Lontreira. Vivir entre dous mundos

Está claro que, hoxe en día, o camiño aberto por Baiuca no seu momento está a achegarnos algúns dos proxectos musicais máis interesantes do que comeza a ser catalogado como folctrónica galega. A máis recente manifestación dentro destas lindes responde ao nome de Lontreira, dúo formado por Adri Coyote e Héctor Rodríguez.

 

O quilómetro cero de Lontreira reside na Illa de Arousa, onde foron apadriñados nada menos que polo actor Carlos Blanco, a cantautora Uxía, pero tamén Inés Salvado, cantante de De Vacas, a mesma que pon voz a varios dos poemas recollidos en Apnea, o seu primeiro LP, e un dos que volven a facernos crer nun novo ano histórico para a recolleita discográfica atlántica.

As posibilidades de expansión e recoñecemento que se intúen desde un proxecto coma este vense demarcadas pola súa vinculación ás constantes do novo pop que canaliza os gustos do público masivo de hoxe en día a través de Spotify e Youtube.

Neste sentido, propostas galegas como Blanco Palamera, Dani ou Mariagrep son as abandeiradas dunha forma de sentir a ortodoxia pop desde unha sensibilidade na que o alma de veludo se converteu no oremus dun crisol de fórmulas tostadas entre o toque onírico do sinte, tan característico do grupos actuais do norte, e o son orgánico dos estilos máis estivais.

Isto por unha banda, porque, dentro da súa forma de concibir o acto creativo, Lontreira crava tamén unha pica na caligrafía procedente da tradición, á que me referín anteriormente, e coa que acadan resultados abraiantes na concepción de Apnea.

Adri Coyote e Héctor Rodríguez © Lontreira

Os camiños trazados cara a este xénero musical consolídanse cada vez máis grazas a diferentes manifestacións do mesmo: dende a experimentación tipo Arca de CRNDS ata a vangardista reinvención da canción popular realizada por LaMontagne & PicoAmperio.

Lontreira pertence a este segundo grupo, aínda que con matices. Non en balde, unha das referencias que definen Apnea é o eco de Apeirón, grupo de culto en Galicia, no que Emilio José comezou a dar os seus primeiros signos de xenialidade total, xa coñecidos a través de obras monumentais como Agricultura Livre (2016).

Desta fonte de inspiración xorden exemplos tan representativos como "Corvos", "Caciquiño", "Axolote", "Cormarán de ultramar" e "Apnea", que se expoñen ao longo do percorrido discográfico para dar concepto a unha obra que, ante todo, nútrese da convivencia sen conflitos entre ambicións narrativas de base profundamente metafórica e a linguaxe sinxela de cortes como "Contravento", onde o merengue está presente como motor principal da estrutura instrumental.

Vivir dentro desta dualidade conceptual é o que dá forza e interese a un proxecto que, sobre todo, sabe convivir entre os extremos que xorden coa escoita do seu LP de debut, verdadeira demostración do espírito de Dr. Jekyll e Mr. Hyde, aplicada na faciana pop.

Neste sentido, Lontreira son capaces de viaxar dende os extremos que van do speak-word ao dream pop en "Corvos" ata o techno folk de "A Fonte". Noutro corte, como "Raposo", márcanse un reggaeton vangardista para quitar o alento, literalmente.

A naturalidade coa que se moven dunha vertente a outra reverte na asombrosa facilidade coa que emerxe o seu modus operandi, o mesmo tras o que xorde un arco da vella de cancións sementadas entre a melancolía do norte e a calidez dunha especie de tropicalia exótica galega. Deste latido musical, cada unha das catorce cancións desta obra podería ser perfectamente diseccionada e sempre extraer algún matiz diferenciador, tremendamente persoal.

Non en balde, se por algo destaca este disco de estrea é por mostrar o rico calidoscopio estilístico que aporta ADN a un dúo que, á fin e ao cabo, está destinado a facer maiores proezas en vindeiros envites discográficos.

Mentres agardamos a esta fase do seu crecemento, con este disco xa deixaron un rastro de grande interese, á hora de elixir un grupo que nos sirva para agocharnos en días de profunda choiva atlántica, pero tamén para cando toca ir de romaría.

 

Lontreira estará este verán no 17° Ribeira Sacra Festival e no Atlantic Fest

Marcos Blanco Gendre

Marcos Blanco Gendre

Xornalista anti postureos, non son "the voice of my generation"… nin gañas que teño.

Máis Vinte

  • Fillas de Cassandra: «Queremos permitirnos errar»

    As Fillas de Cassandra publican o seu primeiro disco, Acrópole, que presentan o 4 de marzo na sala Capitol de Santiago. Din que «as fillas adoitan contar historias das súas nais e devanceiras», por iso recuperan a Cassandra, Antígona, Lisístrata, Pandora, Eco, As Moiras, Dafne e Syrinx e a través delas fálanlle ás mulleres de hoxe.

    Música
  • Flora Ghost. Atreverse coa música máis alá do ditado

    Atreverse. Daniel Cambeiro, alter ego de Flora Ghost, decidiu enfrontarse ao abismo de non saber producir música e de non ter un círculo de músicos ao seu arredor porque tiña un soño: investigar a música que el quería facer, máis alá das fórmulas e das etiquetas, quizá máis alá incluso do que el podía agardar. Falamos co músico fisterrán sobre o seu primeiro disco, La levitación.

    Música

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.