Also Sisters. «Non esperamos por ninguén para facer películas, facémolas nós»

Hai dúas galegas en Utah abríndose camiño no cinema internacional. Sonia e Miriam Albert-Sobrino levan once anos medrando a partir do ensaio/erro, dun traballo constante que as está a levar a festivais de todo o mundo coas súas obras. E tamén aos Premios Mestre Mateo, nos que a súa peza Aura é candidata á Mellor curtametraxe.

 

Sonia e Miriam Albert-Sobrino son as Also Sisters. A estas xemelgas da Rúa (Ourense) sempre lles gustou o cine, pero os seus primeiros instintos leváronas por un camiño moi distinto: a enfermería. «Aos 13 anos fixemos a formación profesional para seren auxiliares de enfermería na Curz Vermella, despois no Montealto estudamos o curso de técnico de laboratorio. A continuación xa fomos á escola de enfermería de Ferrol, rematamos o grao en Braga e traballamos o primeiro ano en reanimación dun hospital de Glasgow, pero en diferentes unidades. Era moi complicado traballar xuntas», lembran.

Voltaron a Galicia para probar sorte na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña, que levaba pouco tempo en marcha. «Pensamos que era o momento de probar co cine antes de ser máis vellas. Pero primeiro aínda traballamos un tempo no antigo hospital Juan Canalejo», contan. Ao ser a súa segunda carreira, tiveron a sensación de que precisaban demostrar a súa valía, por iso se concentraron moito na técnica para «ser boas profesionais».

Fotograma de ’Aura’, nominada aos Mestre Mateo 2022 © Also Sisters

Nestes anos, a cuestión técnica segue a ser fundamental no seu traballo. Sobre todo desde a experimentación antes, durante e despois de filmar. Porén, a historia foi collendo o protagonismo: «Agora vemos que nas nosas historias as persoas sempre están en procesos transicionais, en momentos nos que están agardando por unha noticia ou atrapadas nalgún punto. 

Ser enfermeiras axudounos a ter unha visión do mundo máis realista e menos coloreada polo privilexio. Agora temos alumnos que queren ser o novo Christopher Nolan pero teñen dificultades para atopar o que dicir porque aínda non teñen moitas experiencias na vida ao ser moi novos. Traballar como enfermeira axúdache a entender o que importa, dáche perspectiva». Foi precisamente a través dunha película de moito éxito no eido sanitario, Wit (Amar a vida), dirixida por Mike Nichols e protagonizada por Emma Thompson, cando tomaron a decisión de apostar por seren cineastas: «Todo o mundo quería ser a enfermeira que sae na película e nós decatámonos de que o queriamos era facer a película». 

Na Coruña estudaron cine co foco nos Estados Unidos, por iso buscaron alá un mestrado. Agora levan 11 anos na Universidade de Utah, onde son profesoras no departamento Film & Media Arts. Un traballo que lles permite vivir do cinema, algo que noutro lugar sería moito máis complexo: «Sentimos que aquí se valora máis o esforzo que pos nos proxectos, pero nós non deixamos nunca Galicia profesionalmente. Intentamos que todos os nosos proxectos teñan un vínculo galego. Rodar aí para nós é moi importante, pero isto é unha carreira de fondo».

Retrato das cineastas ourensás © Also Sisters

Aura é unha curta experimental na que decidiron empregar os versos de Rosalía de Castro nos que ven a defensa dunha terra viva. «O que fixemos foi recrear as imaxes que tiñamos na cabeza baseadas e inspiradasneses poemas. Un proceso automático e orgánico, non tan representativo. Non buscabamos representar cada verso, si a emoción e o que nós sentimos ao escoitar eses poemas, dentro do contexto do cambio climático», sinalan. Rodaron no peor da pandemia da COVID-19 na illa Antílope, que está moi preto de Salt Lake City, a cidade na que residen. A curta está producida por Abano, da man de Chelo Loureiro

A actriz galega Bárbara Grandío é quen recita os versos de Rosalía na versión galega e castelá da peza, mentres que en inglés escóitase a voz de Whitney Palmer. «Empregamos estes poemas porque pensamos que así tamén podemos conectar cunha audiencia que non se achega normalmente a un cine experimental», debullan. Esta barreira co experimental depende hoxe máis do acceso. Miriam e Sonia explican que series como Euphoria xa experimentan moito en como se presentan, na súa forma fílmica. «As redes sociais, sobre todo Instagram, axudan a este tipo de arte que é máis surrealista e abstracta. Aínda que a atención da xeración z é cuestión de segundos, detéñense no que lles chama a atención», engaden. 

Fotograma da curta ’Aura’, das Also Sisters © Also Sisters

Elas mesmas descubriron o cine que se estaba a facer en Galicia desde os Estados Unidos: «Mentres estabamos na facultade o obxectivo era Hollywood, pero desde aquí miramos máis para Galicia. Cando chegamos descubrimos traballos como Mamasunción, de Chano Piñeiro, unha curta da que non nos falaron na facultade. Ademais, en América a xente mira moito máis cara ao cine europeo en xeral, sobre todo universidades independentes como a nosa». 

Non son moito de etiquetas, pero hai unhas que se poñen elas mesmas #FemaleFilmmakers e #WomenFilmmakers: «Onde están as mulleres, hoxe por hoxe, moi presentes no cine? Produción, edición, maquillaxe, perruquería, deseño de produción, interpretación... pero non están na cinematografía e nos traballos que son historicamente máis masculinos. E eses son os traballos que facemos nós. Hai anos que as mulleres nos imos incorporando a eses postos, pero queda moito camiño por percorrer. E vai tocando!». 

A súa autosuficiencia no traballo, o feito de que non agardan pola oportunidade nin o financiamento para comezar un proxecto, se non que van tirando e aprendendo no camiño, lévaas a estar algo distantes da industria do audiovisual. «Non esperamos por ninguén para facer películas, facémolas nós. Estar nos Mestre Mateo cunha curta experimental é un fito, sobre todo porque se lembren de nós. Pero ademais porque, aínda que non esteamos en Galicia, seguimos vinculadas coa xente de aquí e contamos con profesionais galegas no que facemos», defenden. 

De feito, teñen a idea para unha longametraxe, Melita. Un proxecto máis ambicioso para o que precisan atopar financiamento e no que están a traballar de novo con Chelo Loureiro na produción. «Temos feito un tráiler e xa levamos como tres revisións do guión, que está escrito en inglés. Aínda que queremos facer a película en Galicia porque está enmarcada dentro do realismo máxico galego e da idea das meigas. Queremos representar unha discapacidade como unha capacidade, e facelo cunha nena con xordeira de verdade para que a representación sexa real», avanzan. 

Melita é o que chaman un passion project. Mentres, seguen a traballar noutros proxectos que si poden abarcar cos seus recursos. Un deses proxectos é Liminal, unha representación transmedia en colaboración co departamento de teatro da universidade de Utah, no que contan a historia dunha muller que queda fusionada cunha parede durante un evento cósmico. Por outra banda, están participando en festivais coa curta Face Not Recognized, Try Again, na que recuperan o terror dos seus primeiros traballos como Olláparo; e estiveron rodando a serie What’s Next xunto ao seu alumnado, entre outras aventuras que aínda non puideron materializar. 

Ana G. Liste

Ana G. Liste

Xornalista viguesa do 90. Traballei en medios como Faro de Vigo, El País e Europa Press. Formo parte da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e son unha máis en Xornalistas Galegas. Agora estou entre Praza.gal e VINTE.

Tamén che interesa

  • Ángel Filgueira: «Entendo o cinema como un traballo físico, manual»

    En decembro de 2018 Ángel Filgueira (Redondela, 1992) chegaba ao Lab do Festival Novos Cinemas de Pontevedra cun proxecto debaixo do brazo que non era nin sequera un guión. Tres anos máis tarde, o cineasta regresa ao festival da cidade onde vive para mostrar algún fragmento do que xa é a súa primeira longametraxe de ficción, ‘Cando toco un animal’, que veremos en 2022. 

    Cinema
  • Brandán Cerviño. O cineasta que levou a comuñón da súa curmá a festivais de cinema de medio mundo

    'A comuñón da miña prima Andrea' é un vídeo doméstico de primeira comuñón pero tamén é unha curtametraxe que está a percorrer ducias de festivais, protagonizada -e cocreada, podemos dicir- por Andrea Abeledo, unha nena de Friol, e realizada polo seu primo de Sober, Brandán Cerviño. Con este cineasta, nacido en Pontevedra no 1993, formado en Belas Artes en Barcelona e en cinema na prestixiosa escola San Antonio de los Baños de Cuba, conversamos sobre a súa traxectoria e sobre a que para el é a mellor maneira de facer cinema: coa xente cercana e con honestidade. Sen que falte tampouco o brillibrilli

    Cinema

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.