Fillas de Cassandra: «Queremos permitirnos errar»

As Fillas de Cassandra publican o seu primeiro disco, Acrópole, que presentan o 4 de marzo na sala Capitol de Santiago. Din que «as fillas adoitan contar historias das súas nais e devanceiras», por iso recuperan a Cassandra, Antígona, Lisístrata, Pandora, Eco, As Moiras, Dafne e Syrinx e a través delas fálanlle ás mulleres de hoxe.

 

A todas as que foron feitas de olvido vai adicado o álbum debut das Fillas de Cassandra, Acrópole, ao abeiro da cooperativa cultural Nave de Lata, que xorde da colaboración entre a produtora Tremendo Audiovisual e Luneda Producións. O disco é todo intención, quere manter o mimo da tradición e sumarlle música electrónica, quere contar a historia das mulleres silenciadas e non repetir os mesmos erros de quen o fixo antes, e quere ser unha carta de presentación de dúas artistas que se atoparon pola casualidade de militar no feminismo. É difícil lograr o que se pretende, e non se pode dicir que elas non o conseguiran.

É luns pola mañá e atopámonos con María Pérez (Vigo, 1996) e Sara Faro (Vigo, 2001), as Fillas de Cassandra, nun café do centro de Vigo. Levan moitos meses de traballo para sacar adiante o disco, aínda que recoñecen que todo foi encaixando a bo ritmo no proceso, no que estiveron acompañadas de Berto na produción. Coñecéronse nunhas xornadas organizadas polo Feminismo unitario de Vigo nas que ambas ían tocar. «Chamáronnos para tocar de maneira individual e eu propúxenlle a Sara facer unha canción xuntas porque a min encántame compartir música e Sara como se anima a todo dixo que si. Tocamos xuntas e na proba de son preguntáronnos como se chamaba o grupo, foi tan ben que pensamos en facer algo xuntas. Aí comezou a nosa amizade e o noso proxecto», lembra María. Hai un ano que o presentaron cun concerto na sala Kominsky de Vigo e todo está indo moi rápido, quizá non falte tanto para cumprir o soño de María de tocar en Castrelos

María Pérez e Sara Faro © Santi Iglesias

Na primeira folga feminista, a do 8M de 2018, elas estaban aínda estudando. A María colleuna en Madrid e estivo naquela histórica manifestación. Sara manifestouse en Vigo: «Xa levaba tempo falando de feminismo no instituto e mantiña loitas con moita xente que dicía que non estaba de acordo, pero ese ano –que xa pasara o da manada e por iso houbo unha reivindicación tan forte da xente nova– de pronto me atopei con xente que durante anos me dixera que non tiña razón e estaban manifestándose. Foi moi emocionante».

«No grupo de pandeireteiras do meu barrio aprendín a sacar a voz e a tocar a pandeireta»

Sara (Vigo, 2001) estuda dirección escénica e dramaturxia na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e este ano está de Erasmus na Escola Superior Artística do Porto (aínda que non está a ter todo o tempo que quixera para gozar da cidade portuguesa), e María (Vigo, 1996) ten a carreira de piano, está a facer un mestrado na Coruña e dirixe unha academia de música. Fillas de Cassandra está a darlle a volta ás súas vidas: non paran, están cansas, pero están contentísimas e iso nótase. O 4 de marzo presentan Acrópole na sala Capitol de Santiago, irán a Bruxelas para o festival EmigraSon e teñen por diante unha xira intensa polo país ata despois do verán, como lles sucedeu o verán pasado aínda que non tiñan nada gravado.

A María a música a leva acompañando toda a vida, o seu instrumento é o piano, que é a súa «casa», mais tamén a voz: «Desde nena o que máis me gusta é facer harmonías vocais». E xa participara noutros proxectos como María SOA. Para Sara o activismo feminista está moi ligado aos seus comezos na música, o seu é a percusión, en concreto a pandeireta: «No grupo de pandeireteiras do meu barrio aprendín a sacar a voz e a tocar a pandeireta». Ao pouco de converterse en dúo xa as chamaron para un concerto polo 25N e como non querían só facer versións puxéronse a compoñer xuntas. Rapidamente xurdiu o nome de Cassandra e a idea de contar a súa historia nunha canción.

«O proceso de composición foi rápido porque atoparte con alguén que confías na súa parte creativa e que aínda por riba coincides nos mesmos gustos...», di María mentres Sara apunta que o estilo «saíu de maneira moi orgánica, improvisamos cos instrumentos e foi saíndo isto que para min é un estilo aínda indeterminado». Tras un breve debate sobre a dificultade de etiquetar as músicas contemporáneas María dá coa definición que aglutina a súa esencia: «Música pop electrónica de raíz con harmonías vocais». Falta a música clásica por nomear, pero María di que está en todo porque, no fondo, a disciplina da música barroca non está tan lonxe da da música tradicional e na mestura de ambas atopou o maior pracer.

«Houbo unha decisión conxunta de lanzarse e atopamos un punto intermedio entre o son tradicional e a electrónica»

O «punto de inflexión» da carreira musical de María foi coñecer a Berto, do que soubo por unha amiga que buscaba teclista para a súa banda. Pasar a tocar con el supuxo dar o salto ao eido profesional. Por iso el foi o primeiro ao que lle ensinaron a música que comezaban a crear xuntas. «Estamos moi agradecidas porque apostou pola nosa música desde o principio e deunos visibilidade dentro dos seus concertos», salientan. «A medida que fomos facendo cancións con el nós aprendemos máis o que queremos da parte electrónica e el tamén aprendeu con nós», explica María. «Porque nós comezamos coa idea de facer un disco máis acústico, máis fiel ao son que faciamos, pero despois houbo unha decisión conxunta de lanzarse e atopamos un punto intermedio entre o son tradicional e a electrónica», indica Sara.

Interesáballes que as cancións tamén funcionasen en acústico, por iso á vez que publicaron o disco sacaron un vídeo dunha gravación en directo dos dous temas do disco que teñen máis carga techno, “Eco” e “Acrópole”, nunha versión con voz, piano e pandeireta. «Son absolutamente recoñecibles, manteñen a liña do que é o tema e gústannos ao mesmo nivel», asegura Sara. Están a ensaiar os directos, xa levan un metrónomo dentro e van soltando elas as bases en función da posición na que estean no escenario. Conciben as actuacións case como unha escena teatral e o que están a preparar é a coreografía na que irán dun lado ao outro para tocar os instrumentos. E no guión tamén queren saber cando se poden permitir emocionarse, porque non se pode perder completamente o fío nun directo.

«Respectámonos moitísimo e cedemos porque o profesional está ao mesmo nivel que o persoal»

«As fillas adoitan contar historias das súas nais e devanceiras», debulla Sara, por iso decidiron contar os mitos gregos cunha ollada feminista e devolverlle a Cassandra, Antígona, Lisístrata, Pandora, Eco, As Moiras, Dafne e Syrinx a súa dignidade. A canción “Acrópole” sintetiza a mensaxe do disco (e dálle nome). Paga a pena escoitar o álbum en orde, como foi concibido, para entender toda a carga de emoción. Nos directos “Eco” será das máis interesantes porque a emotividade de cantar colectivamente é imbatible.

«Con todas as decisións que temos que tomar, pouco discutimos», destaca María. «Porque xogamos a pedra, papel, tesoira», engade Sara. É complicado sinalar cal é o ingrediente que fai a súa unión tan forte, incluso na discrepancia, sempre no debate, pero permitíndose un espazo propio. Pode que sexa o respecto mutuo. «Respectámonos moitísimo e cedemos porque o profesional está ao mesmo nivel que o persoal», razoa María.

Xiro a cabeza e estás ao meu carón, loitando xunto a min. Coinciden en que nesta letra das primeiras que fixeron reflíctese a base da súa relación. Sobre o escenario, cando xiran a cabeza, téñense a unha á outra. «Temos tanto ego a nivel persoal que fomentamos un ego común. Como sabemos que a outra ten ese ego, permitimos en certos momentos que saia o ego de cada unha», explica María.

«Fomentamos un ego común»

«Con Fillas de Cassandra aprendín moito a traballar en equipa e a traballar a capacidade de ceder o momento de foco a outra persoa. E non só a deixar que brille a outra persoa, senón axudar a que brille máis con todo o contexto. É unha aprendizaxe na que te vas levando moitas hostias, pero aprendes a facer reflexións internas e a ser sincera contigo mesma e coa outra», agrega Sara.

Pode parecer anecdótico, pero as mulleres que soben aos escenarios saben que o ego dos homes é aplaudido nun mesmo contexto no que o seu resulta rexeitado. Como di María, non se trata de quedar por enriba nin por debaixo, senón de estar ao mesmo nivel. Elas están no camiño de crer que merecen estar, de non facerse un auto-boicot desde os ensaios. Gozar de todo o proceso sen deixar que decidan por ti, ese é o camiño marcado. «Queremos permitirnos errar», conclúen. 

Ana G. Liste

Ana G. Liste

Xornalista viguesa do 90. Traballei en medios como Faro de Vigo, El País e Europa Press. Formo parte da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e son unha máis en Xornalistas Galegas. Agora estou entre Praza.gal e VINTE.

Máis Vinte

  • O novo pop galego. Renovación desde as marxes

    Por necesidade comezou a producirse a si mesmo e por vontade de dinamizar a escena empezou a traballar para outres. Berto Mira produce a unha nova xeración de artistas, nunha maioría queer, con proxectos que transitan por lugares próximos ao pop electrónico e pasan por moitos outros, como o pop dance dos 2000, o folk ou o techno.

    Música

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.