Vinte na rúa, con Arcadio González. «Aprendo moito da rapazada, dun xeito especial, case sen decatarme»

Coa colaboración de

«O máis importante que pode ofrecer un traballador do ensino público á sociedade é axudar a dotar aos rapaces de recursos e de oportunidades. Tentar que o que lles suceda durante o tempo que compartan contigo sexa significativo para as súas vidas, que adquiran destrezas e ilusións». Comezamos unha nova xeira do Vinte na rúa neste 2025 achegándonos a Arcadio González Nóvoa, profesor de Filosofía, músico e veciño da Coruña. Membro da banda Os Amigos dos Músicos, Arcadio González leva nove anos como docente e non oculta a súa ledicia por poder gozar dun traballo onde cada día aprende da rapazada cousas como a ilusión e a paixón verdadeira polo que lles gusta, algo que resulta «contaxioso» e «inspirador». 

Como profesor do IES Rafael Dieste, forma parte tamén do equipo que desenvolve o exitoso proxecto de normalización lingüística Aquí Tamén Se Fala, que se espallou por toda Galicia e promete sorpresas neste curso.

 

Vivo moi preto do instituto, xusto aquí ao lado. Gústame compartir o mesmo espazo vital que eles teñen na súa vida cotiá: atoparme aos alumnos no supermercado, ver ás súas familias… que non pensen que es un ser estraño, un ser que vive ou que aparece no instituto, sen unha vida á parte. Atopalos pola rúa, saudalos, penso que forma parte desa idea de que os centros educativos teñen un sentido dentro da vida de barrio e de comunidade máis próxima. Igual que o ten a froitería, a peixería ou a xente que limpa. É un servizo público, pero tamén un elemento da vida cotiá. 

Nunca tiven unha vocación clara. Meus pais eran profesores, así que non me sucedeu o que che dicía de pensar que os profesores son seres que viven no centro educativo, eu sabía que era un traballo -un como outro calquera- e sempre o sentín como unha posibilidade. Si que tiven certa vocación con 16 ou 17 anos coa música, e foi a idade de aprender a tocar a guitarra, montar un grupo e tocar por aí -que si que o fixen-  pero foi algo que nunca cristalizou profesionalmente, así que, cando rematei a carreira de filosofía, xa tiña clara cal era a mellor opción.

«Nunca sentín unha vocación, un: "Quero ser profesor; quero poder ensinar á xente e…", pero sempre o valorei moito. Sempre o sentín como un traballo dunha gran responsabilidade e importante para a sociedade. Un traballo cunha gran capacidade para deixar unha impronta importante nos rapaces»

O que quero dicir é que nunca sentín unha vocación, un :«Quero ser profesor; quero poder ensinar á xente e…», pero sempre o valorei moito. Sempre o sentín como un traballo dunha gran responsabilidade e importante para a sociedade. Un traballo cunha gran capacidade para deixar unha impronta importante nos rapaces. 

Arcadio González, durante unha clase nas aulas do Rafael Dieste, na Coruña. CC-BY-SA Javi Quiroga

Neste momento levo nove anos dando clase. Estiven en Andalucía e en Aragón e, agora, dende hai 4 anos, na Coruña. Teño a praza definitiva no IES Rafael Dieste, un centro urbano que está na periferia da cidade e na confluencia de varios barrios especiais: a Agra do Orzán, que é un dos barrios máis poboados de Europa, un barrio obreiro histórico da cidade que, hoxe en día, segue acollendo a moita poboación obreira de moitas partes do mundo. Tamén temos o barrio de Labañou, igualmente de clase traballadora, con moita vivenda social. Despois está a parte dos Rosais. Todo isto conflúe nunha zona que se chama Cidade Escolar, onde están os conservatorios e a escola de idiomas. Hai unha vida especial nesta zona. É un lugar moi vivo onde conflúe xente moi diversa. 

«O noso centro, o Dieste, é un instituto de secundaria. Os rapaces son fantásticos, cunha mestura de xente moi interesante: de África, de Asia e de toda Latinoamérica, tamén de varios países de Europa. Somos, probablemente, o centro con maior diversidade cultural de toda Galicia»

O claustro tamén é especial, cunha gran cantidade do profesorado en renovación, e nós -os máis novos- desfrutando dos últimos anos dunha xeración que foi moi importante no ensino público deste país, a que se incorporou a comezos dos oitenta, no momento no que se estaban abrindo colexios e institutos por toda España. Xente filla de labregos e de currantes -a xeración dos meus pais- e que foron os que construíron este país. Eles son os que nos ensinaron o que significa o compromiso social, a loita sindical e a loita política. O que significa tentar cambiar o mundo a través do teu traballo. Temos moita sorte de poder seguir aprendendo deles.  

Meu pai dicía que o mundo se cambia dende o activismo e a protesta, pero tamén dende o traballo. Penso que do que se trata, no día a día, é de ter en conta que moitas das cousas que fas teñen unha incidencia na configuración do mundo e, por tanto, ter coidado con iso. Facer cousas que provoquen un cambio a mellor, que haxa máis xustiza, máis igualdade e máis oportunidades. Son cousas obvias: dende respectar o alumnado e fomentar a súa capacidade de decisión, escoitándoos e valorándoos, ata tentarte situar como unha referencia para eles, xa que, inevitablemente, vai haber casos que non busquen a túa axuda ou o teu consello. Teñen que sentir que es alguén de fiar, case como… é unha palabra moi grandilocuente, pero case como un modelo.  

Polo demais, a ensinanza está marcada por unha lexislación na que o currículum da materia está referido a contidos, a saberes da mesma. Isto é así, mais á parte existen outras cousas, cousas que teñen que ver cunha formación máis integral do alumnado, que non ten nada que ver coa filosofía ou coas matemáticas, por separado, senón con elas xuntas, tamén con cuestións de igualdade, de responsabilidade… e falo de cousas reguladas, que están na lexislación. O noso traballo, ao final, vai da formación integral do alumnado en competencias fundamentais que teñen que ver co seu papel como cidadáns, para que poidan participar nos debates fundamentais da súa sociedade e da súa cultura. Son cousas importantes que van moito máis alén da miña especialización como docente de filosofía. 

Arcadio González borra o encerado no IES Rafael Dieste. CC-BY-SA Javi Quiroga

Eu aprendo moito da rapazada, claro, pero penso que dun xeito especial, case sen decatarme. Marabíllame a súa capacidade para aguantar e para saír adiante. Vexo situacións vitais, familiares, económicas e sociais… moi duras. Outra cousa que aprendo, é a capacidade que teñen para ilusionarse. Os adolescentes teñen unha enerxía desmedida, cando algo lles mola -cando algo lles importa de verdade-, víveno cunha intensidade que nós, penso, non temos, porque xa somos máis cínicos. Ver a intensidade coa que viven as súas amistades ou as súas relacións de parella, ou a paixón coa que defenden as cousas que lles gustan -a un grupo de música, a unha deportista, ou incluso un traballo da túa materia que, polo que sexa, lles engancha-, é moi inspirador. Ás veces dáche ganas de dicirlles: «Que guai este rollo que tedes aquí, esta vitalidade, estas ganas de…». Dáche ganas de invitalos a pizza un día, ou ao teu aniversario. *risas* Despois pénsalo ben e decátaste de que non ten sentido, de que ese non é o teu papel. Ti es un facilitador de recursos -un apoio-, e sempre vas ser un observador. En calquera caso, é contaxioso e dá ata case un pouco de envexa. 

Encántanme estes rapaces. 

«Ver a intensidade coa que viven as súas amistades ou as súas relacións de parella, ou a paixón coa que defenden as cousas que lles gustan -a un grupo de música, a unha deportista, ou incluso un traballo da túa materia que, polo que sexa, lles engancha-, é moi inspirador»

Outra cousa que quero comentar e que penso que é tan importante como o son as clases, é que son proxectos propios que desenvolvemos no centro. Como o Aquí Tamén Se Fala Galego, por exemplo. 

O Aquí Tamén Se Fala Galego é unha iniciativa cultural moi ambiciosa que busca ofrecerlle aos rapaces do centro unha plataforma para poder formarse e expresarse. Tamén para poder apreciar o valor e a riqueza da lingua e da cultura galega. Empezou hai dous cursos na aula de Galego de Alberto Pombo, en 4º da ESO, na que se fixo unha actividade que consistía en levar uns cartaces a comercios da contorna que puñan Aquí Tamén Se Fala Galego. Foi un éxito, pero o ano seguinte quixémolo levar xa a outros niveis. 

Membros do equipo do Aquí Tamén Se Fala Galego, con Mónica Reigía, Alberto Pombo, Arcadio González e parte do alumnado. CC-BY-SA Javi Quiroga

Xuntamos a nosa paixón pola música e polo audiovisual, e convertemos o proxecto nun de formación en creación audiovisual para os rapaces do centro. Reciben cursos con profesionais do sector para ser capaces de gravar audio e vídeo e facer montaxe e edición. Esta semana, por exemplo, vai estar Nuno Pico, o de Grande Amore, dando un curso de produción en Ableton para os estudantes. Con esas ensinanzas os rapaces collen e gravan, por exemplo a Amancio Prada no Colón, ou a Fillas de Cassandra no Ágora. Para eles, ver ese sector dende dentro -ver como funciona e como se traballa- é algo que lles pode valer para descubrir un mundo laboral que está aí e que lles pode interesar. Un pouco igual que eu sabía que a docencia era un traballo máis, polo que vivía na miña casa.

 «Xuntamos a nosa paixón pola música e polo audiovisual, e convertemos o proxecto do Aquí Tamén Se Fala nun de formación en creación audiovisual para os rapaces do centro. Reciben cursos con profesionais do sector. Esta semana, por exemplo, vai estar Nuno Pico, o de Grande Amore»

Despois temos unha vocación de mostrar ese traballo dos rapaces  alén dos muros do instituto, compartíndoos online nas nosas redes. Tamén en redes tivemos saúdos de Viggo Mortensen, de Tanxugueiras, de Oliver Laxe, David Rubín, Amaia Romero, James Rhodes e Rodrigo Cuevas. Eu sinto que iso non é o máis importante do proxecto, pero aos rapaces mólalles moito, e ao proxecto dálle unha viralidade que aproveitamos para outras cousas. 

O ano pasado, como colofón ás actividades do Aquí Tamén Se Fala Galego, organizamos un festival de música profesional e gratuíto aquí ao lado, na Praza da Tolerancia e foi un festival monolingüe en galego. Tocaron Leria, Lontreira, Boyanka Kostova e Grande Amore e foi un exitazo. Cerca de 5.000 persoas e os rapaces do centro traballando, facendo produción, prensa, atendendo aos artistas. Foi unha pasada. 

Este ano seguimos e vai haber algunha sorpresa grande, pero aínda non podemos comentar nada. 

Ao final, o máis importante que pode ofrecer un traballador do ensino público á sociedade é axudar a dotar aos rapaces de recursos e de oportunidades. Tentar que o que lles suceda durante o tempo que compartan contigo sexa significativo para as súas vidas, que adquiran destrezas e ilusións; que teñan unha perspectiva máis rica e elaborada, máis crítica e máis complexa. Pódese facer a través do estudo do enlace químico, dunha actividade como o Aquí Tamén Se Fala, ou dunha conversa. Pódese facer de moitos xeitos, pero considero que, se o fas ben, se consegues levar á túa potencialidade como docente á máxima capacidade, vas conseguir que o seu paso pola ensinanza pública sexa algo significativo na súa vida. Algo importante. Eu, por agora, estou moi contento do camiño que escollín. Como dicía, esta vitalidade que teñen os rapaces, esta ilusión, é contaxiosa. 

Javi Quiroga

Javi Quiroga

Javi Quiroga conta historias da xente e failles fotos. Despois compárteas en VINTE, en O Novo Normal, ou onde lle cadre. Vive na Coruña.

Máis Vinte

  • Miudiño Sessions

    Miudiño Sessions: Os Amigos dos Músicos

    Chega unha nova entrega das Miudiño Sessions con Os Amigos dos Músicos, unha das formacións que marcou a lume a nosa escena da segunda metade dos anos dez. Cos seus dous discos longos, Os amigos dos Músicos e Segundo fogar, foron quen de renovar o indie galegófono coa introdución de sonoridades e sensibilidades do folk rock americano ata entón inéditas na nosa música por medio dun proxecto coral onde a sinerxía da suma do talento colectivo levaba a novas cotas os talentos individuais.

    Un grupo de amigos, antes que músicos, onde bateu a desgraza en 2021 ao perder, con só 41 anos, ao seu batería e alma máter, o inesquecible Jaime Mateo. Por iso, no terceiro cabodano do seu pasamento quixeron lembrar o seu compañeiro interpretando "Os Amigos", unha versión adaptada polo propio Jaime dunha peza orixinal de David Mansanet.

    Música
  • Vinte na rúa, con Lucía Casal «Levantarme ás oito da mañá e dicir: 'Vou onde as vacas' é unha cousa xenial»

    «Levantarme ás 8 da mañá e dicir: ‘Vou onde as vacas’, é unha cousa xenial, algo que non me custa, xa que sei que que cada día vai pasar algo novo, que vai haber unha nova aventura». Lucía Casal ten 21 anos e un orgullo inmenso do que fai. É gandeira e cada mañá, ao se erguer, sente liberdade e moita sorte. O último Vinte na rúa deste ano foi a Melide para falar con esta moza emprendedora que vén de chegar aos 20.000 seguidores en Instagram e Tik Tok con contidos do seu día a día na explotación gandeira.

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

  • Vinte na rúa, con Jacobo Gómez Do Breo á voda «lendo á xente para darlle alegría» coa música e a voz

    Este speaker e picadiscos «autodidacta» logrou tras máis dunha década de de experiencia que milleiros de persoas teñan xunguida a súa voz ou as músicas que elixe a eses pequenos grandes momentos nos que agroma unha bágoa de felicidade; quer pola comuñón do Río Breogán coa súa afección tras unha canastra que sela un triunfo, quer pola ledicia de ter a persoa amada ao carón

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

  • Vinte na rúa, con Marta González. «O que máis me gusta do que fago é coñecer xente de todas partes do mundo, de todo tipo e condición»

    «Estou facendo fotos e vídeos e o que está ao meu redor, en certo modo, deixa de existir e pasa a estar só dentro da cámara. Iso axúdame, por exemplo, a ser capaz de estar nun sitio con tanta xente coma este e a sobrelevar a situación con tranquilidade. A que non me dea vergoña estar polo medio molestando coa cámara. É algo case terapéutico». Vinte na rúa achégase a Marta González, deseñadora, fotógrafa, creadora audiovisual e o que se propoña. González considérase moi «kamikaze» e cada vez menos preocupada polo futuro. «Prefiro facer e vivir», defende.

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.