A semana pasada publicouse ‘Estrelas no chan’, primeiro LP do grupo vigués Tulip, que integran Óscar Raña (Dois) e Marta González (Wild Balbina). Este debut maxistral marca un antes e un despois na rama tan trillada do indie pop de hoxe en día feito na península. Dez cancións de pura fibra emocional, heteroxéneas e ricas na súa propia diversidade, e sobre todo, autónomas.
Maxia ao cubo para un álbum froito dun traballo que vai máis aló da mera recolección de referentes pop, aos que chegan a desafiar no cara a cara. Pero como nace Tulip?
«Pois aínda que nos parecera menos tempo, cumprimos cinco anos como formación este ano», contestan eles. «O proxecto naceu entre os dous, o primeiro ano simplemente pasabámonos ideas de temas como audios de whatsapp e ensaiabamos nun faiado cos medios de andar pola casa. Aínda así, sen ter moi claro ata onde ía a ir todo nun principio, gozamos moito da composición deses prototemas e andabamos con ilusión co que empezaba a saír. Despois dese tempo falamos con Nico (Fantasmage/Selvática) e Miguel (Mvnich/Wild Balbina) para converternos nun grupo dos de verdade.
Ao completar e finalizar as cancións xa como grupo, gravamos o noso primeiro EP con Miguel, publicámolo no 2018 e presentámolo ao concurso de maquetas Autoplacer dese ano, coa sorte de acabar gañándoo. Iso deu pé a seguir preparando temas coa idea de publicalos xa neste disco, que xunto coa gravación foi o que fixemos durante este tempo. A verdade é que os nosos ritmos de traballo son moi naturais: intentamos ir adaptándonos ás nosas posibilidades e tamén por iso os tempos rematan dilatándose máis do que nos gustaría. A gravación do disco é a evidencia: comezamos en agosto en 2019 e non rematamos ate un ano despois (a COVID tamén tivo moito que ver, claro)».
Sendo un primeiro LP, no que o habitual sempre é atoparse con grupos que queren amosar todas a súas influencias, Estrelas no chan emerxe tremendamente homoxéneo, cunha atmosfera moi cromática, do pop tropicalista ao dream pop. Soa coma se, ademais de escoller ben as cancións, houbese unha liña de identidade xeral buscada no mesmo momento da composición. «Quizais isto é resultado do tempo que levamos xa xuntos traballando de portas cara a dentro e sobre todo da harmonía que sempre tivemos ao facelo, xa que cada un de nós ten unha forma xa moi definida de facer as cousas e achégalle a cada tema e, ao final, a música que escoitamos e que nos inflúe acaba por ser a mesma», explican.
Escoitando este traballo xorden reflexos da melancolía nortean tan típica do Manchester de The Durutti Column e incluso dos Smiths da primeira época, e que, dalgunha maneira, ten moito que ver coa galega. Óscar e Marta asenten: «Estamos moi de acordo, os primeiros grupos desa escena e desa época, como tamén poden ser Felt, acaban tendo unha conexión connosco, cremos que non moi buscada, pero que aí está. Ao final son grupos que ademais de gustarnos foron pioneiros no indiepop e sempre nos influirán dende a lonxanía. Pero si que nos vemos moi indentificados con estas dúas bandas. Tivemos un tema que incluso titulamos temporalmente "Smiths". Son grupos que baseaban a súa música nas guitarras e que se asemellan ademais en carácter, debe ser a necesidade de luz que compartimos».
Unha luz que no disco está avivada por medio do galego, do castelán e do inglés, tres idiomas diferentes que acaban por soar nunha mesma linguaxe pop, onde os diferentes cambios vocais e de idioma non se notan. Coma se houbese un profundo traballo vocal para limar as posibles diferencias de dicción.
«O traballo vocal tivo lugar máis no transcurso da gravación que nas etapas previas, aínda que houbo algunha excepción no que as melodías vocais foi o primeiro en ser composto, e a base sobre o que se construíu o demais. Moitas veces precisamos estar no estudo para probar harmonías, buscar arranxos, limar detalles... Ao non ter un límite temporal ríxido que acoutase a labor de estudo, puidemos traballar largo e tendido nas voces. Á súa vez, a masa de efectos que está nas pistas contribúe á homoxeneidade tonal».
Se antes falaba da sombra de The Durutti Column na atmosfera do disco, tampouco debemos esquecer outros tons que marcan o fresco final dun traballo onde tamén vese reflexada a presencia, consciente ou non, do selo discográfico Captured Tracks, Dirty Projectors e incluso Le Mans. «Á parte dos grupos mencionados anteriormente, temos certo foco posto en proxectos internacionais máis recentes como Tops, King Krule ou Connan Mockasin; mais non perseguimos soar a ningún deles en particular, senón achar unha fórmula que incorpore e harmonice os distintos estilos que nos interesan. Ultimamente estamos redescubrindo certa música brasileira que nos resulta moi estimulante (penso en Lô Borges ou Itamar Assumpção), e dando con nomes novos coma Ana Frango Elétrico e Sessa. Sería interesante atopar unha vía de conexión con todas estas esencias», comentan.
Non en balde, en só dez temas, Tulip son capaces de condensar todo un universo que comeza en “Traes la noche”, na que denotan o toque smith e ese golpe de batería tan simple e característico do jangle pop. Nas súas melodías tamén brotan ecos dos grupos 4AD e o ultra pop como The Go-Betweens. Pola súa parte, en “Deixa esta dor” lembran a complexidade cubista no ritmo de grupos como The Dirty Projectors e Grizzly Bear, na que asoma a pausa jazzy e os toques de guitarra hipnóticos estilo The Durutti Column. Esta é unha das cancións do álbum cantadas en galego na que plasman o que din na letra: “Para esta dor ten que haber solución”.
En “On The Sidelines”, o idioma empregado é o inglés. Marta toma o timón lírico e multiplica o efecto dream pop das electricidade onírica disposta en todo momento.
“Simpático” é un dos singles escollidos, pop tropicalista outonal onde asoma a sombra de grupos como Extraperlo. En “Lightness’s Explorer” afondan na veta melancólica cunha canción onde, de novo, as progresións da guitarra soan a ambient pop, aínda que tamén cunha sensación apegada a Everything But The Girl, polo menos ata que entra en escena un sinte decididamente marciano.
“Cilantro” é pop neutro que soa coma unha versión misteriosa de Young Marble Giants. En canto a “Perdida” fan uso dunha atmosfera tensa e fronteiriza, ao estilo british. Nova xema pop que evidencia a capacidade de vampirización de Tulip á hora de recoller os momentos máis fascinantes do pop nado entre a xeración xustamente posterior ao post-punk orixinal e o dream pop.
brumosa e melancólica, na onda de cancións anteriores, pero tamén cun final que conecta coa saudade pop dos Stereolab máis intimistas. Pola súa parte, “Espíritu” é outra delicia pop, esta vez marcada pola rítmica reverberante da percusión, e que tamén subliña o ton naíf que impregna todo o disco e que tamén conecta como se foran unha variante pop de grupos de hoxe en día como Vanishing Twin.
O remate chega con “Un mundo”, slow-pop ditado a cámara lenta, no que os trenzados eléctricos debuxan harmonías de profundo calado impresionista, ao longo de cinco minutos de abstracción pura, rematados nun evocadora exposición vocal digna dos Le Mans de “Aquí Vivía Yo” (1998).
Con semellante calidoscopio pop, saber como será a evolución de Tulip convértese nunha pregunta tan excitante como chea de incertidume, que eles enfocan desta maneira: «Seguramente vaiamos incorporando máis elementos electrónicos ao noso estilo e fagamos máis temas en galego… mais de momento non hai nada decidido! Auguramos que haberá cambios dun xeito ou outro, iso seguro».