'Caravel'. O novo tema de Baiuca mestura electrónica, flamenco e Rosalía (a nosa)

Nita (Fuel Fandango) e Álex Guillán (Baiuca) nun descanso da gravación. © LeChuck Studio para SON Records Estrella Galicia

Da mestura entre a voz de Nita (Fuel Fandango), o poema de Rosalía “A mi madre” e mais un percorrido polo folclore ibérico (de Andalucía a Galicia pero tamén con influencia de América Latina e dos países árabes) sae o novo tema de Baiuca, que parece non porlle límites á súa ansia de cruzar a electrónica de vangarda coa música folk. 

 

“Caravel” é o título desta nova canción que produce o músico de Catoira, que desta vez se decidiu poñerlle música aos versos que Rosalía lle dedicaba á morte da súa nai e que publicaba en castelán no ano 1863, mesmo ano no que publicou na nosa lingua Cantares gallegos

Portada e algúns versos de 'A mi madre', publicado en 1863 por Rosalía de Castro. Dominio Público Wikimedia Commons

 

Quen lle pon voz ao versos de Rosalía é a cantante cordobesa Cristina Manjón, Nita, vocalista do grupo Fuel Fandango. O seu cantar dalle un aire flamento que, coas palmas que acompañan as bases electrónicas, recórdanos a outra Rosalía, pero que garda o selo característico de Baiuca nas súas colaboracións con outras voces femininas como as de Aliboria

Caravel é a segunda e última canción que Baiuca produce para celebrar os dez anos de SON Estrella Galicia na iniciativa SON Records. Tanto Caravel como Fisterra, o tema no que colabora con Carlangas, vocalista de Novedades Carminha, para levar a sons latinos un clásico da canción popular galega, formarán parte dun 7'' de edición limitada que se vai repartir no concierto de Baiuca no Teatro Lara de Madrid o próximo 12 de decembro. Concerto para o que xa están esgotadas  as entradas, por certo.

 

Esta noite Baiuca actúa coa súa banda o seu espectáculo audiovisual en Lugo, para a festa de aniversario que celebra o Centro de Empresas e Innovación de Lugo, CEI-Nodus, na praza do antigo cuartel de Garabolos. A entrada e libre, as portas ábrense ás 20:30h e tamén actuarán Laura LaMontagne & Pico Amperio e Natalia Ferviú DJ

Velaquí unha reportaxe sobre como se fixo a colaboración entre Baiuca e Nita para o tema "Caravel":

Tamén che interesa

  • Vinte imaxes do Son do Camiño

    Nun festival tan grande e variado como o Son do Camiño xúntase moita xente. Cada unha coa súa historia e coas súas circunstancias, e por suposto, cos seus gustos. Uns ían por David Guetta e outros por Iggy Pop, pero todos tiñan en común algo: as ganas de disfrutar. Fixemos esta galería co público e traballadores do festival. Dalgunha persoa sabemos o nome e as circunstancias. E doutras non, desculpádenos. Con todo aquí vai esta colección de imaxes do festival, 20 de VINTE, feitas por de Tamara de la Fuente.

    Música

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.