Vinte na rúa, con Tamara de la Fuente «Saraievo lémbrame moito a Galicia pola xente, o humor negro, a augardente…»

Coa colaboración de

Tamara de la Fuente. CC-BY-SA Celia López

«Ola, son Tamara e fago fotos». Tamara de la Fuente repite esa frase a modo de presentación nos seus posts en redes sociais porque é a verdade. Fai e fai fotos. Sobre todo retratos, dos que di que «aprende moito». Hai pouco que acadou os 40 anos pero leva máis de 20 como fotógrafa profesional. Comezou moi nova e xa non puido parar. Primeiro como fotoxornalista na prensa diaria de Vigo, logo tamén en concertos e festivais para chegar á foto fixa no cinema, á foto documental e a Saraievo, a súa «segunda casa». Ultimamente está centrada no mundo da arte plástica e fotografía artistas en Madrid... Mañá, quen sabe.

 

«O meu primeiro puñazo foi nunha rolda de prensa do Celta». Tamara de la Fuente (Compostela, 1984) contaba apenas 19 anos cando comezaba a súa carreira profesional como fotógrafa no Faro de Vigo. E non foi doado aínda que lembra aquela época como «marabillosa», de aprendizaxe na prensa diaria e de concertos, colaborando tamén con Mondosonoro e Rockdelux.

Los Sara Fontán. CC-BY-SA Tamara de la Fuente

Nunca tivo moi claro que quería ser de maior -«miraba na tele un baile e quería ser bailarina ou se iamos visitar os bombeiros co cole, pois quería se bombeira, claro» ata que a súa nai guiouna para que fixera un ciclo de Laboratorio de Imaxe en Vigo. «Cando collín a cámara, entrei nun laboratorio, revelei un carrete e positivei a miña primeira foto, vino claro. Había algo moi especial na fotografía. Ao mes chamei a miña nai e díxenlle que quería ser fotógrafa», explica.

Con apenas 21 anos marchou a Barcelona a unha escola de fotografía que lle aconsellaran e alí sentiu, daquela, que era o seu sitio, polo menos durante tres anos. «Alí era feliz e sentía moitísima liberdade. Descubrín que había máis cousas que o fotoxornalismo e a fotografía de concertos», lembra, ao tempo que fala con orgullo das clases fotografía documental ou os workshops con artistas. Traballos puntuais como teleopeadora ou mesmo panadeira, facendo croissants, axudaban a sufragar os gastos durante aquel tempo. 

«Cando collín a cámara, entrei nun laboratorio, revelei un carrete e positivei a miña primeira foto, vino claro. Había algo moi especial na fotografía. Chamei a miña nai e díxenlle que quería ser fotógrafa»

Despois, xa chegando a crise e a oportunidade viu do emerxente Xornal de Galicia que en 2008 buscaba persoal para poñer en marcha o proxecto. «En realidade eu quería ir a Londres a facer un máster en fotografía documental, pero non tiña cartos e o proxecto de Xornal era moi atractivo», explica Tamara de la Fuente. E alá foi seguindo a filosofía que xa comezara a interiorizar consistía en deixarse levar. «Eu vou probando e a vida vaime levando», di.

A fotógrafa Tamara de la Fuente. CC-BY-SA Cedida

Nese regreso a Galicia as cousas non foron sinxelas para ela. Lembra, ao comezo, pouco compañeirismo na rúa e moito machismo. «Era un pouco a moderna de Barcelona e tiña que estar todo o tempo demostrando que valía para o posto», explica a fotógrafa. Mais pouco a pouco fíxose coa xente e co lugar e chegou a estar moi contenta alí tanto a nivel laboral como cos colegas de profesión. Xornal durou pouco e a súa relación coa empresa xa acabara antes despois de estar tres meses sen cobrar.«Díxenlles que non podía traballar porque non tiña cartos para as pilas do flash e despedíronme», detalla. Logo virían anos de xuízos que gañou e a seguir buscando a vida.

«Con 28 anos coñecín os directores do PlayDoc e encaixamos 100%. Alí descubrín o cinema documental, co que continúo a día de hoxe, e contacto con xente do Novo Cinema Galego: Beli Martínez, Oliver Laxe, Xisela Franco, Carla Andrade, Jaione Camborda, Eloy Enciso, … a verdade é que xa estaba farta de festivais», asegura. Foi entón cando descubriu o mundo da foto fixa e participa en distintas producións galegas. 

O director Aki Kaurismaki, no CGAC, coas súas dúas cadelas. CC-BY-SA Tamara de la Fuente

Un día Saraxevo cruzouse na súa vida para ficar. «No PlayDoc, en 2016, coñezo a Kumjana Novakova, directora do festival de cine Pravo Ljudski e convidoume a ir alí, ao festival de Saraievo. O que ía ser un proxecto de dúas semanas vai xa para oito anos», detalla.

«No PlayDoc coñezo a Kumjana Novakova, directora do festival de cine Pravo Ljudski e convidoume a ir ao festival en Saraievo. O que ía ser un proxecto de dúas semanas vai xa para oito anos»

«Eu tiña unha historia moi bonita con esa terra porque en 1992 chegaran a Galicia algúns refuxiados da guerra de Bosnia e unha desas persoas era Dina, a miña canguro», explica. Dina volvera para Bosnia e Tamara tiña a ilusión de atopala e fotografaba mulleres pola rúa. Así naceu o proxecto Looking for Dina, onde explora «a representación dunha figura feminina que personifica a cidade, a súa historia e a súa evolución», segundo detalla a fotógrafa, que estrou a exposición en Saraievo o pasado mes de setembro. 

Desde 2016 non falta a súa cita, fai a residencia artística e as fotos do festival. «Era a primeira vez na miña vida que facía un proxecto persoal, sempre traballara por encargo, e que facía unha exposición propia, non colectiva. Todo o aprendido na prensa está en Looking for Dina», asegura Tamara de la Fuente. «Saraievo lémbrame moito a Galicia, por como é a xente, o humor negro, beben unha especie de augardente e fai mal tempo. Se es unha persoa sensible atrápate», engade. 

«Teño moitos proxectos e pouca présa»

«Desde hai cinco anos vive en Madrid e ultimamente está centrada en retratos de artistas, fotos de xente bailando en festas de música electrónica, inmortaliza coa súa cámara o que pasa fóra do Congreso dos Deputados e, de cando en vez, acompaña os bañistas de Riazor que se somerxen todo o ano no Atlántico e non collen unha gripe. «Teño moitos proxectos e pouca présa», di. 

Por certo, Tamara atopou a Dina.

Vanesa Vázquez

Vanesa Vázquez

Viguesa do Calvario. Comecei e aprendín en Atlántico Diario, Radio Vigo e Expansión. Cada día conta e agora contámolo en VINTE e Praza.gal. 

Tamén che interesa

  • Vinte imaxes do Son do Camiño

    Nun festival tan grande e variado como o Son do Camiño xúntase moita xente. Cada unha coa súa historia e coas súas circunstancias, e por suposto, cos seus gustos. Uns ían por David Guetta e outros por Iggy Pop, pero todos tiñan en común algo: as ganas de disfrutar. Fixemos esta galería co público e traballadores do festival. Dalgunha persoa sabemos o nome e as circunstancias. E doutras non, desculpádenos. Con todo aquí vai esta colección de imaxes do festival, 20 de VINTE, feitas por de Tamara de la Fuente.

    Música
  • Vinte na rúa, con Arcadio González. «Aprendo moito da rapazada, dun xeito especial, case sen decatarme»

    «O máis importante que pode ofrecer un traballador do ensino público á sociedade é axudar a dotar aos rapaces de recursos e de oportunidades. Tentar que o que lles suceda durante o tempo que compartan contigo sexa significativo para as súas vidas, que adquiran destrezas e ilusións». Comezamos unha nova xeira do Vinte na rúa neste 2025 achegándonos a Arcadio González Nóvoa, profesor de Filosofía, músico e veciño da Coruña.

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

  • Vinte na rúa, con Lucía Casal «Levantarme ás oito da mañá e dicir: 'Vou onde as vacas' é unha cousa xenial»

    «Levantarme ás 8 da mañá e dicir: ‘Vou onde as vacas’, é unha cousa xenial, algo que non me custa, xa que sei que que cada día vai pasar algo novo, que vai haber unha nova aventura». Lucía Casal ten 21 anos e un orgullo inmenso do que fai. É gandeira e cada mañá, ao se erguer, sente liberdade e moita sorte. O último Vinte na rúa deste ano foi a Melide para falar con esta moza emprendedora que vén de chegar aos 20.000 seguidores en Instagram e Tik Tok con contidos do seu día a día na explotación gandeira.

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

  • Vinte na rúa, con Jacobo Gómez Do Breo á voda «lendo á xente para darlle alegría» coa música e a voz

    Este speaker e picadiscos «autodidacta» logrou tras máis dunha década de de experiencia que milleiros de persoas teñan xunguida a súa voz ou as músicas que elixe a eses pequenos grandes momentos nos que agroma unha bágoa de felicidade; quer pola comuñón do Río Breogán coa súa afección tras unha canastra que sela un triunfo, quer pola ledicia de ter a persoa amada ao carón

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

  • Vinte na rúa, con Éric Dopazo. «Sabes o refrán de: ‘Onde vaian cen vai ti tamén’? Pois non o entendo. Se xa hai cen, para que vou ir eu tamén?»

    «Non é cuestión de querer ser alternativo, o tema é que ao mellor non existe só un camiño». A Éric Dopazo bastoulle un ano de carreira en Compostela para botar en falta a súa terra natal, preto de Ourense, e optar polo tren para continuar os seus estudos. Dopazo protagoniza esta nova entrega de Vinte na rúa, onde defende o amor propio, a identidade e a liberdade para crear en galego sen que iso supoña unha epopea.  «Sinto que non marchar desta terra é un acto de resistencia necesario, pero tamén merecemos vivir sen estar constantemente temendo a extinción», defende o cantante e compositor do grupo Piratas sen parche.

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.