Vinte libros para os últimos vinte anos

Vinte mulleres e vinte homes seleccionan os vinte mellores títulos da ficción literaria última escrita en galego

Algunhas humanas atopamos certo pracer en elaborar listas e consultar listas. As listas serven para ordear as cousas, para facer balance, para sumar, para conservar na memoria unha relación de ideas que non podemos ou non queremos esquecer. A psicoloxía di que é unha estratexia útil anotar as tarefas pendentes. Parece ser que se recollemos por escrito as actividades que temos por diante nun pedazo de papel a nosa cabeza entende que xa existe un lugar que nos recorda que esas cousas existen e deixa de mandárnolas insistentemente ao fío de pensamento ansioso. Así que as listas son depositarias da memoria e reúnen ou xuntan os versos soltos entre sí para que non se perdan. Para que os vexamos.

Existen fermosos libros de listas como o Je me suviens de George Perec que á súa vez nace do I remember de Brainard. E o Acórdome de Olalla Cociña no blogomillo. E alí tamén as listas de Estíbaliz Espinosa en Estibalizes. Existen as listas negras. Hai listas famosas referidas a case todas as cousas sobre as que ás persoas nos importa saber se somos ou se estamos ou cantos son e cantos están, como a lista de xente que máis riqueza acumula no mundo ou a lista de persoas mellor vestidas dos Oscar ou as listas de morosos.

As persoas que lemos, adicionalmente, temos certa tendencia perversa a facer listas de libros, aínda que odiemos as listas e o que significan, porque detestar o que algo comporta en sí mesmo non quere dicir que non queiramos saber. Existen un montón de listas de libros recomendados para o Nadal, para coñecer un lugar (os mellores libros sobre Nova York, os mellores libros sobre Vigo), listas de libros de novela negra, de aventuras, de literatura fantástica ou de literatura infantil. Vimos de asistir a unha proliferación de listas que acontecen en tempo de Nadal. Antes de que un ano remate, os xornais, os críticos e tamén os bookstagramers comparten as súas mellores lecturas dos meses anteriores. A chegada dos anos vinte e o remate dos anos dez provocou, ademais, que El País fixese a lista dos 100 mellores libros do século XXI ademais da lista dos mellores do ano. Tamén asistimos á lista dos mellores libros para nenas e nenos para poñer na carta dos Reis Magos. The Guardian ou BBC Culture trouxeron tamén listas sobre a literatura escrita en diferentes linguas e The New York Times elaborou, como adoita, a lista dos mellores libros do 2019 escritos en inglés. Repito: algúns humanos atopamos certo pracer en elaborar listas e consultar listas. E parece evidente que os humanos que lemos máis aínda. 

La Voz de Galicia pediulles a algúns libreiros galegos que seleccionasen os mellores libros deste ano 2019 que remata e destacaron os tamén eloxiados pola crítica e o lectorado Un Lume azul e Beleza Vermella, de Pedro Feijoo e Arantza Portabales, entre un conxunto de libros en castelán que ascende a máis de vinte títulos. A importancia de que non se nomeen apenas libros escritos en galego nos xornais de Galicia non é menor, porque se nin sequera entran no imaxinario do posible para o lector de listas, dificilmente formarán parte do debate sobre o que se escribe. Do mesmo xeito, non saberemos se o libro galego pode ou non pode competir en atención co libro escrito en castelán mentres estea relegado ao soto da libraría, fóra do escaparate, fóra do mostrador ou mentres a libreira coloque nas mans da lectora que pediu un título sen dicir en que idioma o quería a edición en castelán dese mesmo título, dando por sentada a preferencia. Mentres nós mesmas deamos por sentado, en xeral, a preferencia, e asumamos que escribimos libros en galego para un tipo de público concreto que nos escolle de maneira militante, por vez de inscribirnos, desde o noso, no universal. As listas serven tamén, e moitas veces, para excluír. O que non se nomea fica, se cadra, na marxe do invisible. É innegable. 

Mais non é o obxectivo desta lista. O obxectivo, se hai algún, é revisitar o que se escribiu en Galicia nestes últimos vinte anos, xerar debate, confrontar o que pensamos co que pensan outras persoas, falar de libros, en definitiva. Para iso, pedímoslles a vinte homes e vinte mulleres que gardan relación de diferentes maneiras co ámbito do libro que nos axudasen a compoñer unha lista de vinte libros para VINTE. Cada participante elaborou a súa proposta de vinte títulos favoritos entre o publicado desde o ano 2000 ata o 2019, é dicir, nos vinte primeiros anos dous mil. Lembramos desde aquí a todo aquel que teña a ben lembrarnos que a próxima década comeza no 2021 que xa o sabemos, mais entendemos que os anos vinte comezan no ano vinte e que os anos dous mil comezan no dous mil, aínda que non se correspondan co comezo do milenio e da década. Pedíuselles a estas persoas especificamente que a súa lista fose persoal e sen cortapisas e que fose, sobre todo, o que cada quen considerase o favorito, o máis salientable, do publicado no marco da literatura de ficción desde o ano 2000 ata o 2019 co galego como lingua orixinal. Isto inclué poesía, narrativa e teatro, non así ensaio e tradución. A consigna fundamental foi que tratasen de poñerse na situación de ter que seleccionar vinte títulos para meter nunha cápsula estanca e que unha civilización futura teña unha idea do que foi o mellor da ficción literaria galega destes últimos vinte anos.

Esta consulta ten, daquela, un aspecto principalmente lúdico e curioso, sen renunciar á procura dunha representación equitativa de participantes. Para iso procuramos que estivesen representadas persoas que se ubican en diferentes espazos, desde a lectura (nada tería sentido de todo isto sen as lectoras apaixonadas que aínda quedan) ata a edición, pasando pola escrita en diferentes xéneros, a tradución, a crítica divulgativa, a crítica académica ou as institucións relacionadas coa lingua e a literatura. Do mesmo xeito, a idade das persoas que participan é tamén variada, e ademais de vinte homes e vinte mulleres, establecéronse tres grupos de idade: persoas nacidas antes de 1970, persoas nacidas entre 1971 e 1980 e persoas nacidas a partir de 1981. Foi necesario consultar 67 persoas en total para chegar ás vinte mulleres e os vinte homes que aceptaron participar. Os nomes desas persoas, as súas datas de nacemento e as listas que elaboraron poden consultarse no documento de listas individuais e na galería de listas. 

A consigna fundamental foi que tratasen de poñerse na situación de ter que seleccionar vinte títulos para meter nunha cápsula estanca e que unha civilización futura teña unha idea do que foi o mellor da ficción literaria galega destes últimos vinte anos.

Se cadra o máis interesante de toda esta reportaxe sería contar o proceso, as dúbidas e as consideracións de todas estas persoas mentres elaboraban as súas listas. O comentario máis repetido foi que, inevitablemente, sentiron que era unha selección pouco xusta cos títulos que quedaban fóra. Porén, tamén xurdiu, en varias ocasións, a idea inversa: que vinte títulos son moitos títulos. E aínda que resulte contradictorio, as dúas cousas poden confluír ben. Algunhas persoas contaron que lles foi doado escoller media ducia de títulos pero que, unha vez subiron de dez ou quince libros, tiveron dificultades para decidir por que si incluír un libro no posto décimo noveno e deixar outro fóra no vixésimo primeiro, non habendo unha diferencia substancial na súa percepción destes dous libros. Semella evidente que o problema de seleccionar é sempre ese, a fronteira entre o que fica dentro ou fóra e que este é, polo tanto, un problema inherente a calquera selección. Tamén por iso, non deberiamos tomar esta lista como o que non é. Pensamos que as lecturas dunhas persoas se complementan con outras distintas e que, ao cabo, todo isto non deixa de ser un xogo.

Houbo tamén dúbidas sobre algúns libros publicados nos últimos anos que foron considerados por varias persoas o mellor do publicado neste tempo pero que non podían, por diferentes razóns relativas ás normas da proposta, ser incluídos en listas. É o caso de volumes que recollen obra completa, como a de Vidal Bolaño ou a de Xela Arias porque, aínda que foron publicados no marco temporal que propoñemos, recollen fundamentalmente obra escrita con anterioridade e xuntan, ademais, a produción completa dun autor, polo que non serve para establecer unha comparativa razoable con obras concretas en singular. Tampouco se considerou oportuno nin necesario xerarquizar as lecturas por orde de preferencia, senón soamente por ano de publicación. A lista que segue é a dos vinte títulos que acumulan un maior número de mencións por parte das corenta persoas participantes. O número total de libros nomeado foi de 366, o que denota, en boa medida, a diversidade das persoas que os nomearon. 

 

Vinte libros para os últimos vinte anos

Tempo fósil, de Pilar Pallarés, Os libros arden mal de Manuel Rivas e Limpeza de sangue de Rubén Ruibal, foron escollidos como os tres mellores libros de poesía, narrativa e teatro, respectivamente, dos anos dous mil. Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas, o mellor libro de LIX. Esta é a lista completa, ordeada por ano de publicación, dos vinte títulos máis repetidos de todos os xéneros, acompañados dunha breve descrición baseada na presentación editorial coa que foron publicados.

2000 m-talá, de Chus Pato

Chus Pato achéganos, a través de m-Talá, unha proposta poética inovadora, que rompe co poema tradicional e atenta contra o eu lírico. m-Talá é un libro postmoderno, que se achega a outros xéneros para incorporalos, e o poema defínese pola capacidade de asignificar e asumir dentro de si todos os significados posibles. m-Talá constrúe a súa propia linguaxe, desde a que fala e sobre a que reflexiona.

2000: As rulas de Bakunin, Antón Riveiro Coello

As rulas de Bakunin nace do gromo da sensibilidade dos derrotados e os perdedores. Antón Riveiro Coello fai con esta novela un acto restitutorio e tamén de rebeldía na recuperación da memoria dos heroes silenciados, representados na figura de Camilio Sabio Doldán, un vello anarquista case centenario que viviu a guerra, o cárcere e o exilio.

2001: O sol do verán, Carlos Casares

A novela póstuma de Carlos Casares, publicada uns meses despois da súa morte, conta a historia de Carlos e Helena, e foi descrita como unha historia de amor e morte, un canto melancólico á beleza, á xuventude e á plenitude da vida e da memoria.

2003: O libro da egoísta, Yolanda Castaño

Descrito como distinto aos que Yolanda Castaño ofrecera antes, un punto e á parte na súa obra, e calificado de atípico pola propia autora, o libro da egoísta é un retrato ou busca interior que é tamén simulación, labirinto, retratos e rostros múltiples, tantos coma mulleres e seres humanos hai, tantos coma lectores.

2005: Herba moura, Teresa Moure

Gañadora do Premio Xerais 2005, a novela lévanos da man dun personaxe contemporáneo chamado Einés Andrade, ao século XVII, onde nos atopamos coa figura dun Descartes humano e fráxil e, sobre todo, coa figura de dúas mulleres: a raíña Christina de Suecia e Hélène Jans, unha entrañable meiga residente en Amsterdam. Unha novela que deita unha ollada crítica sobre o devir das mulleres na historia, dándolles voz e recuperándoa para elas.

2006 Os libros arden mal, de Manuel Rivas

Novela na que as vidas dos libros, as persoas e a linguaxe se cruzan e entrelazan nun relato de suspense que abrangue desde o século XIX ata o tempo actual, e na que un universo de voces insólitas constrúen a memoria colectiva dun tempo que rodea os acontecementos de agosto do ano 36.

2007 O único que queda é o amor, Agustín Fernández Paz

Por esta libro de relatos Agustín Fernández Paz obtivo o Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil no ano 2008. Unha obra composta por dez pezas protagonizadas por personaxes que experimentan o amor en diferentes formas, unidos todos eles por fíos sutís.

2009 Circe ou o pracer do azul, Begoña Caamaño

Unha muller leva once anos agardando polo retorno do seu home. Cando comeza a temer a probable morte do marido, recibe a carta dunha estraña que lle revela que o seu home vive con ela un romance apaixonado. A partir de aí vaise tecendo unha relación epistolar entre as dúas. O que nunca se contou da historia de Penélope e Circe, un dos mitos centrais da cultura europea.

2011 Laura no deserto, Antón Riveiro Coello

As historias de Diana, que na Barcelona de 1982 atopa unha carta onde se descobre un pasado familiar ata daquela agochado; a dos últimos días da vida dun intelectual en Compostela, que lega ao seu fillo un enigma aínda non resolto; os intentos de Bob, un fotógrafo retirado de Brooklyn, por salvar a Bernie, un amigo que probou o suicidio, e a historia do destino ignoto dunha muller que se debate por conservar os últimos gromos da memoria.

2012 Morgana en Esmelle, Begoña Caamaño

Begoña Caamaño propón unha ollada diferente sobre o mundo artúrico e a Terra de Miranda. A chegada de Morgana racha a aparente serenidade coa que Merlín vive na fraga de Esmelle. A novela constrúe unha reflexión en torno á responsabilidade de asumir as consecuencias non desexadas de cada un dos nosos actos. Un debate sobre a necesidade de adoptar compromisos incómodos e implicarse nos momentos históricos.

2013 O derradeiro libro de Emma Olsen, Berta Dávila

A escritora Emma Olsen, afectada por unha enfermidade terminal, decide dedicar o tempo que lle queda a rematar unha novela que revela misterios moito tempo soterrados que afectan a varios dos habitantes de Faith, a pequena cidade perdida do Medio Oeste norteamericano na que naceu, un lugar no que semella non acontecer nada interesante nunca, mais que garda un universo de mentiras e conflitos.

2015 O deserto, María do Cebreiro

O libro propón un diálogo literario e plástico co xénero medieval dos devocionarios e dos Libros de horas. O exercicio de versionado do modelo histórico dos libros de meditación permitiu operar dun xeito libre e creativo cos referentes relixiosos orixinais, de xeito que estes non determinan o sentido da lectura nin orientan a interpretación xeral da obra. Grazas ao traballo gráfico de NUMAX, o resultado final percíbese o propósito estético e meditativo do propio libro e das imaxes nel empregadas.

2014 Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas

Como Román Casas quería ser un auténtico chef, pediulle aos seus pais un curso de cociña para o seu décimo aniversario, que coincide co Día de Defuntos, a festa dos mortos, e recibe un cadaleito acompañado dun sobre negro con instrucións para activar a Escarlatina, unha cociñeira falecida no século XIX que nunca se separa de Lady Horreur, un arrepiante arañón con acento francés. A novela coa que Ledicia Costas gañou o Premio Merlín, e  o Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil.

2015 Seique, Susana Sánchez Aríns

A presentación editorial do libro indícanos que non é un poemario, nin unha novela nin un ensaio nin unha investigación histórica aínda que recolle algunha cousa de cada un destes xéneros para construír unha historia de vida anónima que é a base para propoñer unha reflexión sobre a desmemoria e as maneiras de construír a historia.

2015 Cabalos e lobos, Fran P. Lorenzo

Vigo. Setembro de 1972. Paula acaba de atravesar unha cidade tomada pola policía franquista e colapsada pola folga. Na súa casa, no alto do edificio de Gran Vía nº 2, agárdaa unha revelación. Ten quince anos e acaba de decatarse de que non coñece a súa nai, a herdeira dunha influente estirpe de empresarios alemáns asentados no porto vigués a finais da I Guerra Mundial. O que ela descobre esa tarde é o primeiro segredo dunha rede de mentiras e silencios que, xa no presente, se verá obrigada a destecer para o seu fillo. 

2017 Camuflaxe, Lupe Gómez

En palabras de Ramón Nicolás, neste poemario, co que Lupe Gómez gañou o Premio da Crítica Española, “a autora recrea motivos xa presentes na súa obra literaria coñecida até o de agora -véxase o vagoroso desaparecimento da cultura do rural galego ou aquilo que poderiamos denominar como o peso do telúrico (…) mais introduce outros novos referentes, mantendo sempre a rotundidade, o vigor e a emoción dos seus poemas, quer sexa a través de imaxes visionarias, quer a través de pequenos textos de filiación narrativa ou de sentenzas case inapelables e sempre sorprendentes”

2018 Besta do seu sangue, Emma Pedreira

Gañadora do premio Xerais, a novela relata unha historia inspirada na figura e no mito de Blanco Romasanta desde unha visión que propugna unha revisión de xénero. Disposta como un conxunto fluído de microunidades narrativas, na novela conviven os rexistros culto e coloquial para vencellar as voces partícipes da historia e da creación do mito nacido arredor da persoa que foi considerada a primeira asasina en serie da nosa historia. A obra supón unha proposta transgresora e fragmentaria que se caracteriza por esa multiplicidade de voces, polo seu esencialismo narrativo e por exhibir diversos rexistros para abordar o tema da licantropía desde unha perspectiva de xénero.

2018 Tempo fósil, Pilar Pallarés

En palabras de Emma Pedreira, “ achega con este quinto poemario unha voz nova que se suma á das perdas. Poemarios sobre casas matriciais que se pechan para sempre, locus amoenus vetados para un regreso, pedras que caeron e xa nunca volverán situarse na postura inicial que acolleu os berces. Esa pertenza á terra que nos recolleu os líquidos íntimos que se mesturan coa estirpe que agora a habita desde abaixo e a imposibilidade da volta é o eixo dos fondos versos da memoria do Tempo fósil de Pallarés, unha voz máis que referencial na nosa poesía”

2019 Feliz Idade, Olga Novo

Versos dun presente puro e esperanzado que tenden pontes interxeracionais, entre pasado e futuro. Neta, filla e nai recreando -con lume libertario- un mundo rural, telúrico e ancorado na patria

2019 Carrusel, Berta Dávila

Galardoada co XXXI Premio Manuel García Barros de novela, a novela relata desde a ollada autoficcional o percurso vital dunha escritora en crise afectada por unha doenza mental así como a relación coa súa historia familiar.

 

O teito de cristal


Como xa indicamos, o número total de libros nomeados foi de 366, mentres que o número de libros que recibiron máis dunha mención (é dicir, que máis dunha persoa os considerou como o mellor do publicado nos últimos vinte anos) é de 125, un número suficientemente amplo pero tamén o bastente pequeno para resultar accesible no propósito de comezar, aos poucos, unha biblioteca de literatura galega última. 

Dentro desta variedade de títulos, é ineludible deitar unha ollada reflexiva sobre o feito de que 201 libros propostos foron escritos por homes e 169 por mulleres, o que denota a pervivencia dun teito de cristal para os libros escritos por mulleres. Isto non quere dicir que non haxa escritoras que sexan visibles como tampouco o feito de que haxa un menor número de mulleres que resultan premiadas en certames literarios significa que non haxa mulleres premiadas en certames literarios aínda que adoite empregarse esta afirmación obvia como argumento para contradicir o que, con frecuencia, indican os datos. O que quere dicir é que, aínda cando existe paridade de xénero entre as persoas encargadas de escoller libros, os libros escritos por mulleres son escollidos un 10% menos que os escritos por homes. As obras de autoría colectiva mixta foron sumadas a ambos grupos. 

Cando as escollas son elaboradas só por mulleres de todas as idades, os libros escritos por mulleres seleccionados son un 52% do total, e os escritos por homes un 48%. Non é igual se observamos o resultado dunha lista elaborada só por homes de todas as idades, que escollen un 60% de obras escritas por homes e un 40% de obras escritas por mulleres e só no caso dos homes nacidos a partir de 1980 a porcentaxe de obras escritas por homes e por mulleres é similar. Isto ocorre así a pesar de que non todos os homes (#notallmen, non era?) fan escollas non paritarias. 

Cómpre, polo tanto, reflexionar sobre a importancia de que as mulleres estean representadas entre as persoas que teñen postos de poder e responsabilidade no mundo do libro (as persoas que, en definitiva, toman decisións), un mundo onde as lectoras, base de todo, son moitas máis que os lectores. Á luz dos datos que ofrece esta consulta, semella que as mulleres e as persoas novas toman decisións máis ecuánimes. Se ben é certo que a mostra é escueta, e que a diferencia entre obras escritas por homes e mulleres é pequena en números absolutos, e tamén que as conclusións non son extrapolables, tamén o é que case sempre escoran, con maior ou menor marxe, cara o mesmo lado. E non parece casual.

No 2017 un 73% das obras publicadas en Galicia foron escritas por homes fronte ao 27% escritas por mulleres. Se confrontamos estes valores coas porcentaxes resultantes da nosa lista global elaborada coas achegas de vinte homes e vinte mulleres, obtemos que hai unha disparidade notable entre o que se publica e o que se escolle como mellor.

Cómpre tamén facer unha análise comparativa destes datos cos datos de publicación. Para isto acudimos ao Informe de Literatura do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. O último accesible, o de 2017, recolle os datos de todo o publicado ese ano en Galicia e ofrece estatísticas ao respecto de obras escritas por homes e mulleres, así como estatísticas sobre os xéneros literarios máis e menos publicados. Acudimos a este último informe porque non temos coñecemento de datos de publicación de ficción literaria galega que se ocupen por completo dos vinte anos aos que nos referimos. A comparativa, polo tanto, é válida soamente de forma orientativa. Os Informes de Literatura do CRPIH referen as diferencias por xénero unicamente desde o 2006, polo que seleccionamos o 2017 como marco de comparación por se tratar do dato máis achegado ao momento no que as persoas participantes elaboraron, para VINTE, as súas escollas.

O Informe de Literatura reflicte, así, que no 2017 un 73% das obras publicadas en Galicia foron escritas por homes fronte ao 27% escritas por mulleres. Se confrontamos estes valores coas porcentaxes resultantes da nosa lista global elaborada coas achegas de vinte homes e vinte mulleres, obtemos que hai unha disparidade notable entre o que se publica e o que se escolle como mellor. Nese sentido, un 55% de obras escritas por homes e un 45% de obras escritas por mulleres forman os mellores libros escritos nestes anos a xuízo das persoas consultadas. As mulleres publican moitos menos libros que os homes a pesar de que os libros escritos por mulleres son considerados igualmente excelentes cando os xulga un grupo de mulleres, e case igual de excelentes cando o grupo que os xulga está formado por tantos homes coma mulleres.

 

Algunhas outras listas posibles

Na hora de elaborar este traballo, observamos que hai autoras e autores destacados en número de mencións persoais ás súas diferentes obras que non figuran na lista de vinte ou que figuran en menor proporción á representación verdadeira da súa escrita entre as predileccións das persoas participantes neste proxecto. Semella que escoller libros e non autores e autoras diminúe a presencia de quen publicou máis de dúas obras, ou de quen publicou tres ou catro obras que son excelentes a xuízo das persoas participantes, ao competiren as súas propias obras entre si. E aínda que non tería por que ser desta maneira, xa que as instrucións permitían colocar na lista varias obras escritas pola mesma persoa, o certo é que a meirande parte das listas individuais resolveron o conflito que supón deixar libros queridos fóra nomeando un só libro de cada autor ou autora. Ocorre así no caso de Anxos Sumai, nomeada ata en dez ocasións polos seus libros Anxos de garda, Así nacen as baleas e A lúa da colleita. Con oito mencións para o seu libro máis nomeado, Ledicia Costas é nomeada en vinte e cinco ocasións por Escarlatina, a cociñeira defunta, O corazón de Xúpiter, Jules verne e a vida secreta das mulleres planta, A señorita Bubble, Infamia, Un animal chamado néboa e A balada dos unicornios. É tamén o caso de María Reimóndez, nomeada en dez ocasións por catro libros:  A dúbida, O club da calceta, Moda galega e En vías de extinción. Do mesmo xeito Diego Ameixeiras recibe sete mencións en total como autor, e casualmente unha a cada unha das sete obras que publicou neste tempo: Dime algo sucio, Tres segundos de memoria, A crueldade de abril, Matarte lentamente, A noite enriba, Asasinato no consello nacional e Conduce rápido. Algo que lle ocorre, de igual forma, a Chus Pato, nomeada en dezaoito ocasións por seis dos seus libros e que xunto a Pilar Pallarés (dezaseis veces nomeada) é a poeta que máis veces aparece nas listas. Acontécelles o mesmo a Xabier P. Docampo (once veces mencionado), Rosa Aneiros (doce), Eli Ríos (seis), Marilar Aleixandre (seis). Outras persoas coma Alberto Ramos, Fina Casalderrey, Helena Villar Janeiro, Inma López Silva, Antonio García Teijeiro, Luz Pozo Garza, Cesáreo Sánchez Iglesias ou Manuel Lourenzo son tamén nomeadas en varias ocasións por varias obras difentes que compiten entre si.

 

Xéneros literarios e escollas

Adicionalmente, xéneros que teñen unha menor visibilidade e un menor número de lectores, como o teatro ou a poesía, reciben globalmente menos mencións. Nese sentido, do número total de obras mencionadas (366), un total de 193 foron de narrativa, 149 de poesía e 24 de teatro. Entre elas, hai 51 títulos de LIX. Poderíamos pensar que este reparto garda certo paralelismo co que se publica en cada xénero e considerar, nese sentido, que é razoable que se nomeen máis libros de narrativa dado que de narrativa se publican máis títulos e estes véndense máis que os libros de poesía e teatro. Porén, a diferencia en presencia neste grupo de escollas entre poesía e narrativa non é paralela á do mercado. Se acudimos, de novo, ao Informe de Literatura do CRPIH de 2017, que nos serviu anteriormente de marco comparativo, atopamos que o 77% de obras son de narrativa, fronte ao 22% de obras de poesía e o 1% de teatro. No total de libros nomeados para VINTE, en cambio, o 52% foron obras de narrativa, o 40% de poesía e o 8% de teatro. A poesía e o teatro, daquela, e de xeito acusado no caso da poesía, son xéneros que reciben unha valoración moi superior á porcentaxe que representan no total de obras publicadas por xéneros. Do mesmo xeito, a LIX que no 2017 representou un 24% do publicado en Galicia, na lista de VINTE conforma un 14% das escollas, o que denota que continúa a existir unha valoración da mesma inferior á súa representación porcentual en obra total publicada, en vendas e en premios internacionais, nos que é abondosamente recoñecida.

As listas que seguen expoñen os vinte mellores títulos seleccionados por xéneros e foron ordeadas por número de mencións ata chegar a vinte títulos, incluíndo tamén os títulos que empatan en número de mencións no derradeiro posto. As listas de LIX e de teatro compuxéronse da mesma maneira, incluíndo os libros que acadaron un mínimo de consenso ao recibiren, cando menos, máis dunha mención.
 

Poesía

2018 Tempo fósil, Pilar Pallarés (13)

2017 Camuflaxe, Lupe Gómez (12)

2015 O deserto, María do Cebreiro (11)

2000 m-talá, Chus Pato (8)

2019 Feliz Idade, Olga Novo (8)

2003 O libro da egoísta, Yolanda Castaño (7)

2017 Lumes, Ismael Ramos (6)

2004 A cousa vermella, Olga Novo (6)

2002 Intempériome, Xela Arias (6)

2010 Estremas, Ana Romaní (6)

2012 Os ángulos da brasa, Manuel Álvarez Torneiro (6)

2017 Celebración, Gonzalo Hermo (5)

2011 Cráter, Olga Novo (5)

2009 Secesión, Chus Pato (4)

2019 Atlas, Alba Cid (4)

2009 Profundidade de campo, Yolanda Castaño (4)

2018 Todo isto antes era noite, Lucía Aldao (3)

2009 O pouso do fume, Dores Tembrás (3)

2013 Cativa en su lughar/casa pechada, Luz Pichel (3)

2003 (Cito), Emma Couceiro (3)

2005 Contra Maquieiro, X.L. Méndez Ferrín (3)

2014 Memorial e danza, Francisco Cortegoso (3)

2011 Leopardo son, Pilar Pallarés (3)

2004 En concreto, Luísa Villalta (3)

2014 A segunda lingua, Yolanda Castaño (3)

2011 Crac, Gonzalo Hermo (3)

2016 Cervatos, Lucía Novas (3)

 

Narrativa

2006 Os libros arden mal, Manuel Rivas (17)

2005 Herba moura, Teresa Moure (16)

2019 Carrusel, Berta Dávila (15)

2015 Seique, Susana S. Arins (14)

2012 Morgana en Esmelle, Begoña Caamaño (13)

2014 Escarlatina a cociñeira defunta, Ledicia Costas (12)

2013 O derradeiro libro de Emma Olsen, Berta Dávila (12)

2007 O único que queda é o amor, Agustín Fernández Paz (9)

2001 O sol do verán, Carlos Casares (8)

2018 Besta do seu sangue, Emma Pedreira (8)

2009 Circe ou o pracer do azul, Begoña Caamaño (8)

2015 Cabalos e lobos, Fran P. Lorenzo (8)

2011 Laura no deserto, Antón Riveiro Coello (8)

2000 As rulas de Bakunin, Antón Riveiro Coello (8)

2002 Resistencia, Rosa Aneiros (6)

2014 A viaxe de Gagarin, Agustín Fernández Paz (6)

2017 A nena do abrigo de astracán, Xabier P. Docampo (6)

2016 A dúbida, María Reimóndez (5)

2008 O libro das viaxes imaxinarias, Xabier P. Docampo (5)

2006 Home sen nome, Suso de Toro (5)

2008 Festina lente, Marcos Calveiro (5)

2019 Infamia, Ledicia Costas (5)

 

Teatro

2006 Limpeza de sangue, Rubén Ruibal (5)

2019 Eroski Paraíso, Chévere (4)

2009 A piragua, Cándido Pazó (3)

2001 Mar revolto, Roberto Vidal Bolaño (2)

2006 Final de película, Gustavo Pernas (2)

2007 Unha primavera para Aldara, Teresa Moure (2)

 

LIX

2014 Escarlatina, a cociñeira defunta, Ledicia Costas (12)

2001 O único que queda é o amor, Agustín Fernández Paz (9)

2010 O pintor do sombreiro de malvas, Marcos Calveiro (4)

2008 A cabeza da medusa, Marilar Aleixandre (4)

2017 22 segundos, Eva Mejuto (3)

2011 Non hai noite tan longa, Agustín Fernández Paz (3)

2000 Aire negro, Agustín Fernández Paz (3)

2017 Poemar o mar, Antonio García Teijeiro (2)

2002 Amar e outros verbos, Ana María Fernández (2)

2018 O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, Antonio M. Fraga (2)

2009 De como o santo dos croques se fai peregrino, Pepe Carballude (2)

2009 Chamádeme Simbad, Francisco Castro (2)

2018 As voces da auga, Ánxela Gracián (2)

2009 Ás de bolboreta, Rosa Aneiros (2)

2018 A balada dos unicornios, Ledicia Costas (2)

 

O pracer de ler é dobre cando se comparte 

Este traballo pretende ser unha ollada sobre o que escribimos que nos permita conversar, estar de acordo ou non co que opina un grupo de persoas que ofreceron, de boa fe e desinteresadamente, unha lista de libros queridos que nun momento determinado lembraron como favoritos. Poderían ser tamén outros, pero estes si, dixeron algunhas persoas. Mañá quitaría tres e engadiría outros diferentes, comentaron tamén. Para todas elas vai un agradecemento profundo por abriren as portas da súa bliblioteca e pronunciarse para participar do xogo. O pracer de ler é dobre cando se comparte. Díxoo Katherine Mansfield.

 

 

Participaron na consulta: 

Iria Pedreira (1991), Alba Cid (1989), Lara Dopazo (1985), Iria Misa (1983), Montse Pena Presas (1981), Inma López Silva (1978), Emma Pedreira (1978), Patricia A. Janeiro (1978), Laura Rodríguez (1976), María Reimóndez (1975), Susana S. Aríns (1974), Isabel Mociño (1974), Pilar Ponte (1969), María Xesús Nogueira (1968), Rexina Vega (1966), Pilar García Rego (1966), Dolores Vilavedra (1963), Paz Raña (1958), Blanca Ana Roig Rechou (1949), Marilar Aleixandre (1947).

Ismael Ramos (1994), Xacobe Pato (1987), Gonzalo Hermo (1987), Samuel Solleiro (1982), Daniel Salgado (1981), Carlos Callón (1978), Mario Regueira (1979), Kiko da Silva (1979), David Cortizo (1978), César Lorenzo Gil (1977), Moisés Barcia (1971), Armando Requeixo (1971), Ramón Rozas (1971), Carlos Negro (1970), Ramón Nicolás (1966), Francisco Castro (1966), Manuel Bragado (1959), Manuel Forcadela (1958), Antonio García Teijeiro (1952), Cesáreo Sánchez Iglesias (1951).

Consulta aquí as listas individuais de cada persoa consultada. 

María Yáñez

María Yáñez

Xornalista. Levo vinte anos traballando na rede e no audiovisual. Adoro as revistas en todos os seus formatos. Agora dirixo VINTE da man de Praza.gal.

Berta Dávila

Berta Dávila

Santiago de Compostela, 1987. É novelista e poeta. É autora de poemarios como Raíz da fenda (Xerais, 2013) e de novelas como O derradeiro libro de Emma Olsen (Galaxia, 2014) ou Carrusel (Galaxia, 2019), polo que recibiu o Premio da Crítica española. O seu último traballo é Illa Decepción (Galaxia 2020), Premio de Narrativa Breve Repsol.

Relacionado

  • Listas individuais. Os 20 libros que cadaquén escolleu

    Na enquisa para determinar os vinte mellores libros dos primeiros vinte anos do século participaron vinte mulleres e vinte homes, todos ligados ao mundo da literatura (autores, editoras, críticas, tradutores, lectoras). Aquí podemos ver os 20 títulos que escolleu individualmente cada un. 


     

    Literatura

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.