No ano 2012 o historietista e ilustrador Kiko da Silva abre O Garaxe Hermético, a primeira escola de banda deseñada de Galicia. Nove anos despois, xa se nota a súa pegada na cidade de Pontevedra e no resto do país. Fomos alá coñecer mellor o seu funcionamento e o traballo de estudantes xa graduados, e tamén ver como está futuro profesional da banda deseñada.
O propio nome de O Garaxe Hermético parte da obra do mesmo título que o debuxante francés Mœbius publicou a finais dos anos 70. Mais nesta escola apréndense moitas variedades de ilustración: manga, europeo, tradicional, dixital… A programación consta de dous cursos profesionais, un con énfase na creación literaria e ilustración, de dous anos, e outro na banda deseñada, de tres. Neste último, nos primeiros dous anos o alumnado comeza con materias como guión e creación de historia autor ou tipografía, para despois pasar a estudar narrativa gráfica ou a creación de portadas no último ano, ao mesmo tempo que se prepara o proxecto final, a partir dun guión propio de cada estudante. Este pode ser presentado a diferentes editoriais, como a de Kiko da Silva, Retranca Editora.
Os profesores desta escola son artistas destacados no ámbito da banda deseñada en Galicia que, ademais da docencia, continúan facendo publicacións e presentándose a concursos. Ademais do propio director, Kiko da Silva, entre o resto de docentes está Miguel Porto, unha das caras internacionais da escola ao estar traballando para o mercado norteamericano coa serie Allen: Hellcock's ou Fran Bueno coa revista francesa Lanfeust. Tamén dan clase Miguelanxo Prado, un dos autores galegos de banda deseñada máis recoñecidos, Fernando Iglesias, colaborador na revisita infantil Fiz e Fernando Llor, gañador do primeiro concurso de novela gráfica “Línea sinuosa”.
«Vai haber unha renovacion de ideas e de estilos por parte do alumnado que sae do Garaxe e iso vai ser algo digno de ver», conta Iria, alumna da escola.
Os docentes axúdanlles a mellorar aos estudantes, mais non interfiren no seu estilo persoal. Conta Sergio de Arcos, alumno de terceiro curso do curso de banda deseñada, que prima a comunicación e a transparencia entre alumnos e docentes: «o profesorado trata de poñer en situación o alumnado desde os comezos porque esta é unha profesión que require moito sacrificio e forza de vontade, polo que resulta imprescindible estar concienciado sobre a realidade laboral en todo momento». Este ambiente tamén se atopa na comunicación entre o propio alumnado. «Os compañeiros intercámbianse todo tipo de materiais, non hai exclusión, todos traballamos con todos porque somos clases moi pequenas. Nunca deixamos de aprender doutra persoa, hai comunicación entre os diferentes cursos. Vas cunha mentalidade moito máis cooperativa que en calquera universidade», afirma Iria Gómez, alumna de segundo curso.
O Garaxe fai distintas actividades para adentrar o alumnado no mundo da banda deseñada. Unha delas é con masterclasses de autoras e autores en activo, como Teresa Valero ou Alberto Monteys. Outra é coa elaboración de antoloxías colectivas, libros corais, cuxa autoría lles corresponde aos alumnos e alumnas. Ademais diso, os mestres tamén orientan os estudantes en calquera proxecto que leven a cabo para realizar fanzines, encargas ou proxectos para certames e bolsas.
A escola está moi presente na escena cultural da cidade que a acolle. «Algo do que Pontevedra pode presumir é de fomentar e ofertar unha gran cantidade de contido cultural, por exemplo a Libraría Paz, que adoita chamar autores tanto de banda deseñada como de literatura para organizar encontros e sesións de sinaturas», explica Sergio, subliñando que «sen o Garaxe, probablemente a oferta cultural de Pontevedra no ámbito da banda deseñada e a ilustración sería bastante menor».
E onde están as alumnas e os alumnos que xa pasaron pola escola? «Vai haber unha renovacion de ideas e de estilos por parte do alumnado que sae do Garaxe e iso vai ser algo digno de ver», conta Iria. «Hai xa 15 antigos alumnos que se dedican en activo á banda deseñada e á ilustración, e despois hai moitos outros que se dedican a outra cousa pero que publican ocasionalmente», conta Sergio. Entre os autores que publicaron destacan Anémona de Río co seu cómic Tam, o primeiro manga en galego, de Retranca Editora ou o seu álbum A proba de auga, (Xerais), gañador do 1º Concurso de Banda Deseñada “O Garaxe Hermético”. Tamén podemos mencionar a Fon coa novela gráfica Troglo & Dita ou a Pablo Prado co seu O derradeiro libro de Emma Olsen, adaptación da novela de Berta Dávila publicada por Galaxia.
Hai futuro laboral na banda deseñada?
Tanto Iria como Sergio son realistas con respecto ao futuro da súa profesión. «Unha das primeiras ensinanzas que se dan na escola é que dedicarse única e exclusivamente á banda deseñada en Galicia non é imposible, pero case. A norma básica para quen quere vivir disto é a “multitarefa”. Hai moi poucos autores que non se vexan obrigados a compaxinar a publicación dos seus cómics con encargas, obradoiros, aulas e masterclasses que contribúan a pagar das facturas a final de mes», di Sergio. E é aínda máis complicado escribindo na nosa lingua. Segundo Tebeosfera, o ano 2019 viu o maior número de publicacións en galego, 33, desde que comezou a publicarse o informe anual da industria no ano 2012. Malia ter alcanzado ese máximo, isto só representou un 0,87% das publicacións totais. O crecemento nesta pasada década foi desigual, xa que no 2019 foron 16 obras máis que o ano anterior, pero só dúas máis que no 2016.
No cambio de século observouse un boom no mundo editorial galego da banda deseñada. Temos os exemplos de Kalandraka, que viu a luz no ano 1998, a OQO no 2005, El Patito Editorial no 2007 e a Demo a finais do 2008. Por outro lado, temos outras editoriais máis antigas que tamén incorporaron a esta disciplina ás súas publicacións, como Galaxia, Xerais ou Toxosoutos. Á dinamización do sector tamén leva contribuíndo desde 1998 Viñetas desde o Atlántico, o festival de banda deseñada máis importante de Galicia, e pequenas feiras de autoedición como AutoBan na Coruña, Fun Fun Fun! en Compostela ou Vaia vaia en Lugo. É nesta escena máis underground dos fanzines e as obras autoeditadas onde moitas autoras e autores de cómic se dán a coñecer e teñen os primeiros contactos co público.
Iria compara a situación laboral galega coa doutros lugares como Xapón ou a escena franco-belga, onde é máis factible vivir unicamente da creación artística. Entre as ambicións daqueles que se dedican á banda deseñada en Galicia está a exportación da súa obra ao estranxeiro, algo do que se encargan habitualmente as propias editoriais. «Se alguén busca gañar moitos cartos esta non é a profesión axeitada, polo menos non é unha aposta segura», afirma Sergio, ao que engade cun aquel de optimismo que «é un oficio cun longo camiño por percorrer, moito que mellorar e cun futuro máis esperanzador que nunca».