Miudiño Sessions: Bigornia
Vixésimo quinta entrega das Miudiño Sessions, un proxecto non comercial de difusión da nosa cultura, feito dende a paixón pola nosa música e lingua que máis alá da promoción de novas propostas, o descubrimento das máis singulares e o rexistro das máis veteranas tamén ten un certo propósito arquivístico, facendo a foto fixa do momento histórico que estamos a viver, por número e por calidade, de proxectos musicais na nosa lingua.
Nesta nova sesión A Regueifa Plataforma elévase por riba do skyline da zona vella compostelá para filmar a fórmula vangardista de Bigornia. Unha proposta inédita no País na que Fonsi achega a música electrónica, manufacturada artesanalmente ao vivo con sintetizadores modulares, mentres Xabier faise cargo do baixo e os audiovisuais analóxicos procesados, tamén, en tempo real.
O dúo lanzou o pasado ano o seu primeiro traballo discográfico, Tandem, interpretando para a sesión dúas pezas novas, "Parálise" e "Matamarcian4s". Bigornia estarán actuando ao vivo este venres, 9 de febreiro, na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro.
Créditos
Seguindo o ronsel dos concertos para levar de La Blogotheque, os Tiny Desk Concerts da radio pública norteamericana ou os pioneiros acústicos da MTV dos 90s, A Regueifa 2.0 presenta as Miudiño Sessions, unha serie de micronconcertos de grupos e solistas galegxs en formato mínimo gravados en localizacións singulares.