crnds. Cibernética da tradición

O pasado 23 de abril Alberto Cernadas publicou o seu primeiro LP como crnds e ese 8 de maio preséntao no Mutek de Barcelona, un dos festivais máis prestixiosos da vangarda electrónica. Algo que subliña a expansión dunha escena musical galega electrónica, con espírito renovador da música tradicional, que vai dar moito que falar nos próximos anos. De feito, xa o está facendo.

 

crnds xorde nun momento de eclosión total da revisión electrónica da tradición galega, pero até que punto é un estímulo en Crnds o camiño aberto fóra de Galicia por Baiuca ou o traballo previo de Projecto Trepja? Como el mesmo di: «O que está pasando coa música tradicional actualmente paréceme súper enriquecedor. Véxoo un contexto favorable para que florezan cousas moi grandes. No meu caso estiven moito tempo facendo música con Cibrán Seixo e Fran Barcia. Con eles abríronseme as portas a ese mundo. A carga tradi de “Cernadas” é unha consecuencia sobre todo de traballar con eles».

Case no mesmo momento que Baiuca publica o seu esperadísimo Embruxo, é cando crnds cobra relevo por medio de Cernadas, debut en longa duración chamado a marcar un punto de inflexión na crecente escena electrónica galega. Vinteún minutos de pura fibra nos que asoma unha postura acorde ao que precursores da reforestación folclórica como Projecto Trepja levaron a cabo no seu momento. O líder desta formación a contracorrente, que vivira os seus anos de esplendor entre 2008 e 2010, marcou unha liña de acción, definida polo seu líder Xandre Outeiro nesta especie de manifesto: «Cando comezou o grupo a intención era clara: propoñer unha linguaxe nova, totalmente libre dos estereotipos folclóricos e neocélticos que o impregna todo: contra barras compostas e ritmos amalgamados, rítmicos sinxelos e silenciosos. Fórmulas extraídas directamente da tradición; ante complexas harmonías, solucións máis orgánicas e heterofónicas; contra o celtismo, a recuperación de liñas melódicas extraídas directamente do repertorio medieval; diante da gaita, zanfona; diante de voces brancas, pandereteiras rasgadas ...».

Capa do disco 'Cernadas'. © Lindisfarne

Unha das persoas que, de forma indirecta, recolleu esta mentalidade á hora de atopar a súa metodoloxía é o propio Alberto Cernadas, que comenta isto acerca das palabras de Xandre: «Entendo moito ese punto de partida. Hai algo moi poderoso na crueza das recollidas. A min persoalmente é algo que me seduce. De todas formas no meu caso non houbo unha intención de renovar a linguaxe nin de ser fiel á tradición. A única pretensión foi facer este disco dunha forma moi libre, intentando reducir os meus propios xuízos sobre os resultados que ía obtendo. Foi unha cousa moi procesual, moi intuitiva, non partía dun statement concreto. A maior parte das cousas que hai no disco non sei moi ben como cheguei a elas».

En Cernadas tanto emerxen as texturas gaseosas de Burial en temas como “Plor” como o palpito antártico de Ben Frost en “013”. Estas dúas vías teñen conexión directos co arraigo emocional galego. Néboa e sons climatolóxicamente abruptos. A mesma idiosincrasia da electrónica experimental máis física ten moito que ver cos significantes da nosa natureza. Aínda que no caso de Crnds, hai moitos máis aspectos nos que buscar: «Supoño que esa cousa abrupta do clima de aquí influíu no disco, pero como moitos outros factores. De feito eu creo que o álbum enteiro soa moitísimo a como estaba eu emocionalmente durante o proceso. Foi un pouco heavy por momentos», comenta o autor. 

Outro paralelismo que enriquece a perspectiva xeral de Cernadas é o de Oneohtrix Point Never en “Santa Sabina”. Así mesmo, esa canción está composta a partir dunha xota recollida por Fransy González en Santa Comba. Como xorde esta idea e como é adaptar unha copla dende unha perspectiva tan futurista? «A colabo con Fransy sucedeu a raíz dunha sesión que fixen para “La Señora está Muerta” ao pouco de chegar a Santiago», explica. «Soltei unha das pistas dun disco de Érik Marchand no que colaborou Fransy, e pasou algo moi incrible cos loops que estaban soando nese momento. Quixen reconstruír iso, non o feito harmónico concreto, pero si algo de esa atmósfera. Cibrán Seixo estaba comezando a traballar con Fransy nese momento e presentouma, veu ao estudo e gravamos “Santa Sabina”. OPN flípame. A forma na que mutan tímbricamente os elementos nos seus temas inspírame. Hai algo diso non só neste tema, se non en toda a música que fago».

«Creo que si que hai certos puntos comúns en canto á función da electrónica de club en xeral e a función da música tradicional como acto social.» 

Dentro da pluralidade sónica encapelada nos nove temas que conforman Cernadas, tamén hai reminiscencias da electrónica ultra orgánica de Arca en temas como “Fume”. Pero ate que punto o tribalismo da súa proposta ten puntos en común coa mesma concepción rítmica do folclore tradicional galego? En certa maneira é como o paralelismo natural entre os ritmos africanos e os sons percusivos dixitais que levamos escoitando toda a vida: «Non diría que existe a mesma concepción rítmica en Arca que no tradi, por cousas como que o tempo en Arca é algo que se difumina por momentos, é elástico (cousa que me flipa da súa música por certo). No tradi, a excepción dos cantos libres, o tempo é algo invariábel. Creo que si que hai certos puntos comúns en canto á función da electrónica de club en xeral e a función da música tradicional como acto social. Derivado disto vexo paralelismos no comportamento rítmico das dúas músicas, ambas están ao servizo do baile».  

Aparte de crnds, Alberto leva o selo Lindisfarne, con propostas como Cibrán Seixo, o cal «naceu coa intención de aglutinar dalgún xeito a música que estaba saíndo do estudio que compartiamos con Cibrán. Actualmente é a plataforma que emprego para editar a miña música. Teño proxectos de abrir o selo a outro tipo de publicacións, pero aínda están nun estado moi xerminal».

O 8 de maio crnds actúa no mítico Mutek de Barcelona. Actuación para o que o seu enfoque parte «dun concerto conxunto con Fransy. Montamos varias pezas inéditas para o Mutek. Estes días ensaiando con ela, estou flipando. Teño moitísimas ganas dese bolo. Ademais eu marchei a estudar a Barna e vivín alí oito anos. Teño unha parte moi grande de min nese sitio, teño ganas de volver».

Marcos Blanco Gendre

Marcos Blanco Gendre

Xornalista anti postureos, non son "the voice of my generation"… nin gañas que teño.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.