clase puidesen ter unha segunda vida. 

O grupo naceu a raíz dunha idea de Calvar, que, ao chegar á facultade, notaba en falta unha sensación de comunidade. E a situación agravábase pola pandemia. «Coas crises sempre hai unhas xeracións que chegan con cambios. Nós fomos os primeiros que entraban na carreira despois da pandemia e notamos aínda máis as deficiencias da facultade», explica. Esta situación empuxounos a tomar eles mesmos as rendas e sentir a necesidade de asociarse. «Tiña a idea pero non sabía como levala á practica, primeiro falei con Rouco do tema de expoñer os traballos da clase. A partir diso achegámonos a máis xente e desa chispa comezamos a ver o que queriamos facer», continúa. Era cuestión de poñer os pés na terra, explica Candela, que afirma que «entras na facultade e todo o mundo ten o soño de triunfar por si mesmo pero temos que decatarnos de onde estamos e de que se nos xuntamos podemos chegar moito máis lonxe». Refugallo é unha das organizacións que foron creadas por universitarios galegos durante a pandemia, xunto con outras como Guísomo Eu ou a Revista Abano, iniciativas coas que colaboran. Os integrantes coinciden na necesidade de colaborar entre eles mentres están comezando a formarse como artistas e deixar atrás o individualismo.

«Entras na facultade e todo o mundo ten o soño de triunfar por si mesmo pero temos que decatarnos de onde estamos e de que se nos xuntamos podemos chegar moito máis lonxe».

No seu perfil de Instagram están expostas as diferentes disciplinas. A fotografía está presente, tanto analóxica como dixital, por parte de Rouco, Blanca e Candela. Esta última dedícase tamén á ilustración a línea e a escultura abstracta, mentres que o ámbito de Lucía é a instalación. Cris e Calvar deron o paso a publicar as súas pinturas, colaxes e esculturas e o último integrante, Iago, destaca polas súas ilustracións. O seu estilo caracterízase por darlle unha nova vida ás cousas, unha nova perspectiva. Contrasta o ambiente sombrío das analóxicas en branco e negro coa multitude de cores utilizadas nas pinturas que, xunto coa escultura, están centradas nas formas orgánicas e na cor. A figuración expresionista é traballada tanto por Rouco como Calvar, mentres que Cris opta por unha liña máis realista.

Ademais de expoñeren a súa propia obra os compoñentes de Refugallo tamén pretenden facer un importante labor de divulgación. Quérense centrar en ensinar arte dunha forma máis accesible e en poñer no foco artistas e ámbitos que non sempre se aprenden na formación regrada «Queremos difundir obras de mulleres que están invisibilizadas, disciplinas non tan recoñecidas nas altas esferas, como por exemplo a performance, e tamén queremos facer talleres de formación», explica Calvar.

Fóra das redes sociais, os integrantes de Refugallo xa fixeron a súa primeira exposición-performance, o pasado xuño no Galpón Lab de Pontevedra, na que ademais puxeron á venda o seu primeiro catálogo. Tratouse dunha exposición fotográfica, feita a raíz dun traballo de clase, e organizala non foi nada doado. Sabían que querían facela en Pontevedra para que fose accesíbel para o alumnado de Belas Artes, pero as salas da facultade xa estaban ocupadas. «Era a primeira vez que buscabamos, entón non sabiamos con canto tempo de antelación tiñamos que pedilo e tampouco podiamos poñer moitos cartos», explica Candela. O lugar elixido finalmente foi por casualidade, foron a un taller alí e dixéronlles que estaban interesados. Contan que aínda hai moitos prexuízos con respecto á xente moza entrando no mundo da arte: «ven a unha panda de mozos e poden pensar que logo non van cumprir o que din». Foi a partir desta exposición que os integrantes, que a maior parte non se coñecían antes de xuntarse, comezaron a coller confianza entre eles. 

© Cedida por Refugallo

A primeira exposición foi a máis complicada porque «non somos ninguén, agora tampouco pero é que antes de facela nin existiamos». Pero só 3 meses despois, do 3 ao 8 de agosto, Refugallo xa volve expoñer outra vez. Esta vez é en Cangas, a vila natal de Candela e Calvar, e ensinan un pouco de todo. Escultura, pintura, fotografía e instalación é unha mostra da obra que fai cada un dos integrantes da agrupación. 

Cando comezaron, a xente de cursos superiores de Belas Artes quixolles dar os parabéns pola iniciativa, xa que era algo necesario pero que non se estaba facendo. Outros anos, contan, a xente andaba máis cadaquén seu lado. Moitos profesores tamén se acercaron á exposición a animalos. Da propia facultade non din o mesmo, e non senten que tivesen o apoio necesario como asociación nova. «Puxemos carteis da exposición e quitáronos, a facultade non se involucrou moito con nós», lamenta Lucía

Os integrantes venlle un futuro optimista a Refugallo. De momento, ao estar comezando, non van engadir ninguén máis ao aspecto organizativo da organización, pois «xa é suficientemente complicado organizar a sete universitarios». No futuro queren poder chegar a máis xente, converterse nunha especie de referente dentro da facultade. «Eu creo que colaborar con máis persoas e que nos coñezan máis para que a xente saiba que cando precise algo Refugallo vai estar aí», comenta Calvar. A maioría aínda teñen tres anos de carreira por diante, e gustaríalles continuar dentro da organización o resto do tempo, pero «hai que contar con que gardemos os ánimos todo o tempo».

A súa aspiración é converterse niso que eles non tiñan ao entrar e poder crear unha comunidade de artistas en Pontevedra. Moitos nunca chegaron a ver o ambiente que había na cidade antes da pandemia, e queren non só que volva existir, se non que chegue máis grande e mellorado. Que o futuro alumnado de Belas Artes chegue e o primeiro día xa saiba que ten un lugar onde expoñer e onde ir tendo experiencia. Queren facer de Pontevedra unha cidade artística e saben que para isto teñen que colaborar entre eles.

 

Esta reportaxe foi producida grazas á colaboración co Concello de Pontevedra a través do proxecto "VINTE E TANTOS 2021"

Iria Curros

Iria Curros

Estudante de Xornalismo na USC. Sempre buscando algunha historia que contar. Agora aprendendo en VINTE.

Máis creadoras de vinte e tantos

  • O Garaxe Hermético. A canteira da banda deseñada galega está en Pontevedra

    No ano 2012 o historietista e ilustrador Kiko da Silva abre O Garaxe Hermético, a primeira escola de banda deseñada de Galicia. Nove anos despois, xa se nota a súa pegada na cidade de Pontevedra e no resto do país. Fomos alá coñecer mellor o seu funcionamento e o traballo de estudantes xa graduados, e tamén ver como está futuro profesional da banda deseñada.

    Cómic
  • Lili Algo. Ilustradora do cotián e do imaxinario

    Hai dous anos Lili Algo viu como cada vez máis xente estaba interesada polos adhesivos que lles facía aos seus amigos. Agora a artista baionesa residente en Pontevedra xa vende pósters, cerámicas ou mesmo camisetas. Co seu traballo pretende facer unha combinación entre o imaxinario e o real creando un universo persoal no que os personaxes que crea teñen un fío que os une.

    Creadoras
  • Bala. Dentadas punk

    Vio e Anxela son as mentes, mans e voces de Bala, dúo galego stoner-punk que, tras Maleza, o seu terceiro LP, faille honra a súa fama de tsunami sobre as táboas. Nova demostración de poderío que as leva ate unha nova posición de recoñecemento masivo, e sobre isto nos falaron dous día antes da súa actuación hai un par de semanas na sala Es Gremi de Palma.

    Música
  • Nuria Vil: «Temos que mobilizar a poesía»

    Nuria Vil é unha poeta viguesa, creadora de relatos sonoros, palabra falada, dobraxes… E todo isto é posible atopalo nas redes, porque é por estas por onde se da a coñecer. Hai pouco que Nuria lanzou o seu Patreon para intentar vivir da súa creación a través de internet e, mentres, continúa centrada nos seus proxectos e traballos.

    Creadoras

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.