Miudiño Sessions: Xosé Constenla
Desta volta as cámaras da Regueifa foron ata o antigo campo de concentración franquista da Pobra do Caramiñal para filmar a Xosé Constenla, unha das voces máis senlleiras da canción de autor galega das tres últimas décadas. A escolla dunha localización de tan funesto recordo -pola que pasaron máis de 1.000 prisioneiros e prisioneiras- non foi casual.
Rexistrar a interpretación ao vivo das cinco pezas que farán parte do seu novo traballo nun dos once campos de concentración que o fascismo artellou na nosa terra era o mellor xeito de honrar aos protagonistas das súas novas cancións. Nelas atopamos historias de represión, padecemento e morte pero tamén a ilusión, albor e esperanza dunha fermosa etapa histórica que frustrou o golpe militar de 1936. As historias de mestres fusilados, traballadores exiliados e bravas mulleres de maquis ecoaron vivas nos vellos muros do que un día foi testemuño da barbarie e a senrazón e hoxe é memoria a recuperar dunha etapa da nosa Historia que cómpre non esquecer.
Vixésima oitava entrega das Miudiño Sessions, un proxecto non comercial de difusión da nosa cultura, feito dende a paixón pola nosa música e lingua que máis alá da promoción de novas propostas, o descubrimento das máis singulares e o rexistro das máis veteranas tamén ten un certo propósito arquivístico, facendo a foto fixa do momento histórico que estamos a vivir, por número e por calidade, de proxectos musicais na nosa língua.
Créditos
Seguindo o ronsel dos concertos para levar de La Blogotheque, os Tiny Desk Concerts da radio pública norteamericana ou os pioneiros acústicos da MTV dos 90s, A Regueifa 2.0 presenta as Miudiño Sessions, unha serie de micronconcertos de grupos e solistas galegxs en formato mínimo gravados en localizacións singulares.