Os Peregrinos e Lia Pamina. Saudade con Rosalía de Castro

Os Peregrinos, un súper dúo conformado por gourmets tan exquisitos da liturxia pop como Charlie Mysterio e Roger de Flor, conecta coa saudade íntima e melancólica tecida por grupos pertencentes ao Donosti Sound dos 90, como Le Mans. Da man de Elephant Records veñen de presentar un EP con catro cancións que musican poemas de Rosalía na voz da cantante de Castellón (con raíces na Coruña) Lia Pamina.

 

O espírito cotián das súas letras e a inflexión máxica arrecenden en todo momento nas cancións que no seu momento conformaron o mini-LP Canto Peregrino, co que Os Peregrinos debutaron en 2017, e que ten continuación no seu recente EP, gravado en alianza coa cantante ultra pop castellonesa Lia Pamina. Nos dous casos estamos a falar de pop de celofán, terso, elegante, encadrado nunha enunciación neutra, case narrativa, das cancións reunidas para dar forma a este EP cuxa pertenza ao selo discográfico Elefant Records é tan evidente como o é a devoción profesada por Roger e Charlie cara a prestidixitadores da expresión mínima da materia pop como Young Marble Giants, pero tamén ás músicas do Brasil.

No seu momento Os Peregrinos foron capaces de empurrarnos até o corazón do “Vello Ferrol”, cidade onde residía Roger cando fixeron o seu primeiro disco: un labirinto de emocións encapsuladas que serpean polas rúas ferrolás, nun exercicio de bossa nova tan descritiva como xeográfica, que esperta a imaxinación de como soarían Le Mans se plantasen a súa semente nalgunha vila costeira ártabra.

Entre o mar e a cidade discorre esta variación tropicalísta do «pop de mesa de braseiro» que fixeron no seu momento Vainica Doble. Variacións feitas en clave matrioska coa que retomaron a súa fórmula intransferible en “Lúa Descolorida: Tributo a Rosalía de Castro”, onde van máis lonxe que nunca na procura de novos desdoblamentos no seu propio corpus de traballo. So así é posíbel que saian á luz cancións como “¿Por que?”, onde, grazas á presenza vocal de Lia Pamina, soa como unha metamorfose bossa nova de Jeanette cantando en galego.

Nesta homenaxe a Rosalía de Castro, Os Peregrinos e Lia Pamina escolleron catro poemas de Follas Novas, cos que fan do funambulismo pop a milagre que contextualiza a voz da gran matriarca da poesía galega.

Sobre como foi posíbel atopar o meridiano de encontro entre o mundo de Os Peregrinos, Lía Pamina e Rosalía de Castro, Roger de Flor explica que «non foi premeditado. As cancións foron xurdindo dunha maneira totalmente natural. Si que é verdade que Charlie e mais eu temos unha influencia moi potente da música brasileira. Seguramente, a bossa nova é unha das miñas grandes paixóns, e recorro a ela constantemente. De feito, tiven un dúo no que facíamos bossa nova nos meus anos máis mozos. Todas estas melodías encaixábanme perfectamente cos textos de Rosalía, tan dramáticos e vitalistas, ao mesmo tempo, como poden ser moitas cancións de Vinicius de Moraes, Tom Jobim, etc. En canto a influencia do pop francés, está moi claramente na canción “Follas Novas”. Si que é verdade que, cando a estaba facendo, estaba planeando Françoise Hardy na miña cabeza. Ademais, nese momento estaba xa pensando moito en Lia, en algo que se adaptase moito a ela, e ese formato creo que lle acaía moi ben. Ademais, a partir dos anos sesenta, o pop francés está moi influenciado pola música bossa nova. Loxicamente, o espírito galego tamén está aí. Vexo o mar, a choiva, e todo iso é inevitábel. Charlie tamén é fillo de galego e ama Galicia».

Ó longo das ondas acougadas nas composicións aquí recollidas, Lia, Roger e Charlie izan as velas da inspiración por mares cálidos no Atlántico, entre tonadas que emerxen como unha versión autóctona do ensoñador combo post-punk belga dos anos oitenta Antena, autores dunha peza icónica do pop ambient-samba como “Camino del Sol”.

Pero como xurdiu a necesidade de sacar adiante un proxecto tan especial como este? Tal como lembra Roger: «A idea xurde nunha conversa que eu teño con Lia Pamina. Nós somos colegas do mesmo selo discográfico. Ela seguía os pasos d’Os Peregrinos. É moi fan nosa, e nós dela tamén. Entón, nunha destas conversas que eu tiña con ela de vez en cando, falando de música, cine e libros, cóntame que a súa poeta favorita é Rosalía de Castro. O pai de Lia é da Coruña e marchou moi novo vivir á zona de Levante. Para ela, Rosalía xa nacera en Castellón. Eu tamén son moi admirador de Rosalía de Castro. Pregunteille cal era o seu poema favorito e díxome que “Lúa descolorida”. A cousa quedou un pouco na recámara, deille voltas, e entón coincidiu que nunha desas Charlie, o meu socio nos Peregrinos, estaba por aquí porque tiña dous concertos. Un día, despois dunha troula, eu collín o libro de “Lúa Descolorida”, e cando el espertou da sesta eu xa tiña a canción perfilada. Canteilla e el rematouna nesa parte final máis inspirada nas melodías de Burt Bacharach, máis festiva. Gustounos a canción e enviámoslle unha maqueta moi prebásica a Lia. A ela encantoulle. Pensei que niso había algo máis especial, así que fun indagando no libro “Follas Novas”, e empezaron a aparecer melodías por todos os lados. Pouco despois xurde a canción “Follas Novas”, e xa a enviamos a Luis Calvo [director de Elefant Records], como que aquí había xa algo serio. El diso que adiante, que encantáballe esa liña, e decidimos facelo nun formato EP, de catro cancións».

Se antes falabamos dun achegamento como “Por qué?”, o xogo da saudade carioca-galega, mergullado na choiva-sol de mencer brasileiro, prosegue en “Lúa descolorida”, peza titular deste pequeno gran agasallo. Pola súa parte, “Paz desexada” é a derradeira mostra xenial desa posibilidade de xuntar a poesía de Rosalía de Castro coa voz inocente de Lia Pamina. De novo, coa natureza tropical arredor, nesta peza funden Galicia, Brasil e savoir faire francés nun delicioso país imaxinario de entroido melancólico achampañado. Desta mestura inusual, Roger comenta que «eu quería darlle a Rosalía un sentido global, no bo sentido da palabra. E facelo a través de dous xéneros tan universais como son hoxe en día a bossa nova e o pop, porque creo que a súa poesía ten ese carácter universal».

Ante todo, Lúa descolorida: tributo a Rosalía de Castro é un brinde exótico pola figura da nosa poeta máis internacional para degustar coa certeza de que respecto e reinvención poden ser termos limítrofes.

© Raquel Calvo
Marcos Blanco Gendre

Marcos Blanco Gendre

Xornalista anti postureos, non son "the voice of my generation"… nin gañas que teño.

Outras adaptacións rosalianas

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.