Lili Algo. Ilustradora do cotián e do imaxinario

Hai dous anos Lili Algo viu como cada vez máis xente estaba interesada polos adhesivos que lles facía aos seus amigos. Agora a artista baionesa residente en Pontevedra xa vende pósters, cerámicas ou mesmo camisetas. Co seu traballo pretende facer unha combinación entre o imaxinario e o real creando un universo persoal no que os personaxes que crea teñen un fío que os une.

 

Lili Algo ten 21 anos, estuda Belas Artes na facultade de Pontevedra e deuse a coñecer como artista mediante o seu perfil de Instagram. Aínda que xa levaba anos utilizando a conta, non foi ata este último ano cando comezou a facer máis colaboracións con outros artistas e a recibir cada vez máis atención. Agora chega a case 2.500 seguidores. Aí é onde comparte tanto as súas creacións finais como s procesos, ou mesmo fotos de xente que llas compra.

A vea artística leva en Lili desde que naceu. «A miña nai é artesá e profesora de patchwork, un tipo de costura, a miña irmá estudou deseño de moda e o meu irmán era fotógrafo», conta. Con 16 anos escolleu facer o bacharelato artístico, e foi nese momento cando comezou a facer os deseños en formato adhesivo. Inspirada polas súas compañeiras de clase, a xente pasou a preguntarlle se as vendía. A día de hoxe, Lili converte a este formato moitas das súas ilustracións, e continúan a ser unha das súas principais creacións.

Unha vez que entrou na Facultade comezou a ir aos mercados para mostrar láminas, pósters ou bolsas de tela. Agora tamén se dedica a colaborar con artistas como El Virtual, músico co que traballou para crear un póster e a portada do seu novo disco, El Disco Que No Quería Dedicarte.

As colaboracións non rematan aquí. Elena Codes, guionista e escritore de Córdoba, contactou con Lili para traballaren xuntas. «Pareceume moi guai que Elena se fixase no meu traballo de toda a xente que hai en Instagram, que me fale e que confíe en min para facer ilustracións e o deseño dunhas camisetas», explica. Chamaron a Jana Borja, deseñadora afincada en Barcelona, e entre as tres crearon unhas camisetas moi esperadas entre os seus seguidores e que actualmente xa están esgotadas.

© Elena Codes

Lili colleulle o gusto a deseñar e continuou nesa liña. Di que con respecto ao tema económico, ao ser aínda unha nova creadora, ten que adiantar ela mesma os cartos para poder levar a cabo creacións como as últimas camisetas que puxo á venda. «Poño o diñeiro dos meus aforros e logo cando as vendo vou repoñendo», conta. O máis custoso non é a roupa, explica, se nón a cerámica. «Estampar camisetas é un proceso chulo, pero máis mecánico e xa sabes como vai quedar. A cerámica é un proceso moito máis a cegas», continúa. A pesar de ser máis arriscado é unha das disciplinas artísticas que máis lle gusta facer, e nos seus plans de futuro está continuar a súa educación mediante un ciclo formativo neste ámbito. Cuncas, cestos ou macetas son algúns dos obxectos que creou ata agora, pero ten moitas máis ideas na súa mente.

Un dos últimos traballos da artista é o fanzine Moco, que era un traballo para a clase. Ocorréuselle coller un dos personaxes que levaba un tempo debuxando no seu caderno e facer un storyboard coas historias que podería contar a través del. O resultado final foi un libro infantil de 30 páxinas no que Moco, o personaxe principal, vai visitando distintos lugares. Imprimiu 30 copias no taller de risografia da facultade, unha técnica que lle gustaría explorar máis no futuro.

Lili Algo leva moitos anos no mundo da arte, desde aquela época na que debuxaba nas mesas do seu antigo instituto, e algúns dos seus personaxes levan acompañándoa todo este tempo. «Pouco a pouco fun descubrindo a ilustración e deixándome levar, comecei facendo pequenas persoas, animais ou obxectos imaxinarios que creceron e evolucionaron conmigo. Ás veces fago un debuxo dun personaxe e meses despois fágoo de novo e é distinto», confesa. Hai moito de Lili na súa obra, como por exemplo, a súa identificación como persoa non binaria. «Van da man as ilustracións da identidade, é imposible separar ao artista da obra». A maioría dos debuxos que fai, aínda que sexan mediante personaxes que non existen na realidade, son autorretratos, inspirados en situacións que vive, en paisaxes e obxectos que están no seu entorno. Dentro de toda a súa obra, onde máis se pode apreciar esta inspiración son os seus vídeos. En Quiero ser como tú, unha curta autobiográfica, expresa o sentimento de querer volver á infancia desde os seus ollos, creando unha conexión entre os vídeos de cando era pequena e os seus vídeos actuais. «Os vídeos son un autorretrato, trato temas moito máis persoais». 

Aínda que está moi relacionada a súa arte coa súa persoa, hai algunhas diferenzas. A ela gustaríalle, que a súa arte fose activismo, mais non cre que sexa así: «Eu no meu día a día si que son activista, pero os meus debuxos non tanto». O seu tipo de cliente é moi variado: «É moi amplo, é xente á que lle gusta a estética cuqui pero non é un rango de idade específico. Non fago arte para un certo tipo de persoa». Ten moitos clientes en idade universitaria, mais interésanse pola súa obra persoas de 50 ou 60 anos -«ás amigas da miña nai encántalles todo o que fago», conta- e tamén ten produtos dirixidos ao público infantil. 

Lili vai pasar agora a cuarto de carreira na facultade de Belas Artes de Pontevedra, e conta que os seus estudos artísticos poden axudala ou limitala. Por un lado, a carga de traballo non lle deixa tempo para facer todo o que lle gustaría durante o curso, e por outro, moitos dos proxectos que lle mandan son útiles para aprender. «Cando teño máis traballos da universidade son incapaz de debuxar cousas que sexan para min, no meu caderno, libremente, pero ás veces os traballos impúlsanme a facer cousas distintas porque vexo que son capaz de facelas». O ámbito artístico que máis lle custa é a escultura, pois é no que máis difícil lle parece atopar un punto medio entre o que lle gusta facer e o que serve para clase. Lili cre que falta máis iniciativa para poder levar a cabo proxectos artísticos en Pontevedra durante a pandemia. «En primeiro e en segundo fixemos exposicións tanto dentro e fora da facultade, agora a cousa está máis parada», explica.

Unha vez remate o grao o futuro é incerto. Planea continuar a súa educación e despois, non sabe se lle gustaría quedar en Galicia ou marchar a outro país a traballar. Non quere planear demasiado, pero se nos poñemos a fantasiar, gustaríalle ter o seu propio estudio de arte, separado do lugar onde vive, onde só se dedicase a crear. Lili velle futuro a seguir vendendo cousas de maneira autoxestionada como está facendo agora, e xa ten moitos proxectos en mente que sacar.

 

Esta reportaxe foi producida grazas á colaboración co Concello de Pontevedra a través do proxecto "VINTE E TANTOS 2021"

Iria Curros

Iria Curros

Estudante de Xornalismo na USC. Sempre buscando algunha historia que contar. Agora aprendendo en VINTE.

Máis creadoras de vinte e tantos

  • Refugallo. Axitación cultural en Pontevedra e desde abaixo

    Os sete fundadores de Refugallo entraron na universidade facendo ruído. Cada un deles achega algo distinto a esta agrupación artística-cultural con sede en Pontevedra, como fotografía, ilustración ou escultura. En xuño fixeron a súa primeira exposición na cidade e estes días teñen aberta a segunda en Cangas.

    Artes
  • O Garaxe Hermético. A canteira da banda deseñada galega está en Pontevedra

    No ano 2012 o historietista e ilustrador Kiko da Silva abre O Garaxe Hermético, a primeira escola de banda deseñada de Galicia. Nove anos despois, xa se nota a súa pegada na cidade de Pontevedra e no resto do país. Fomos alá coñecer mellor o seu funcionamento e o traballo de estudantes xa graduados, e tamén ver como está futuro profesional da banda deseñada.

    Cómic
  • Nuria Vil: «Temos que mobilizar a poesía»

    Nuria Vil é unha poeta viguesa, creadora de relatos sonoros, palabra falada, dobraxes… E todo isto é posible atopalo nas redes, porque é por estas por onde se da a coñecer. Hai pouco que Nuria lanzou o seu Patreon para intentar vivir da súa creación a través de internet e, mentres, continúa centrada nos seus proxectos e traballos.

    Creadoras
  • Bala. Dentadas punk

    Vio e Anxela son as mentes, mans e voces de Bala, dúo galego stoner-punk que, tras Maleza, o seu terceiro LP, faille honra a súa fama de tsunami sobre as táboas. Nova demostración de poderío que as leva ate unha nova posición de recoñecemento masivo, e sobre isto nos falaron dous día antes da súa actuación hai un par de semanas na sala Es Gremi de Palma.

    Música

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.