Tras dúas décadas de espera, Trajedesaliva retorna á superficie por medio de ‘Ultratumba’, un disco de continuación pero tamén de ruptura respecto aos seus anteriores traballos, e sobre o que falamos con Mon Ninguén, cincuenta por cento do grupo conformado con Unavena.
O resultado final é, seguramente, a peza de corazón ambient máis relevante xamais gravada en Galiza, proeza emocional repleta de misterio e de referencias aos tótems do xénero, como Klaus Schulze ou o Vangelis de Blade Runner. Conexións que enriquecen o canto neutro de Unavena, quen fai do spoken word unha paleta de matices vocais chea de sensacións que van da tensión afiada no recitado de “A casas por las vías” á dozura melancólica de “Mamá es un animal morado”.
Un profundo traballo expresivo vocal para plasmar sentimentos tan variados en modo narrativo sobre o que Mon Ninguén explica que «efectivamente hai moitísimo choio aí. Esta era unha das cousas que tiñamos claras: que os textos tivesen a mesma musicalidade e sentimento que se fosen cantados. Pásanos tamén coa música, que parece que nos achegamos ao dark ambient ou ao industrial, mais sempre de xeito un chisco máis musical. Co spoken word temos a mesma filosofía: que a voz falada non ten por que estar pelexada ca musicalidade. En cada sesión, Unavena gravaba todas as letras de seguido e por orde. Penso que mesmo ela e a súa voz se afectaban pola historia mentres avanzaba nela. Tiñamos todo moi pensado: o sitio para cada letra, a fluidez, e tamén as respostas que recibe por parte da música. Non vexas nalgúns momentos o cheo que quedei ao meter algún bombo de máis, ou algunha nota fóra de tempo, para ficar ao servizo da voz».
O contorno instrumental tecido arredor da magnética vibración vocal de Unavena busca a expresión mínima e analóxica, dous vórtices básicos á hora de entender as ambicións do dúo nesta experiencia tan inmersiva: «A nosa idea era facer un disco con poucas pistas en cada canción», explica Mon Ninguén, «pero a medida que avanzabamos, amosouse como o único camiño. Os sons analóxicos que usamos eran tan puros e tan gordos que, literalmente, non podíamos meter máis de seis ou sete pistas á vez sen que estoupase todo polos aires. E como queriamos que soase coa máxima intensidade, tivemos que facer un exercicio moi forte de contención e de economía de medios para acadalo. Non foi nada doado».
Ao final, Ultratumba quedou composto por oito temas perfectamente cadrados dentro dun sentimento unitario, no que a materia ambient toma pulsión visceral como, por exemplo, en “A casas por las vías”, a cal lembra ao ambient paisaxístico de Klaus Schulze, quen perfilaba as súas sinfonías espaciais baixo o método de imaxinar bandas sonoras ficticias. Ultratumba tamén bebe desta proxección fílmica nacida da xeración Kosmische xermana dos anos setenta. «Tanto ese pre-ambient e o pre-industrial que comezaban a cociñarse na Escola de Berlín como o espírito de moitas películas dos anos 70 son unha inspiración moi forte para nós». Comenta Mon Ninguén, que engade «Solaris, Stalker e tamén as de Herzog, claro: Klaus Kinski dando voltas á deriva nunha balsa polo Amazonas coa música de Popol Vuh».
Por outra banda, en cortes como “Familia Ferro” invocan o industrial antártico de Ben Frost. É coma se estivesen na busca dunha fermosura brutalmente orgánica nas cancións, e ao mesmo tempo dunha proxección máis tribal dos sons, o cal é a gran diferenza cos seus anteriores traballos: «Exactamente, este foi un dos detonantes que marcaron o camiño do disco: o son como materia prima. Intentando mantelo puro e que as modificacións que sufrise formasen parte da interpretación. Tocar cunha man no teclado, e ca outra no delay ou no propio sinte foi o que trouxo ese sentimento tan orgánico. E así foi como se gravou todo, capa a capa».
Así como tamén fan Leyland Kirby ou Burial, condensando sensacións visuais expresadas pola música nos títulos das súas cancións, Unavena e Mon Ninguén tamén dotaron as súas pezas dunha significación que vai máis aló do simple bautizo: «Adoita a ser así porque o primeiro de todo que pensamos foi no concepto do disco. Dende hai anos que xa sabiamos que Ultratumba ía ter exactamente oito cancións, e con esa orde. E tamén os títulos. Desde o comezo, practicamente, non houbo cambios nese sentido», explican.
«Custa crer que pasasen tantos anos [desde que sacaron o seu último disco]. Aínda que poida parecer raro, a causa principal é que foi xusto o tempo que precisou o disco para madurar desde que nos puxemos a traballar nel. Ao comezo pensabamos que gravariamos no 2009.»
Aínda que o cambio respecto a Mima (2000) e Mima Blanca (2003) resulta evidente a todos os niveis, o que non cambiou é a importancia que lle dan ao misterio, parte totalmente identificativa do seu discurso creativo, como nas arrepiantes imaxes amosadas nas letras de “Mammillaria Sempervivi” ou “Queremos verte”, onde a música tamén é unha parte descritiva da narración sonora. Nesta integración absoluta coa dimensión dos textos recitados o perfeccionismo é levado á obsesión, o cal queda de manifesto nas dúas décadas que tiveron que pasar ata chegar ao seu novo LP, algo sobre o que nos din «que custa crer que pasasen tantos anos. Aínda que poida parecer raro, a causa principal é que foi xusto o tempo que precisou o disco para madurar desde que nos puxemos a traballar nel. Ao comezo pensabamos que gravariamos no 2009. Eu cheguei a preparar nesa época as maquetas previas e todo. Non era a mesma música nin as mesmas letras que agora, claro. Penso que no disco apenas haberá un dez por cento de todo o que tiñamos preparado nese momento. Tivemos a sensación de que aínda lle faltaba algo, e paramos un tempo. Logo duns anos notamos un clic, case de golpe, e todo comezou a coller corpo. Botamos ao lixo practicamente todo o que tiñamos e puxémonos a preparar unha nova gravación. Foi un proceso moi longo pero ao final logramos que o disco quedase perfecto, xusto como queríamos».
Nin máis nin menos, a estas alturas, Ultratumba é un agasallo totalmente inesperado que cubre un baleiro importante en terreo ambient dentro das latitudes atlánticas. Agora só nos queda agardar que a súa traxectoria prosiga con esperas menos prolongadas no tempo: «Nunca nos marcamos prazos, e case podo dicir que non somos donos do momento no que sentimos que chegou a hora de gravar. Pero si, vexo difícil tardar tantos anos en rematar un disco como pasou con “Ultratumba”», afirma Mon.