Miudiño Sessions: Os Amigos dos Músicos
Chega unha nova entrega das Miudiño Sessions con Os Amigos dos Músicos, unha das formacións que marcou a lume a nosa escena da segunda metade dos anos dez. Cos seus dous discos longos, Os amigos dos Músicos e Segundo fogar, foron quen de renovar o indie galegófono coa introdución de sonoridades e sensibilidades do folk rock americano ata entón inéditas na nosa música por medio dun proxecto coral onde a sinerxía da suma do talento colectivo levaba a novas cotas os talentos individuais.
Un grupo de amigos, antes que músicos, onde bateu a desgraza en 2021 ao perder, con só 41 anos, ao seu batería e alma máter, o inesquecible Jaime Mateo. Por iso, no terceiro cabodano do seu pasamento quixeron lembrar o seu compañeiro interpretando "Os Amigos", unha versión adaptada polo propio Jaime dunha peza orixinal de David Mansanet.
Trixésima segunda entrega das Miudiño Sessions, un proxecto non comercial de difusión da nosa cultura, feito dende a paixón pola nosa música e lingua que máis alá da promoción de novas propostas, o descubrimento das máis singulares e o rexistro das máis veteranas tamén ten un certo propósito arquivístico, facendo a foto fixa do momento histórico que estamos a vivir, por número e por calidade, de proxectos musicais na nosa lingua.
Créditos
Seguindo o ronsel dos concertos para levar de La Blogotheque, os Tiny Desk Concerts da radio pública norteamericana ou os pioneiros acústicos da MTV dos 90s, A Regueifa 2.0 presenta as Miudiño Sessions, unha serie de micronconcertos de grupos e solistas galegxs en formato mínimo gravados en localizacións singulares.