O Bristol galaico de Néboa

Se algo tivo 2020 foi a consolidación do boiante estado de saúde da música feita en Galiza. De Malandrómeda a Néboa, os vórtices estilísticos seguen a mutar, coma no caso destes últimos, asinantes de A realidade enganosa, un crisol outonal de melancolía nordestina, composto dunha decena de cancións que invitan a un what if? de como soaría un Bristol galaico.

Para entender as fronteiras desta fantasía, Lucas de Centi e Sandra Pérez, membros do grupo afincado entre A Coruña e Pontevedra, lévannos até o punto de partida dun proxecto que xa leva uns cantos anos a madurar, e dos que Lucas lembra que «en realidade Néboa foi no primeiro momento o resultado dos efectos que a postadolescencia fai nas relacións de amizade. Eu tocaba nun grupo de Vilagarcía bastante popeiro, xa levaba anos interesado en bandas que a eles non lle interesaban tanto. Igual o punto de unión co resto era Radiohead, pero outras cousas xa non lles interesaban, como os sons jazz ou artistas do tipo Four Tet. Néboa foi unha forma de encontrar xente, sobre todo, coa que poder estudar jazz. Do que me dectei é de que a xente que pasamos polo conservatorio sentimos que primeiro temos que aprender unha cousa, antes de pensar en facer o que queremos. Despois de ano e medio xuntos, houbo un ano crucial no que comecei a traer cancións un pouco máis pop case pedindo desculpas. Cando vin que a vontade era a de facer realmente isto, aí foi cando Tomás xa estaba na banda, Jacobo estaba a punto de chegar e tamén Aloia, que sempre estivo comigo. Nese momento houbo ese cambio de mentalidade, de ser simplemente un grupo que quería tocar e aprender a ser algo co que buscar cousas».

A raíz deste cambio de mentalidade pasamos dun traballo como Antes da tormenta (2015) a A Realidade Enganosa, onde integran electrónica de corazón outonal e aritmética acústica de profundos relevos jazz. Como di Lucas: «Pode que o obxectivo de mesturar música electrónica e acústica xa estivese en Antes da tormenta, non como obxectivo nese EP mais si como banda. Naquel disco xa había esa vontade de introducírmonos no mundo da electrónica, pero daquela era máis unha utopía, case un soño bastante inalcanzable. Logo as cousas foron cambiando e comezamos a ter máis medios. Axudou ter a primeira controladora Ableton e cousas coas que traballar».

En base a isto conformase todo un concepto musical que comezou con vontade lírica costumista pero que chegou a outros lares conceptuais, dos que Lucas explica a orixe e meta a través do significado total desa “realidade enganosa” á que remite no título deste traballo: «A realidade enganosa é unha frase que canta a unha amiga nosa, a actriz Carlota Mosquera, en “Sácame do centro”. Ao mesmo tempo, tamén é un fragmento dun cómic que se chama The Nao of Brown, de Glyn Dillon, que conta a historia dunha persoa moza coa que me identifico moitísimo. A forma na que está contada tamén me gusta moito porque mestura unha historia superrealista bastante cotiá con outra narración máis mitolóxica, con outras cores. Esa fusión e a forma de contar esa historia foi clave no disco».

«O son de Néboa é un pop bastante atlántico. Identifícome con moitos grupos de Bristol que para min son ídolos, como Portishead ou Massive Attack»

Seguindo a estela da novena arte neste traballo, Lucas recoñece que «a miña literatura é o cómic, e unha forma de comprender que hai outros camiños para facer arte máis aló do discurso mainstream foi un cómic, Los combates cotidianos de Manu Larcenet, que conta unha morea de cousas en catro tomos. Conta a crise política e social europea, conta o que supón ser artista a día de hoxe, os medos. De feito, hai un momento do cómic no que o protagonista está desolado pola morte do seu pai, que tiña alzheimer, e suicídase. E está desolado porque descobre unha parte do pai moi sensíbel que non acaba de entender, e aí é cando lle dí a súa parella que pasamos a vida mendigando grandes sentimentos cando, en realidade, as cousas nas que temos que fixarnos non son as que temos que estar mendigando. E isto que, contado así, é un tópico, foi un antes e un despois. Nas cancións hai bastante de cinema, pero non diría que de forma tan obvia, e tamén diría que hai algo de poesía».

© Antía Saa

Esa realidade enganosa é o leitmotiv que mellor engloba o concepto de todas as cancións dun disco sobre o que, ao principio, Lucas pensaba que lle estaba saíndo bastante costumista. Pero, tal como lembra o propio Lucas: «Un día, Tomás, o guitarrista, colleume e díxome “amigo, isto non é un disco costumista, senón un disco bastante existencialista”. E pensei que tiña toda a razón do mundo. Todas estas cancións reflexionan sobre o que supón ser unha persoa moza nos tempos que corren, pertencer a esta xeración e non comungar con moitas das cousas que vemos ao noso redor, pero que forman parte do noso día a día. A realidade enganosa son as conversas que temos no whatsapp que poden ser malinterpretadas ou esa mensaxe que nunca acaba de chegar. Todo iso».

Máis aló desta necesidade expresiva, a música de A Realidade Enganosa remite a grupos tan melancolicamente nortean de Inglaterra coma These New Puritans e mesmo aos últimos Talk Talk. É coma se houbese un paralelismo entre eses sentimentos xeográficos con Galiza, sobre os que Lucas traza paralelismos que afondan na cosmoloxía trip-hop da primeira metade dos anos noventa. «Unha das cousas que pensei moitas veces é que o son de Néboa é un pop bastante atlántico. Identifícome con moitos grupos de Bristol que para min son ídolos. Mesmo álbumes de Tricky que están deostados e a min parécenme incribles, coma o último Portishead ou Massive Attack, que para min foron cruciais. De verdade que a Portishead nunca lle atoparás unha canción alegre. En Galiza o mar sempre está a romper na costa e non é doado ter motivos para estar contentos».

Os diferentes crucamentos temporais e estilísticos que tecen este traballo fan del un tesouro que o cerebro detrás de Raso., Alan Queipo, soubo ver á hora de apoiar a traxectoria dun grupo que se embarca na súa Arca de Noé atlántica de grupos conectados coa necesidade de perder o medo a amosar as posibilidades de metamorfosear a tradición musical galega. Neste sentido, Sandra explica que «é verdade que dende que estamos con Raso. é máis doado moverse, estar na radio. Antes era imposíbel».

Precisamente, é a existencia de elepés coma este son os que subliñan a existencia, na actualidade, dunha poderosa xeración musical galega, aínda que Lucas apunta que «non creo que se deixase nunca de facer boa música en Galiza en décadas anteriores. O que si que houbo, e gran parte do mérito é de Hevi, que é a gran figura contracultural de Galiza, foi unha recapacitación de que realmente non tíñamos que encollernos ante a escena da música catalá ou madrileña. Non temos nada que facer contra a súa industria. Eu, por exemplo, son un gran fan de Rockdelux. Compreina durante anos e vexo que se unha escena ten tanto poder é porque non lle faltan medios. Ten a súa revista, ten o seu festival. Nós non podemos competir contra iso, pero o que si temos é artistas con moita calidade, hai a dar por saco. O que non temos é unha escena entre nós. Por exemplo, case todos os concertos están concentrados no verán. O que si hai é unha xeración sen complexos. Iso si que o hai».

 

Marcos Blanco Gendre

Marcos Blanco Gendre

Xornalista anti postureos, non son "the voice of my generation"… nin gañas que teño.

Tamén che interesa

  • Néboa presenta o seu novo videoclip poñéndolle música a Valente

    O quinteto 'Néboa' avanza o seu primeiro LP, que sairá a finais deste ano, con "Valente (folión)", un tema de ecos místicos e minimalistas que desde o pop alternativo traza unha liña entre o folk galego e as marimbas africanas. Todo isto, poñéndolle música a versos do falecido poeta ourensán José Ángel Valente. Na nota de lanzamento falan do elo perdido entre Radiohead, Vainica Doble e a música tradicional galega: xulguemos se é así mentres nos deixamos hipnotizar pole música e pola danza da actriz Mariña López Varela neste videoclip que dirixe Adras M. Cedrón.

  • Vinte cancións para os últimos vinte anos

    Que son tamén os primeiros 20 deste século, por iso é unha listaxe significativa. Alá vai unha quinta parte do XXI e, igual que fixemos o ano pasado cos libros, este ano quixemos facer unha consulta sobre cales foron os vinte mellores temas musicais en galego publicados entre o 2001 e o 2020. Preguntámoslles a 20 mulleres e 20 homes que se dedicaron nestas dúas décadas ao xornalismo ou difusión musical en Galicia. Velaquí o resultado. 

    Música
  • Listas individuais: as vinte cancións que escolleu cadaquén.

    Tal e como comentabamos na peza principal deste inquérito, as escollas das 40 persoas consultadas foron moi diferentes e predominan as cancións con un ou dous votos, o cal: 1) réstalle importancia á listaxe común que fixemos das vinte máis citadas, 2) dá mostra da cantidade e diversidade que hai na música recente en galego. Aquí van as listas individuais para que cadaquén apande coa súa escolla. En total máis de catrocentas cancións. Catrocentos millóns de grazas. 

    Música

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.