Miudiño Sessions: Lontreira
Vixésimo primeira entrega das Miudiño Sessions, un proxecto non comercial de difusión da nosa cultura, feito dende a paixón pola nosa música e lingua que máis alá da promoción de novas propostas, o descubrimento das máis singulares e o rexistro das máis veteranas tamén ten un certo propósito arquivístico, facendo a foto fixa do momento histórico que estamos a vivir, por número e por calidade, de proxectos musicais na nosa lingua.
Nesta nova sesión foron Lontreira, unha das bandas revelación do pasado ano, quen acudiu á chamada das cámaras da Regueifa Plataforma para espir catro pezas de Apnea, o seu disco de debut. Ao acubillo do senlleiro muíño de vento do Monte Beiro, en Valga, o trío deixou á beira calquera tentación electrónica para levar a súa fermosa mestura de pop e música de raigame de aquí e acolá a un formato mínimo onde o piano de Rotce e a guitarra acústica de Iván Barral aloumiñan a delicada voz de Adri Cores. Lontreira veñen de sacar Un futuro sen ti, unha samba en colaboración con Berto cantada en galego internacional no que abren aínda máis o seu engaiolante abano de influencias de ultramar.
Créditos
Seguindo o ronsel dos concertos para levar de La Blogotheque, os Tiny Desk Concerts da radio pública norteamericana ou os pioneiros acústicos da MTV dos 90s, A Regueifa 2.0 presenta as Miudiño Sessions, unha serie de micronconcertos de grupos e solistas galegxs en formato mínimo gravados en localizacións singulares.