Miudiño Sessions: Ataque Escampe
Chega unha nova entrega das Miudiño Sessions con Ataque Escampe, unha das formacións máis senlleiras da escena e pioneiros da necesaria renovación lírica e estilística que ten experimentado a música galega das últimas dúas décadas.
Nas ruínas do que en tempos foi a maior fábrica de vasoiras da Europa occidental -hoxe transmutada en improvisado museu de arte urbana- o agora sexteto quixo facer un percorrido vital polo seu inabarcable repertorio, enfiando clásicos coma "Noites de agosto" ou "Papá borracho" con novas pezas do seu recente Cabalgata e sorpresas coma a reinvención de "A vitoria" en clave de bachata. Un tratado de músicas contemporáneas que poderá ser desfrutado ao vivo este mes de outubro por partida dupla, o día 17 de outubro na Sala Capitol de Compostela, en solidariedade con Palestina na compaña de Boyanka Kostova, Tanxugueiras e García MC, e o día 25 na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro, á beira de Caamaño & Ameixeiras.
Trixésima primeira entrega das Miudiño Sessions, un proxecto non comercial de difusión da nosa cultura, feito dende a paixón pola nosa música e lingua que máis alá da promoción de novas propostas, o descubrimento das máis singulares e o rexistro das máis veteranas tamén ten un certo propósito arquivístico, facendo a foto fixa do momento histórico que estamos a viver, por número e por calidade, de proxectos musicais na nosa língua.
Créditos
Seguindo o ronsel dos concertos para levar de La Blogotheque, os Tiny Desk Concerts da radio pública norteamericana ou os pioneiros acústicos da MTV dos 90s, A Regueifa 2.0 presenta as Miudiño Sessions, unha serie de micronconcertos de grupos e solistas galegxs en formato mínimo gravados en localizacións singulares.