Vinte cancións para os últimos vinte anos

Ilustración: Berta Dávila

 

Que son tamén os primeiros 20 deste século, por iso é unha listaxe significativa. Alá vai unha quinta parte do XXI e, igual que fixemos o ano pasado cos libros, este ano quixemos facer unha consulta sobre cales foron os vinte mellores temas musicais en galego publicados entre o 2001 e o 2020. Preguntámoslles a 20 mulleres e 20 homes que se dedicaron nestas dúas décadas ao xornalismo ou difusión musical en Galicia. Velaquí o resultado. 


Antes de desvelar a canción gañadora (podedes facer scroll ata o final de páxina se buscades spoiler, se non aguantade unha miguiña por aquí), explicaremos un pouco o método utilizado e avanzaremos algúns titulares ou conclusións. 

Quen fixo a lista?

Seleccionouse a 40 persoas procedentes do mundo da comunicación en Galicia, que traballasen fundamentalmente no eido da difusión cultural, con especial atención a xornalistas musicais e, en definitiva, xente que considerabamos con criterio e coñecemento da música feita na nosa lingua. Buscamos a paridade e tamén diversidade en canto a idade: o rango está entre boomers que naceron nos 50 e millennials dos 90. 

Alba Mancebo, Arancha Estévez, Belén Regueira, Cristina V Miranda, Irene Pin, Lucía Aldao, Lucía Pita, Mar Catarina, Mar Mato, Marga Tojo, María Yáñez, Marta Gómez, Marta Veiga, Montse Dopico, Rocío Castro, Sonia Díaz, Teresa Cuíñas, Uxía, Valeria Pereiras e Xía Arias.

Alfonso Pato, Álvaro Dosil, Carlos Pereiro (Carlangas), Cibrán Tenreiro, David Saavedra, Fernando F. Rego, Héctor Anllo, Isaac González, Javier Becerra, Luis Pardo, Marcos Blanco Gendre, Marcos Pérez Pena, Matías Tarrío, Miguel Silva Conde, Noel Feáns, Vituco Neira, Xavier Campos, Xavier Valiño, Xosé Manuel Pereiro e Xurxo Souto.


Como se fixo?

A cada unha destas persoas pedímoslles que fixeren unha lista de 20 cancións en galego publicadas entre 2001 e 2020, as vinte que considerasen que eran as mellores segundo o seu criterio. Mais sen ningún ranking individual. Xa veriamos de facer nós unha listaxe final colectiva coas vinte mellores cancións clasificadas polo número de mencións nas listas individuais. 

Cruzamos os dedos para que houbese mencións abondas e a xente non se dispersase demasiado escollendo cancións. Dispersáronse abondo: ata 426 temas en galego foron citados polos 40 enquisados, pero si que houbo bastantes títulos que se foron repetindo. 

A lista de 20 que presentamos aquí é o resultado desas repeticións: son as cancións que máis votos sumaron. Imos ordenalas de menos a máis, por franxas de número de votos acadados, e dentro dunha mesma franxa, da máis recente á máis antiga, por iso de dar preferencia por idade. 


Algúns detalles cos que quedamos despois de procesar toda esta información: 

  • A primeira década deste século deu moitas menos cancións en galego memorables que a segunda: de 426, só 114 foron publicadas entre 2001 e 2010. A produción foi crecendo cos anos, ou a nosa memoria extingüíndose. Con todo, rescátanse temas de artistas imprescindibles como Marful, Dios Ke Te Crew ou Fanny e Alexander.
  • Hai artistas que foron moi mencionados aínda que os votos se dispersaron entre o seu amplo repertorio de ‘ghits’. Pásalles a Ataque Escampe, Emilio José, Chicharrón, Verto, Xabier Díaz…  [ENGADIDO: Un lector, @uveic, fixo a partir dos nosos datos unha táboa por artistas que agradecemos inmenso, bastante reveladora.
  • E tamén sucede un pouco á inversa: cancións con varias versións que, se fundisen todas nunha, subirían varios postos na táboa. Acontece con "Festa Malandrómica", se sumamos a orixinal de Malandrómeda ou a versión de Ataque Escampe, ou con “Olvídame”, que ten versións de Leilía, Xosé Lois Romero & Aliboria (titulada “Mangüeiro”) e Baiuca.
  • Como apuntabamos, os votos foron bastante dispersos, algo de agardar cando falamos de cancións. Probablemente habería máis coincidencias se falasemos de discos. En calquera caso é ben destacar que a canción máis citada tivo 16 mencións (de 40 consultados, recordamos), e a número 20 da táboa tivo 7. De aí para abaixo hai un mundo de temas con 6, 5, 4 mencións… e 286 cancións citadas só por unha persoa. Aí é onde cobran relevancia as listaxes individuais de cada participante e a súa vontade de reivindicar temas quizais menos populares á vista do reconto.


Aquí podedes ver a táboa completa con todos os votos, cancións e participantes. 

 

E agora, o top 20. 

 

20. “Vixiantes do espello”, de Triángulo de Amor Bizarro (2020)

6 mencións

No LP que publicaron a comezos deste ano, Triángulo de amor bizarro soltaban este trallazo de canción, na súa versión en castelán, destinado a ser un ghit xeracional para bailar nos garitos. O problema é que pecharon os garitos e moitos quedamos coas ganas de bailalo. Contra xullo sacaron a versión en galego, que ata gaña en frescura e sobre todo en actitude, se atendemos á de Rodrigo Caamaño neste glorioso play-back que estrearon para o especial 25 de xullo na TVG. Xa o dixo Gayoso aquel día: son boísimos. 

 

19. “Despedida”, de Sabela (2019)

7 mencións

Despois de darse a coñecer en Operación Triunfo e de triunfar nos nosos corazóns cantando en galego nun programa de tanto alcance a nivel estatal, Sabela Ramil sacou a finais do ano pasado o seu disco de debut, titulado Despedida, coma este tema que foi o seu primeiro single e que se lanzaba cun vídeo tan hipnótico como a canción, e cunha produción a un nivel que estamos pouco afeitos a ver na música na nosa lingua. O importante: trouxo moitos novos oíntes á nosa música.

 

18. “Olvídame”, de Baiuca (feat. Aliboria) (2019)

7 mencións

O proxecto que emprendeu Alejandro Guillán (antes á fronte de Álex Casanova) en 2018 foi auténtico revulsivo: a súa fusión entre música electrónica e tradicional da man das Aliboria deu na tecla que antes outros intentaran con menos acerto, e conquistou un público cada vez máis aberto a propostas que lle dan unha lectura contemporánea á nosa tradición. Saíron varios temas de Baiuca nas listas pero este foi o máis citado. Tamén se mencionaron outras versións desta copla tradicional, como a de Xosé Lois Romero & Aliboria (2015) e unha moito anterior de Leilía (2008).

 

17. “Terra”, de Dakidarría (2011)

7 mencións

A banda o Val Miñor lanzou en 2011 todo un himno, un enérxico canto de amor ao país, cos seus distintos recunchos, e á irmandade de músicos que aparece no seu videoclip, onde podemos ver xente como Xurxo Souto (Os Diplomáticos), Vituco Neira (Ruxe Ruxe) ou García MC (DKTC) canda outros senlleiros representantes do rock en galego máis combativo.

 

16. “Ourense”, de Emilio José (2009)

7 mencións

E agora, un antihimno. O rap que Emilio José lle dedica a Ourense foi o máis citado entre o amplo repertorio do de Quins, quizais por concentrar varios dos elementos presentes na súa música (hiphop e jazz é só unha das súas mesturas posibles) e sobre todo nas súas letras, que falan da súa relación de amor-odio con lugares concretos, aínda que vén predominando o odio. Ou o fastío, máis ben. 

 

15. "Muinheira de interior", de Boyanka Kostova (2020)

8 mencións

Cando Boyanka Kostova sacaron este ano a súa “Muinheira de Interior” xa cheiraba a clásico instantáneo, e así o valoraron varias das persoas que consultamos. Cibrán e Chicho souberon coller a esencia do noso ritmo máis ascentral, transformalo nun trap e mesmo darlle unha volta ás letras tradicionais para adaptalas á etnografía do século XXI. Se esta votación fose de videoclips probablemente tamén estivesen no máis alto. 

 

14. “todos.xuntos.unidos.sempre”, de Oh! Ayatollah (2019)

8 mencións

A finais do ano pasado Oh! Ayatollah regaláronnos esta canción, que sen pretender ser unha panxoliña e moito menos un tema distópico para cantar na pandemia, converteuse nas dúas cousas en poucos meses. Este futuro que se precipitou no 2020 foi pregoado en 2019 cunha proclama clara: pase o que pase, que nos pille aquí cantando todos xuntos. 

 

13. “Ela namoroume”, de Esteban y Manuel (2017)

8 mencións

En 2017 Esteban & Manuel irromperon no panorama musical co álbum La banda sonora de tu día a día, a súa proposta de cumbia e autotune que arrasou nas pistas de baile máis exquisitas, e en especial con este seu único tema en galego, que xa entrou a formar parte dunha longa tradición de idilio entre a música galega e a latinoamericana. 

 

12. “Conversa ultramarina”, de Apenino (2014)

8 mencións

O artista pop Marco Maril (Dar Ful Ful, Hemisferio Izquierdo) levaba anos co seu proxecto en solitario Apenino cando en 2014 sacou Viravolta, un álbum que incluía por primeira vez varias cancións en galego, como esta "Conversa ultramarina”, inspirada no libro co mesmo título de Lois Pereiro. Unha homenaxe ao poeta do Incio e tamén a Suicide, con melodía sinxela, sintetizadores e caixa de ritmos low-fi para unha historia de amor demoledora. 

 

11. “Mundo verde”, de Fluzo (2010)

8 mencións

“Mundo verde” é unha destas cancións que non está en Spotify pero que pervive como tema de culto grazas en boa parte ao videoclip co que foi publicado,  que percorría en super 8 varias paisaxes do noso rural e tamén do finlandés, canda fantasías como un Spiderman cargando unha bombona de butano na Praza do Obradoiro. Non faltan imaxes do Prestige neste canto audiovisual á natureza que nos deixa unha frase lapidaria do Hevi: «Eu son feliz sendo triste». 

 

10. “Licorcafé”, de Lamatumbá (2001)

8 mencións

A canción máis antiga da lista viu a luz en 2001 pero segue sendo un clásico imprescinble das nosas festas e verbenas. O licor café, esa brebaxe que se popularizou na fin do milenio desde as tabernas ourensás aos garitos nocturnos de todo o país, xa tiña o seu himno festeiro grazas á banda máis senlleira da terra da chispa desde a Charanga do Cuco de Velle

 

9. "Festa malandrómica", de Ataque Escampe (2011)

9 mencións

Seguimos coa festa, neste caso a coa canción que seguramente reflicta mellor o espíritu da noite compostelá, ou de calquera outra, porque letra ten abonda para pintar un fresco no que todas tolean (como se menea). A poesía é do Hevi e a versión previa de Malandrómeda tamén tivo uns cantos votos nesta enquisa. Pero esta de Ataque Escampe, dándolle un ritmo pop, acabou de elevar a Festa Malandrómica a himno xeracional. Se aínda non aprendemos a letra enteira non será por falta de escoitala. 

 

8. “Déixaas”, de Mercedes Peón (2018)

10 mencións

Unha das figuras imprescindible da música galega nestas dúas décadas é Mercedes Peón, que cando lanzou Isué no ano 2000 abriu un camiño de non retorno coa súa particular lectura contemporánea da música tradicional. Pioneira de tantas cousas, o seu percorrido culmina en Déixaas cunha proposta de son telúrico, industrial e feminista que non ten imitación posible. 

 

7. "Bótalle caldo (cumbia malandra)", de Malandrómeda (2016)

10 mencións

Chegados a este punto igual temos que preguntarnos que ten a festa que tanto nos presta e tan ben representada está neste top 20. De novo o Hevi, desta vez con Malandrómeda, deixaba un ghit en forma de cumbia electrónica cun retrato en primeira persoa dun día na festa do patrón. O culto á verbena cos folclorismos xustos, as mellores bases e as máis perfectas rimas. 

 

6. “Tris tras”, de Marful (2006)

11 mencións

En 2006 Marful presentábanse co disco do mesmo nome que actualizaba ritmos de tango, jotas, ou habaneras de maneira moi sedutora grazas á gran voz e actitude de Ugia Pedreira e a calidade dos músicos que a acompañaban. Un dos ghits foi este bolero de título misterioso, “Tris tras”, que se volveu poñer de actualidade hai dous anos cando Sabela o interpretou na final de Operación Triunfo e con iso deu a coñecer este clásico ás xeracións máis novas.  

 

5. "Matriarcas", de Guadi Galego (2014)

12 mencións

Outro exemplo de voz que vén do folk para desprazarse a lugares máis contemporáneos é o de Guadi Galego, que no seu disco de 2014 Lúas de outubro e agosto inclúe esta peza, un canto feminista e intimista que reivindica as mulleres (aleitadoras, conquistadoras, activistas) como sostedoras deste país dun tal Breogán. 

 

4. "Tempestades de sal", de Ses (2014)

12 mencións

Na máis brillante das tradicións cantautoras, Ses logrou con “Tempestades de sal” construír un himno (quizais abusamos desta palabra, mais é con motivo) fermoso e reivindicativo, que emociona e anima a loitar a partes iguais. Esta actuación en directo é un exemplo da enerxía que desborda María Xosé Silvar nos seus concertos e da conexión co seu público. Este tema ademais converteuse na banda sonora de loitas como a de Defende a Galega, das traballadoras da CRTVG. 

 

3. "VHS do futuro", de Malandrómeda (2016)

13 mencións

Que o Hevi estea presente en catro das cancións deste top 20 igual nos quere dicir algo sobre a relevancia deste músico no comezo do século XXI. Hai quen pide xa para el o día das letras galegas en vida, ou quen fixo camisetas poñendo a súa cara ao lado das de Rosalía, Pondal e Curros. Con Malandrómeda conseguiu en 2016 elevar o seu talento con dous LPs publicados ao mesmo tempo que se colocaron de número un na lista de mellores discos dese ano na revista Rockdelux, o que fixo que moitas orellas se virasen para o que estaba a acontecer coa música en galego nunha das súas propostas máis persoais e modernas, coma este mambo futurista.

 

2. “Calamar”, de The Homens (2007)

14 mencións

Na segunda metade da década pasada The Homens foron unha das bandas que mellor conectou cun público novo que desexaba música en galego fóra das claves folk ou bravú habituais. Neste caso poderosas guitarras pop, melodías frescas e retrousos pegadizos, con letras ben feitas, foi o que ofreceu esta banda compostelá que hai pouco se volveu reactivar e que, como vemos, segue no corazón de moita xente cun temazo claro: Calamar. 

 

1. “Grecia”, de Das Kapital

16 mencións

E cando podía parecer que nesta lista son todo himnos e cancións festeiras, chega ao número un tema escuro que nos sitúa nos primeiros anos dez, os da crise financeira que levou á ruína a millóns de persoas e a Estados como Grecia, que Das Kapital colle como título e medida do estado de cousas. A banda formada por O Leo, Daniel Salgado e Marcos Paino xuntou punk e electrónica, versos de Lois Pereiro con música industrial e, sobre todo, un sentir colectivo de raiba e desafección permanente do que aínda non nos recuperamos. Se cadra porque nada acabou de estoupar a estas alturas. 

 

Velaquí unha playlist de Spotify con case toda as cancións deste top 20. 

María Yáñez

María Yáñez

Xornalista. Levo vinte anos traballando na rede e no audiovisual. Adoro as revistas en todos os seus formatos. Agora dirixo VINTE da man de Praza.gal.

Para explorar con máis calma

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.